Pleno ordinario Xullo 29/07/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Xullo 29/07/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

O mércores 29 de xullo celebrouse a sesión ordinaria do Pleno da Corporación, correspondente ao mes de Xullo. Nel tratáronse os seguintes temas e asuntos:

1. Aprobación se procede da acta da sesión anterior: aprobouse por asentemento a acta do pleno correspondente ao 9 de xullo.

2. Recoñecemento de crédito: someteuse a aprobación o pagamento dunha factura correspondente ao exercicio 2014 a favor de Inteman S.A. en concepto de herbicida por valor de 350,63 €. >> APROBADO: 9 votos a favor (PP / PSOE / AEC) e 2 abstencións (BNG / Somos Cabanas).

3. Ratificación resolución Alcaldía sobre modificación proxecto P.A.I: someteuse a aprobación a modificación do proxecto na obra de pavimentación de camiños de Laraxe, que fora aprobada nun pleno da anterior lexislatura (16/02/2015) >> APROBADO: 6 votos a favor (PP / AEC) e 5 abstencións (PSOE / BNG / Somos Cabanas).

4. Ratificación resolución Alcaldía convenio subvención prevención drogodependencias: someteuse a aprobación a suscrición dun convenio co Sergas en materia de prevención de drogodependencias >> APROBADO: 11 votos a favor (PP / PSOE / BNG / AEC / Somos Cabanas).

5. Retribución membros da Corporación: logo de ter quedado sen asignación económica por non chegar a acordo no pleno de organización, o PP propuxo 30.000 euros por unha adicación de 29 horas, o que supón que pasará a gañar máis cartos por hora cunha adicación menor ca na proposta inicial, como explicamos aquí. O BNG defendeu no pleno a mesma proposta ca no pleno de organización, mais non se chegou a votar ao saír adiante a proposta do PP >> APROBADO: 6 votos a favor (PP / AEC) e 5 votos en contra (PSOE / BNG / Somos Cabanas).

6. Moción concelleiro BNG en defensa do sector lácteo galego: o BNG presentou esta moción en defensa do sector lácteo galego, que foi ben acollida e suscrita por todos os grupos da oposición >> APROBADA: 6 votos a favor (PSOE / BNG / AEC / Somos Cabanas) e 5 abstencións (PP).

7. Moción grupo socialista sobre a convocatoria comisión informativa de obras, servizos, urbanismo e emprego para tratar aspectos da execución sentenzas dos edificios do Penso: o PSOE presentou esta moción sobre a execución da sentenza do Penso, que foi aprobada cun engadido no que se pediu un punto na orde do día do seguinte pleno para que compareza o alcalde sobre este tema >> APROBADA: 6 votos a favor (PSOE / BNG / AEC / Somos Cabanas) e 5 abstencións (PP).

8. Moción grupo socialista sobre convocatoria comisión informativa de obras, servizos, urbanismo e emprego para tratar sobre tramitación PXOM: o PSOE presentou esta moción sobre a tramitación do PXOM, que foi aprobada cun engadido semellante ao do punto anterior, no que se pide un punto na orde do día do seguinte pleno para termos unha comparecencia do alcalde sobre este tema. Foi APROBADA na súa totalidade, aínda que os puntos foron votados por separado: 6 votos a favor (PSOE / BNG / AEC / Somos Cabanas), 4 abstencións nos puntos 1 e 3 (PP) e 4 votos en contra no punto 2 (PP).

9. Informes de presidencia: resolucións de Alcaldía, informe do período de pago 2ºT/2015 e informe trimestral sobre execución orzamento 2ºT/2015

* Mocións de urxencia

Antes do apartado de rogos e preguntas tratáronse 3 mocións de urxencia, 2 de Somos Cabanas e 1 do BNG.

Moción de Somos Cabanas sobre expediente de modificación de ordenanzas. Somos Cabanas presentou esta moción >> APROBADA: 6 votos a favor: PSOE / BNG / AEC / Somos Cabanas) e 4 abstencións (PP).

