O PROXECTO DE LIÑAS NON ATENDE ÁS NECESIDADES DE CABANAS E Á SÚA VECIÑANZA

O BNG solicita que o Concello de Cabanas faga alegacións ao proxecto de liñas de autobús

transporte
O BNG solicita facer alegacións ao plan de transporte
O BNG solicita que o Concello de Cabanas faga alegacións ao proxecto de liñas de autobús

O BNG de Cabanas defenderá no pleno do vindeiro mércores 27 de febreiro unha moción para que o Concello de Cabanas presente alegacións aos proxectos de liñas de transporte público por estradas que están actualmente en información pública.

Para o BNG, as propostas de proxecto non dan resposta aos problemas de transporte público en Cabanas, e nomeadamente do transporte colectivo por estrada. "Con estas propostas, a liña que dá servizo a Regoela e Lavandeira, que só incrementa as súas frecuencias nun servizo diario en sentido Ferrol, seguirá sen ser unha alternativa viábel de transporte para a maioría da veciñanza", explicou o voceiro municipal do BNG, Iago Varela. "E as liñas compartidas co transporte escolar, coas súas frecuencias e horarios, tampouco vai supór unha mellora real", apuntou.

As propostas, ademais, obvian o acordo plenario do pleno de Cabanas, tomado por unanimidade en maio de 2018, polo que se solicitaba unha liña circular de interese municipal. "A liña de interese municipal permitiría conectar todas as parroquias do concello, e que a veciñanza das parroquias puidese ter un acceso máis sinxelo aos servizos situados na zona urbana", indicou Varela. "Actualmente, a poboación de Regoela e Soaserra que queira ir ao Concello ou ao Centro de Saúde en transporte público ten que ir até Fene para facer transbordo, un rodeo que non ten sentido."

Esta moción, que tamén incluía a solicitude de que houbese cando menos un servizo diario por sentido en todas as liñas e paradas, foi emendada polo PP para incluír a creación dun grupo de traballo para realizar propostas de mellora nas liñas, "pero este nunca foi convocado polo goberno municipal de PP e AEC", explicou Varela. 

De se aprobar a iniciativa presentada agora, o concello de Cabanas presentará alegacións solicitando a mellora de todas as liñas, incluíndo cando menos un servizo diario por sentido, así como a creación da liña circular, "conectando todas as parroquias do concello, co obxectivo de mellorar a cohesión interna e achegar a veciñanza das parroquias con menos frecuencias aos servizos das zonas urbanas así como dar a posibilidade de aproveitar as conexións da liña A Coruña-Ferrol mediante transbordos."

O BNG solicita que o Concello de Cabanas faga alegacións ao proxecto de liñas de autobús