Cabanas apoia a creación do estatuto do feminicidio a instancias do BNG
No pleno ordinario de outubro, o BNG presentou unha moción para a ampliación da acreditación por violencia machista e a creación do estatuto do feminicidio, como parte do noso traballo cos movementos sociais, neste caso cos movementos feministas.
O punto máis importante da moción foi a creación da figura do feminicidio. O feminicidio foi promovido polos movementos feministas como unha figura legal, que sobarda o ámbito que legalmente se lle recoñece á violencia de xénero, de xeito que inclúa todos os ataques nos que é relevante o feito de a vítima ser muller, ou nos que se busque o sufrimento da muller como obxectivo.
Isto ten dous aspectos:
Por unha parte inclúense todos os ataques ás mulleres, independentemente da súa relación co atacante, e non só os ataques a compañeiras sentimentais, esposas, etcétera. Deste xeito evitaríase por exemplo, que no recente caso dos asasinatos de Cuenca (no que un home asasinou a súa ex-compañeira e a unha amiga que a acompañaba) só a primeira das vítimas fose recoñecida como vítima de violencia de xénero, cando a outra tamén foi asasinada polo mesmo motivo. Ou, por exemplo, que os casos de asasinatos de prostitutas polos seus clientes non aparezan en ningunha estatística.
Doutro lado, búscase expandir a definición do que se considera como violencia de xénero, incluíndo a violencia cara os achegados da muller (asasinato de fillos, por exemplo), a violencia sexual ou a violencia causada polo propio estado (cando, por exemplo, unha muller ten que acudir a realizar un aborto clandestino por non estar regulado o seu dereito).
A moción saiu adiante co apoio de todas as forzas políticas agás o da concelleira de AEC, que se abstivo.
*A viñeta que acompaña a nova é obra de Luis Davila e foi publicada no Faro de Vigo do 25/11/2015.