A APLICACIÓN PÓDESE INSTALAR EN CALQUERA DISPOSITIVO ANDROID DESDE A PLAY STORE
O BNG de Cabanas lanza unha aplicación para involucrar á veciñanza na elaboración do programa
O BNG de Cabanas vén de pór en funcionamento unha aplicación para móbiles co obxectivo de recoller propostas da veciñanza para a elaboración do programa electoral das próximas municipais. A app, que está dispoñíbel para todos os smartphones e tablets Android, permite ás usuarias enviar as súas ideas e propostas, que serán tidas en conta no programa do BNG.
A aplicación, que xa se pode descargar desde a Play Store (buscando “Programa BNG 2019” ou clicando aquí), tamén dá acceso ás redes sociais do BNG na localidade (Twitter, Facebook, WhatsApp...), de maneira que a veciñanza interesada pode escoller a fórmula que lle resulte máis cómoda para facer as súas achegas.
“Queremos implicar á xente na elaboración do programa porque o noso modelo de concello non se entende sen a participación da veciñanza”, sinalou o portavoz e candidato do BNG á alcaldía de Cabanas, Iago Varela. “Todas as propostas serán tidas en conta para buscarlles encaixe no programa co que o BNG gobernará Cabanas a partir de maio”.
O BNG, pioneiro no uso das ferramentas dixiais
O BNG de Cabanas é pioneiro no uso das ferramentas dixitais para o contacto coa veciñanza. Xa en 2016 puxo en marcha un número de WhatsApp para o contacto coa veciñanza, no que contabilizan máis de 500 consultas e suxestións. “O goberno do BNG seguirá avanzando na dixitalización de Cabanas como medida para construír unha administración máis eficiente e próxima”, conclúen desde o Bloque.