Ana Miranda visita Cabanas acompañada do candidato á alcaldía Iago Varela 

20190507_131804
Ana Miranda visita os refugallos asfálticos en Vilar do Colo

A nosa eurodeputada Ana Miranda e o noso candidato á alcaldía, Iago Varela, visitaron varios puntos do concello afectados por políticas dependentes da Unión Europea, como son os refugallos de Vilar do Colo e os depósitos de Pedra do Couto , e mantiveron tamén un encontro coa veciñanza de Laraxe.

Ana Miranda visita Cabanas acompañada do candidato á alcaldía Iago Varela 

A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, visitou esta mañá o concello de Cabanas acompañada do candidato á alcaldía, Iago Varela, e varios membros da candidatura do BNG local. Xuntas percorreron varios puntos do concello afectados por políticas dependentes da Unión Europea, como o depósito de auga de Pedra do Couto ou o lugar no que continúan os refugallos asfálticos contaminantes en Vilar do Colo.

Refugallos en Vilar do Colo

Ambos candidatos foron visitar o lugar no que continúan os refugallos asfálticos contaminantes depositados pola empresa Manmer nunha parcela do polígono colindante co río Baa, malia haber unha resolución da APLU de xaneiro de 2014 que urxía a súa retirada e unha sentenza xudicial no mesmo sentido de outubro de 2017.

“En 2015 o BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza instando á Xunta a cumprir a resolución da APLU, que foi tombada polo PP, e en outubro de 2017, coñecida a sentenza, conseguimos o posicionamento unánime do pleno de Cabanas para exixir a retirada dos refugallos” explicou Varela, quen lamentou que “malia todo, nin o goberno local nin o autonómico realizaron xestión algunha a este respecto”.

Ao tratarse dun asunto que afecta a varios estados membros (os refugallos foron importados dos Países Baixos), o BNG presentou en 2018, a través de Ana Miranda, unha batería de preguntas á Comisión Europea para exixirlle ao Estado español o cumprimento da normativa europea, a execución da sentenza, a retirada dos refugallos e a reposición do chan á situación anterior á súa contaminación.

Agora, e a raíz desta visita, Ana Miranda comprometeuse a levar novamente a Bruxelas o incumprimento da lexislación. Segundo explicou a candidata do BNG ao Parlamento Europeo, "Sería moi importante solicitar a realización dun informe sobre o impacto destes refugallos asfálticos na saúde, nos ríos e na ría". Estes refugallos, traídos de Holanda, fan que "pareczamos o lixo de Europa, entre estes refugallos e os restos radioactivos na foxa atlántica", criticou.

Depósitos de Pedra do Couto

Por outro lado, ambos candidatos tamén visitaron os depósitos de auga de Pedra do Couto. Trátase dunha obra que foi financiada ao 70% polo FEDER para dotar de presión suficiente á rede de abastecemento do polígono de Vilar do Colo, pero nunca foi posta en marcha e actualmente se atopa en estado de abandono.

“O PP vendeu que esta obra ía dar solución aos problemas de abastecemento de auga de Laraxe, aínda sabendo que non existía no proxecto ningunha infraestrutura de potabilización”, explicou Varela, quen lembrou que “a día de hoxe boa parte da veciñanza da parroquia segue a ter que abastecerse con pozos de barrena e pequenas traídas locais”. Ana Miranda criticou o mal uso de fondos europeos nesta rede de abastecemento, "que nunca foi posta en marcha e está nun estado de abandono absoluto".

“É necesario que Galiza teña presenza no Parlamento Europeo para que concellos como o de Cabanas poidan ter voz en Europa”, concluíu Ana Miranda, quen se comprometeu a seguir traballando para que Cabanas poida seguir sendo escoitada en Bruxelas a través do BNG.

Ao remate da visita, ambos candidatos participaron nun encontro aberto en Laraxe, ao que acudiron varios veciños da parroquia afectados pola falta de abastecemento. 

Ana Miranda visita Cabanas acompañada do candidato á alcaldía Iago Varela