O BNG denuncia a falsidade das acusacións de Germán Castrillón á oposición esgrimidas na súa defensa
Segundo soubemos polos medios, durante a súa comparecencia onte perante o xuíz acusado dun delito de desobediencia por non ter executado aínda as ordes de derrubamento que afectan ao edificio O Penso, o Alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, e o seu avogado, David Vidal, ademais de culpar á veciñanza, acusaron á oposición política no Pleno Municipal de impedir levar a cabo as obras por non ter aprobado as indemnizacións pactadas coa metade dos propietarios na pasada sesión plenaria do 30 de setembro.
Ante estas falsas acusacións, o BNG de Cabanas quere manifestar o seguinte:
1. O pleno ordinario do mes de xullo (29 de xullo) aprobou unha moción (unicamente cos votos favorábeis da oposición) instando ao goberno local a tratar o asunto do Penso no seguinte pleno, previo envío de toda a documentación sobre a causa a todos os concelleiros da corporación.
2. O Goberno de Cabanas incumpriu a súa obriga e só deu acceso a unha pequena parte da documentación, o que impediu (e segue a impedir) á oposición ter coñecemento real sobre o estado do asunto. Ademais, desde que o PP trasladou a causa a un gabinete xurídico externo, a documentación que chega do xulgado non pasa polo Rexistro Municipal, o que dificulta aínda máis o acceso á información.
O rexedor cabanés usa á oposición e á veciñanza como escusa para a súa inoperancia nas obras de derrubamento do edificio O Penso.
3. Durante o pleno ordinario do mes de setembro (30 de setembro), o alcalde pretendeu aprobar un acordo indemnizatorio pactado coa metade dos veciños, que foi rexeitado pola oposición en bloque, e no que agora se escuda para xustificar a súa inoperancia durante os anteriores oito anos.
4. Hai tres causas principais para este rexeitamento: Na orde do día do devandito pleno incluíase unicamente unha comparecencia do alcalde, non a adopción de acordo indemnizatorio algún. O ROF recolle no seu artigo 105, apartado 3, que dunha comparecencia en ningún caso pode derivar a adopción de acordos, a menos que o pleno vote de urxencia a inclusión dun punto específico, algo que non se fixo. Polo tanto, a votación que se fixo no pleno (e que o alcalde perdeu) carece de calquera validez, e a hipotética aprobación do acordo podería ter tido consecuencias legais.
5. O acordo asinado polo Alcalde cos veciños carece de bases legais: non conta co informe favorábel do Secretario Interventor, non conta co visto bo da Comisión de Contas e Facenda Municipal, as cantidades económicas que contempla non teñen xustificación e ningunea o que poida dicir o Consello Consultivo de Galiza.
6. O pleno, ademais, non ten que pronunciarse sobre un acordo de indemnizacións, pois é unha atribución do Alcalde no exercicio das súas competencias, tal e como se recolle no Artigo 21.1.s da Lei de Bases de Réxime Local. O alcalde trouxo ao pleno, para a súa aprobación, un acordo de cuxa ilegalidade era consciente, sabendo que a oposición non podía votar a favor, buscando o voto en contra da oposición para dicirlle á veciñanza (como de feito fixo no propio pleno), que era culpa da oposición a non aprobación das indemnizacións. O BNG pregúntase se realmente estivo algunha vez na vontade do goberno municipal a aprobación desas indemnizacións, xa que, se o estivese, deberían terse presentado seguindo os procedementos establecidos e garantindo a súa legalidade.
7. Para o concelleiro do BNG en Cabanas, Iago Varela, as acusacións da defensa de Germán Castrillón á oposición forman parte dunha maquiavélica estratexia de manipulación coa que pretenden agochar a súa ineptitude. Lembra que tras oito anos gobernando a localidade (catro deles en coalición con persoas involucradas na concesión da licenza ilegal do Penso), o Alcalde de Cabanas non fixo máis que seguir endebedando o concello con novos pleitos en lugar de dar unha solución definitiva ao tema que teña en conta o benestar da veciñanza.
8. Por último, o BNG quere condenar as declaracións de Germán Castrillón nas que alega a "oposición frontal da veciñanza" para xustificar a súa inoperancia. A veciñanza do Penso non fixo máis que defender os seus intereses ante a intención do goberno do PP de executar a sentencia sen ter atendido os seus dereitos (indemnizacións, realoxos durante as obras), nunha nova mostra do desleixo de Castrillón na xestión deste problema, que agora quere solucionar a toda présa e de xeito irregular.