O BNG denuncia a inacción de Castrillón ante un novo incendio nun chiringuito da Madalena

O BNG denuncia a inacción de Castrillón ante un novo incendio nun chiringuito da Madalena

 

incendio cabazo 3Hoxe cara ao mediodía produciuse un novo incendio nun “chiringuito” do piñeiral da Madalena, desta volta n’O Cabazo, vindo sumar outro incidente aos que xa teñen ocurrido en 2008, 2012 ou no pasado mes de outubro.

 

 

Os chiringuitos da praia da Madalena son construcións que se ben teñen un importante percorrido histórico, estando presentes na praia desde polo menos os anos 40 do século pasado, e interese desde o punto de vista da prestación de servizos turísticos; están agora nun deficiente estado de conservación.

 

 

Ante este novo incendio, desde o BNG de Cabanas preguntámonos que pensa facer o Goberno Municipal de Cabanas con respecto a estes establecementos e á protección do Piñeiral de Cabanas.

 

 

O Goberno Municipal manifestou no 2012 a súa intención de facer un plano específico para os “chiringuitos”, incluíndo a demolición de todos estes establecementos e a reconstrución dalgúns deles de forma que cumplan a Lei de Costas, mais nada máis se ten sabido e non se ten levado a cabo NINGUNHA actuación. A inacción de Castrillón deixa aos propietarios nun baleiro legal, pois non contribúe á adaptación á legalidade dos chiringuitos, e ademais non evita o deficiente estado dalgúns destes establecementos e o conseguinte incremento dos riscos, entre eles o dun grande incendio que podería acabar co Piñeiral de Cabanas.

 

 

Desde o BNG de Cabanas preguntámonos cantos incendios máis necesita o Señor Castrillón para sair do seu letargo e actuar para garantir a seguridade e legalidade dos chiringuitos ou se será necesario ver o Piñeiral carbonizado para que o goberno municipal actúe.

 

O BNG denuncia a inacción de Castrillón ante un novo incendio nun chiringuito da Madalena