Propomos un Plan Eume 2021-2025 que mobilice 250 millóns para a recuperación ambiental e o impulso económico e social
A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita ás Fragas do Eume para valorar in situ o recente episodio de contaminación das augas do río, derivada da actividade da multinacional eléctrica ENDESA, e para explicar as propostas do BNG para a recuperación ambiental e o impulso económico e social deste enclave natural.
A líder nacionalista puxo sobre a mesa a necesidade de actuar no inmediato, pero tamén a medio e longo prazo, e para iso o Bloque formula o Plan Eume co que pretende mobilizar un total de 250 millóns de euros para a recuperación ambiental e a dinamización económica e social dun espazo natural emblemático que afecta a catorce concellos.
“Trátase dunha proposta integral con dúas grandes liñas de traballo paralelas que se plasman en primeiro lugar nun Plan de rexeneración ambiental e a segunda nun Plan de actuación plurianual 2021-2025.
O Plan de rexeneración ambiental do Eume, a executar entre 2020-2021 ten como obxectivo a descontaminación e a rexeneración, “porque o primeiro paso é salvar o río”, indicou. Neste sentido, lembrou a batería de medidas presentadas no Parlamento reclamando a realización dunha auditoría ambiental, un estudo rigoroso e independente que inclúa tamén as actuacións necesarias para a recuperación e a rexeneración do río e do seu entorno.
“Queremos unha radiografía exacta da situación, que se estableza a afectación ambiental e económica desa contaminación, -por exemplo sobre os bancos marisqueiros e os recursos pesqueiros vinculados-, e que se determinen as medidas para a recuperación ambiental do río”, afondou Pontón.
A auditoría debe ser a base para a recuperación ambiental, “cuestión que é responsabilidade da Xunta que, evidentemente, deber esixir a ENDESA as compensacións necesarias porque quen contamina non se pode ir de rositas sobre todo cando obtén grandes beneficios”, alegou a líder do Bloque.
A segunda pata ou liña de traballo do Plan Eume está no Plan de actuación plurianual 2021-2025 co que se pretenden mobilizar 250 millóns de euros e que debe ser elaborado, -nun amplo proceso de participación social e institucional-, coa implicación de todos os concellos afectados pola conca do río, así como os axentes económicos e sociais afectados. Para a súa xestión, o BNG propón a fórmula dun consorcio ou dun convenio coa participación dos municipios e da Deputación da Coruña.
“Este plan plurianual debe recoller actuacións de conservación e recuperación do patrimonio natural e cultural, actuacións de dinamización socioeconómica, actuacións de promoción, divulgación e participación e investimentos en mellora de infraestruturas e servizos”, especificou. Esa proposta integral do Plan Eume debe ir acompañado do Plan reitor de uso e de xestión do Parque natural das Fragas do Eume, sen aprobar polo Goberno do PP pese a ter transcorrido décadas desde a declaración como espazo natural.
Punta do iceberg
A portavoz nacional foi moi crítica coa situación de contaminación e deterioro do río Eume, “que ten en ENDESA o seu máximo responsable e na Xunta un cómplice necesario porque se adicou durante anos a mirar para outro lado en lugar de preservar un dos espazos naturais máis importantes do país”, denunciou. De feito, o pacto ambiental asinado en 2012 entre Xunta e ENDESA, “podemos considerar que en realidade foi unha patente de corso para que a empresa puidese contaminar con absoluta impunidade”.
O recente episodio da turbidez da auga é a punta do iceberg dun desastre ambiental anunciado, porque non se tomaron medidas nin se actuou con decisión para frear a contaminación e esixir responsabilidades. Por iso o BNG fai está proposta integral de futuro para todo o entorno do Eume, que aposta pola recuperación ambiental e pola dinamización económica e social.
Na visita, a portavoz nacional estivo acompañada polo deputado Ramón Fernández; o portavoz municipal de Cabanas, Iago Varela; por Silvia Pardo, portavoz municipal nas Pontes; Luis Pena, portavoz municipal en Pontedeume; Daniel Vázquez, portavoz municipal en Monfero e por Mercedes Tobío, responsable comarcal.