O BNG, obrigado a retirar a súa publicidade en Cabanas.
O pasado martes o BNG recibiu, a través da policía local, unha denuncia do alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, na que se nos urxiu a retirar a cartelaría da campaña Depende de nós, baixo ameaza da correspondente sanción. En cumprimento dos requerimentos da Ordenanza de promocion de condutas cívicas e protección de espazos públicos, desde o BNG Asembleas Abertas procedemos a retiralos en tempo e forma.
Porén, desde o BNG queremos chamar a atención sobre a discrecionalidade na aplicación da ordenanza: Ao tempo que o goberno amosa unha grande flexibilidade con anuncios de todo tipo (festas, actividades, anuncios de diversa natureza), non dubida en aplicar a Ordenanza no seu sentido máis estrito para acalar á oposición, ordenando eliminar todos os cartaces de contido político baixo ameazas de importantes sancións.
Desde o BNG pensamos que isto non son máis que os derradeiros estertores dun goberno moribundo, que non dubida en atacar a liberdade de expresión para acalar as moi merecidas críticas, do mesmo xeito que fai o goberno do Estado coa súa Lei Mordaza.
No BNG-Asembleas Abertas queremos implantar un modelo diferente, onde a liberdade de expresión e a participación veciñal sexan clave. Por iso, e en contraste coa política represiva de Castrillón, comprometémonos a habilitar taboleiros de libre expresión en todas as parroquias, e implantaremos unha nova forma de gobernar, na que as veciñas e veciños poidan propór mocións nos plenos e decidir en que se inviste unha parte do orzamento local. Ademais, procuraremos que as entidades sociais teñan parte na xestión de goberno nos seus respectivos ámbitos, traballando por construír un Concello mellor para todos e todas.