Moción de Somos Cabanas sobre o servizo de mamografía e sobre o servizo de pediatría. Somos Cabanas presentou esta moción. No BNG intervimos para amosar o noso apoio a esta moción, que ía na liña das iniciativas que levamos a cabo ante os problemas xurdidos coa falta de pediatra en Pontedeume de hai unhas semanas >> APROBADA: 10 votos a favor (PP / PSOE / BNG / AEC / Somos Cabanas).

Moción do BNG sobre accesibilidade aos locais electorais a persoas con problemas de mobilidade reducida. O BNG presentou esta moción por vía de urxencia ante a inminente convocatoria de eleccións. O PSOE propuxo no debate engadir outros lugares sensíbeis a estas, que aceptamos por mellorar a nosa proposta inicial >> APROBADA: 5 votos a favor (PSOE / BNG / Somos Cabanas) e 5 abstencións (PP / AEC).

10. Rogos e preguntas

O acordo tácito entre PP e PSOE limita o número de preguntas e regos que os concelleiros do Grupo Mixto podemos realizar no pleno. O BNG plantexou as seguintes cuestións:

Pregunta 1: a petición dunha veciña da Pena de Irís, preguntamos pola situación dunha seca nunha fonte tras unhas obras, que foran denunciadas pola veciña en abril e non contestadas nin por escrito nin verbalmente. A resposta do alcalde foi que "seguían investigando".

Pregunta 2: preguntamos pola falta de actualización na web coa información da nova corporación municipal constituída desde o 13 de xuño, o que nos impide realizar o noso traballo da concellaría plenamente. A resposta foi que "non tiveron tempo"

Rogo 1: solicitamos que se puxesen en marcha os mecanismos necesarios para a gravación, retransmisión en streaming e posterior publicación na web dos plenos, para que a veciñanza poida consultalos en calquera momento e lugar. Non houbo resposta.

Rogo 2: a petición dun veciño de Porto, solicitamos un paso a nivel para a Estrada do Barreiro á altura do cruce co camiño do Salgueiral, de maneira que aumente a seguridade viaria nesa estrada. Contestóusenos que se "mirará que se pode facer coa Deputación".

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Tal e como comentamos hai uns días, o BNG amósase decepcionado coa actitude de AEC no punto de retribucións a membros da corporación, pois se ben no pleno de organización a concelleira desta formación apoiou a proposta do BNG, no segundo pleno no que se trata a mesma cuestión votou a favor da do PP, malia ser peor ca a orixinal.

Doutra banda, estamos satisfeitos pola boa acollida que tivo na oposición a nosa moción en defensa do sector lácteo galego e celebramos o apoio á mesma. Lamentamos, iso si, que o PP non se teña sumado a esta iniciativa do BNG que reclama prezos dignos para o leite e un apoio a un dos sectores produtivos máis importantes do noso país.

Así mesmo, tamén valoramos positivamente o apoio de PSOE e Somos Cabanas á nosa proposta para eliminar as barreiras arquitectónicas que impiden ás persoas con discapacidade exercer o seu dereito ao voto en secreto e con liberdade nos colexios electorais que se empregan no noso concello, sobre todo a poucos meses de termos unha nova cita electoral.

O punto máis negativo do pleno foi ter que sufrir as actitudes despóticas do alcalde, que mesmo chamou á orde ao concelleiro do BNG cando este respondeu ás falsas acusacións verquidas polo rexedor. O BNG tomará as medidas oportunas no caso de que estas se volvan producir.

Por último, desde o BNG de Cabanas queremos agradecer unha vez máis a toda a veciñanza que se achegou a seguir o pleno do pasado mércores, e lembramos que estamos á vosa disposición para tratar calquera tema que consideredes de interese. Non dubidedes en poñervos en contacto connosco.