O BNG denuncia as actitudes antidemocráticas de Germán Castrillón
O Pleno Municipal de Cabanas foi suspendido onte no medio do debate dunha moción de urxencia do BNG que pedía a redacción dun regulamento de usos de locais municipais, motivada polas reiteradas negativas do alcalde, Germán Castrillón, a permitir o uso destes para asembleas veciñais, no que consideramos un ataque ao dereito de reunión e ao exercicio da libre labor de oposición.
Porén, non foi o único momento tenso do pleno de onte, no que o alcalde obrigou á corporación a ratificar, fóra de orde do día, un acordo indemnizatorio asinado por el con parte dos propietarios do Edificio O Penso, pendente de demolición. Dito acordo é ilegal ao non contar co ditame favorable do secretario interventor, nin ter pasado por unha comisión de contas e facenda, ningunear ao Consello de Contas e establecer unhas contías económicas que semellan arbitrarias e das que descoñecemos a motivación, advertiu o edil nacionalista Iago Varela. Alén diso, cando o concelleiro do BNG, no seu uso da palabra, explicou que o ROF non permite a adopción de acordos nun punto de comparecencia, foi advertido polo alcalde até en dúas ocasións.
Desde o BNG denunciamos a actitude antidemocrática e ditatorial mantida por Germán Castrillón no pleno de onte, e lembrámoslle que xa non ten maioría absoluta para facer o que lle praza. Non lle imos pasar unha.
Cabanas prohibe os circos con animais
A instancias do BNG, o pleno cabanés deu onte luz verde á unha moción que prohibe a instalación de circos que empreguen animais nos seus espectáculos e a exhibición de animais salvaxes en catividade, tanto en instalacións itinerantes coma noutros espazos públicos.
Rexeitada a declaración de Cabanas como concello aberto á acollida de refuxiados
Pola contra, o voto en contra do PP e as abstencións de AEC e Somos Cabanas rexeitaron a declaración de Cabanas como concello aberto á acollida de refuxiados que solicitamos desde o BNG. É lamentábel que o goberno dun concello que conta con instalacións e deixa parte do seu orzamento sen cumprir teña unha actitude tan ruín cara esta problemática denunciou Varela.
Continuación do pleno e resto de puntos
A suspensión do pleno obriga a que teña que ser retomado onde quedou nunha data próxima, aínda por determinar. Así mesmo, nos próximos días detallaremos punto a punto o acontecido no pleno.