GOBERNO

100 días do BNG no goberno: cumprindo co programa e #facendoCabanas

Iago Varela e Paula González, concelleiros no mandato 2019-2023.
Iago Varela e Paula González, concelleiros no mandato 2019-2023.
Resumo das principais actuacións das áreas coordinadas polo BNG durante os primeiros 100 días de goberno municipal en Cabanas.
100 días do BNG no goberno: cumprindo co programa e #facendoCabanas

Hoxe 23 de setembro cúmprense os primeiros 100 días do BNG no goberno en Cabanas.

Foron 100 días de aprendizaxe e traballo arduo, nos que nos fomos adaptando aos ritmos e procedementos da engranaxe administrativa, mais nos que xa puidemos amosar unha mostra do que será o traballo do BNG para os próximos case catro anos.

Desde as nosas concellarías (Promoción Económica e Turismo, Emprego, Industria, Transporte e Mobilidade, Polígono industrial, Telecomunicacións, Comercio, Feiras, Patrimonio, Urbanismo, Medio Ambiente, Participación Veciñal e Comunicación, Innovación Tecnolóxica; Persoal, réxime interno e formación; Muller, igualdade e LGTBI+; e Normalización Lingüística), traballamos para transformar o concello, co obxectivo ben coñecido: facer de Cabanas un lugar onde todo o mundo poida vivir mellor.

Unha das nosas primeiras tarefas foi preparar o #SanXoan sostible, no que colaboramos desde a concellaría de MEDIO AMBIENTE fomentando a redución de plásticos e de lixo. Nesta mesma concellaría fixemos unha campaña de concienciación da reciclaxe, cun posto no paseo e reparto de bolsas, e recentemente lanzamos o novo plan de compostaxe e as bases para o reparto de composteiros, co que queremos contribuír a unha diminución dos residuos e aforrar tamén na factura do tratamento do lixo. Ademais, comezamos coa revisión do estado do Piñeiral, facendo actuacións de urxencia para aumentar a seguridade e comezando a preparar as actuacións ao respecto, que comezarán o ano que vén.

No tocante ao TURISMO, comezamos o traballo para facer que Cabanas teña un modelo turístico diversificado, que chegue a todo o territorio e nos beneficie economicamente. Remozamos a área, creando unha base de datos de visitantes, e realizamos varias labores de promoción, como a participación na Feira do Camiño Inglés e a gravación dun programa da TVG. Tamén comezamos cos traballos de preparación do novo material, no que xa comezamos co traballo de diversificación participando nunha guía do Patrimonio Indiano que inclúe unha ruta con paradas en Cabanas.

O traballo en EMPREGO E COMERCIO polo de agora está a centrarse na realización de reunións, mais fixemos as xestións precisas para rematar a tramitación da liña de axudas para que empresas poidan contratar a persoas participantes nos obradoiros de emprego, e comezamos a reconfigurar o modelo de feiras, ao tempo que celebramos diversas edicións.

No tocante á concellaría de URBANISMO, nada máis chegar ao concello cumprimos cunha das nosas principais promesas ao poñer o PXOM a disposición de toda a veciñanza publicándoo en internet. Tamén impulsamos os traballos da mellora de seguridade no acceso a Chamoso, e tivemos unha reunión con Costas, na que tratamos das opcións para darlle unha solución máis duradeira ao problema do talude do camiño de acceso. Tamén comezamos xestións con ADIF para conseguir a tranferencia de titularidade dalgúns viais que agora mesmo non son municipais, o que permitirá poder realizar obras nos mesmos.

Ao tempo, desde a concellaría de MOBILIDADE seguimos traballando para dar á veciñanza opcións de transporte público viables, e para iso presentamos alegacións ao proxecto de plan de transporte, pedindo máis frecuencias nas principais rutas, unha parada en Vilar do Colo, e a creación dunha liña circular de interese municipal que evite os grandes rodeos, e lanzamos axudas para o transporte de estudantes á Coruña, Ferrol e Santiago, contribuíndo a frear a fuxida da mocidade.

Tamén traballamos en INNOVACIÓN TECNOLÓXICA, iniciando os trámites para a extensión da rede de fibra óptica no concello, facendo unha revisión das zonas de cobertura mobil e activando puntos WiFis públicos de acceso gratuíto na Caseta de Turismo e na Escola de Lavandeira, para enfrontar a fenda dixital que aínda sofre este concello.

Reformulamos a PARTICIPACIÓN VECIÑAL, reactivando e procedimentando o teléfono da veciñanza e iniciando os trámites para o lanzamento dunha app, da que teredes novas proximamente, creamos a área de NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA e participamos na contratación de persoal con axuda da Mancomunidade, e activamos, tamén, un programa de intercambio con Mozambique a través do Fondo Galego de Cooperación, polo que vimos de recibir hoxe mesmo un funcionario mozambicano que se integra no concello por unha semana.

Por último, na área de IGUALDADE E LGTBI, ademais de dar unha resposta social contundente aos asasinatos machistas na nosa terra, trouxemos por primeira vez a Cabanas un posto sobre violencia machista nas Festas de Santa Marta con reparto de información AgresiónOFF, organizamos unha actividade de teatro coa campaña da Pelota de Diversidade e lanzamos a campaña #CabanasDiversa, con crachas e pintando tanto o muro do PAI como o Banco da Diversidade. Esta campaña participa nos CFCI Awards 2019 de UNICEF, que premian ao lugar máis acolledor do mundo para a infancia e a adolescencia.

E claro, ademais de todo este traballo que luce, tamén fixemos moito traballo administrativo, dese que non se ve, pero que axuda a que despois as cousas vaian saíndo. Por exemplo, melloramos a comunicación en redes sociais e as notas de prensa do concello, facendo que a relación coa prensa sexa máis dinámica; revisamos o estado dos contratos do persoal municipal, así como a prevención de riscos; analizamos o consumo en telecomunicacións para reducir o que paga o concello e que así queden máis cartos para investimento, e proximamente farémolo tamén co gasto en electricidade; tivemos reunións de presentación con diversos organismos, asociacións, e nas próximas semanas teremos outras con organismos como a Deputación, a Dirección Xeral de Turismo ou a Xestora do Polígono, así como outras de Participación Veciñal... e moitas máis cousas, nas que estamos traballando e que irán vendo a luz durante os vindeiros meses.

Por último, e como non podería ser doutra forma, traballamos en eventos organizados por outras áreas do goberno que non dependen do BNG, como Santa Marta ou o campionato de Piragüismo, do mesmo xeito que concelleiros doutras forzas axudaron tamén a levar adiante actuacións das nosas áreas. As concellarías non son compartimentos estancos, e moitas actuacións concretas acaban por depender de varias áreas á vez. Estamos a traballar como un só goberno, como todo bo goberno debe facer.

Nestes meses amosamos que se pode gobernar doutro xeito, e que moitas desas cousas que semellaban imposibles, con vontade e traballo, si que se poden facer.

Queremos seguir contando convosco, e estamos dispoñíbeis, coma sempre, nas canles habituais. Nós pola nosa parte, comprometémonos a seguir a traballar, cumprindo o programa polo que nos prestastes o voto e #facendoCabanas.

100 días do BNG no goberno: cumprindo co programa e #facendoCabanas