Pleno ordinario Novembro 25/11/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Novembro 25/11/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado mércores tivo lugar o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. A continuación podedes ler o noso resumo da sesión e as propostas do BNG.

*O pleno comezou cun minuto de silencio, a petición do PP, polas vítimas dos "últimos atentados terroristas".

1. Aprobación se procede da acta da sesión anterior: someteuse a aprobación unicamente a acta do pleno ordinario de setembro, pois a de outubro aínda non estaba dispoñíbel >> APROBADO por asentemento.

2. Sorteo membros mesas electorais: un funcionario municipal executou o programa que fai o sorteo dos membros das mesas electorais para as eleccións do 20 de decembro. Estas persoas serán notificadas pola Policía Local da súa condición de presidentes / vogais e/ou presidentes / vogais suplentes.

3. Proposta investimentos Plan Acción Social 2015 da Deputación da Coruña: someteuse a aprobación o proxecto de investimento no PAS. Entre as actuacións que se contemplan están a conexión da rede de alcantarillado de A Veiga - Batán e a mellora do entorno do local social de Lavandeira. Manifestamos o noso apoio por ser actuacións beneficiosas para o conxunto da veciñanza e por recoller unha parte das propostas realizadas polo BNG, como a eliminación de barreiras arquitectónicas e a instalación dun parque biosaudábel >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

4. Solicitude participación POS 2016 da Deputación da Coruña: sometéronse a aprobación os investimentos do POS: pavimentación da rúa da Fonte e dos camiños de Pedreira e Porcar. Tamén se contemplaba deixar unha parte para "gastos correntes" que o grupo de goberno pretende usar para O Penso. Manifestamos que consideramos as obras necesarias, mais temos dúbidas do que se poida calificar como "gasto corrente", posto que o que se pretende adicar a O Penso non é un gasto corrente >> APROBADO: 10 votos a favor (PP / PSOE / Somos Cabanas / AEC); 1 abstención (BNG).

5. Recuperación 2º cuarto paga extra 2012 e días asuntos particulares e vacacións do persoal municipal: Na nosa intervención, manifestamos que o BNG xa se posicionou en contra da retirada da paga extra, pois pretendía cargar nos ombreiros das traballadora do sector público os dispendios dos xerifaltes da banca. Lamentamos tamén que o Concello de Cabanas non tivese establecido no seu momento medidas de compensación por produtividade como fixeron outros concellos >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

6. Adhesión solicitude selo conmemorativo 500 anos Reforma Protestante: Manifestamos o noso voto favorable a esta solicitude feita por diversos veciños, mais tamén denunciamos a arbitrariedade do grupo de goberno para decidir meter na orde do día esta solicitude e negar a de outros colectivos, como a da CIG, que tivo que defender o BNG no pleno de outubro >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

7. Apoio á solicitude de medalla de Galiza para Andrés do Barro (BNG): O BNG presentou esta moción solicitando o apoio aos colectivos que piden a concesión da Medalla de Galiza para Andrés Do Barro e a declaración do 2017 como "Ano Andrés Do Barro". No transcurso do debate propúxose outorgarlle tamén unha rúa, algo que aceptamos >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

8. Participación veciñal nos plenos do Concello de Cabanas (BNG): presentamos esta moción co obxectivo de elaborar un regulamento de participación cidadá que permitira á veciñanza e aos colectivos presentar mocións, preguntas e rogos nos plenos, así como intervir naqueles puntos nos que sexan afectados >> REXEITADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC).

9. Uso de herbicidas con glifosato (Somos Cabanas): Somos presentou esta moción sobre o uso dos herbicidas con glifosato. Manifestamos o noso apoio en consonancia con todos os estudos científicos, nomeadamente os da OMS, que coinciden en consideralos nocivos para o medio ambiente e potencialmente canceríxenos >> APROBADA:  6 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas), 5 en contra (PP).

10. Estudo para declaración travesías N651 (Somos Cabanas): Somos presentou esta moción sobre o estudo para a declaración de travesías na N-651. Amosamos o noso voto favorable, mais tamén as nosas dúbidas sobre se o concello podería asumir a competencia da estrada, ao tempo que denunciamos a deixadez do Ministerio para con ela >> REXEITADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 en contra (PP), 1 abstención (AEC).

11. Protocolo na loita e control da praga da avespa velutina nigrithorax (PSOE): O PSOE presentou esta moción sobre a praga da avespa velutina. Amosamos a nosa preocupación pola ineptitude da Xunta para coas pragas e indicamos que a moción debera ir máis aló do acordo coa Asociación Galega de Apicultura, para incluir calquera organización ou investigadores sobre o tema. O debate foi no mesmo sentido e se votou deixando aberta a calquera organización >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

12. Derrogación Lei 27/2013 de decembro (LRAL), ou, no seu defecto, a devolución ás entidades locais das competencias en amteria de prestación de servizos sociais (PSOE): o PSOE presentou esta moción, que recolle unha reivindicación efectuada polo BNG na súa labor parlamentar >> REXEITADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC).

13. Vacina contra a meninxite B, inclusión polos gobernos de España e da Xunta de Galiza no calendario vacinal (PSOE): o PSOE presentou esta moción, que coincide co sentido do traballo desenvolto polo BNG nas diversas institucións >> REXEITADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC).

*Leuse unha declaración de urxencia do PP polo 25 de novembro.

14. Informes da presidencia: deuse lectura a unha serie de resolucións de alcaldía.

15. Rogos e preguntas:

Neste pleno o BNG puido facer 3 preguntas orais e 3 preguntas escritas.

Pregunta 1: O 30 de xaneiro de 2014, a APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) emitiu a resolución do expediente de reposición da legalidade en relevancia á parcela situada no chamado Monte dos Cocidos, preto do polígono de Vilar do Colo no que, como ben é sabido, están depositados refugallos tóxicos da empresa Manmer. Esta resolución urxiu á Xunta de Galiza á retirada dos refugallos e á devolución dos terreos ao seu estado orixinal nun prazo máximo de tres meses, prazo que como saberán venceu o pasado 30 de abril de 2014.

Dado que este depósito é ilegal, que hai unha resolución da APLU e que estes refugallos son tóxicos e potencialmente perigosos tanto para o medioambiente como para a saúde das persoas, o BNG presentou no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei na que se instaba á Xunta a cumprir coa resolución da APLU e proceder á retirada dos refugallos mediante as fórmulas acaídas. Esta resolución foi votada en contra polo partido ao que pertencen os membros do grupo de Goberno, rexeitando así no Parlamento dar cumprimento, é dicir, decidindo desobedecer unha resolución administrativa do órgano competente na materia.

Ao mesmo tempo, a veciñanza e diferentes organizacións levan anos manifestándose contra estes refugallos. Fixo o Goberno Municipal algo máis que estar cruzado de brazos para conseguir que a Xunta se faga cargo do problema?

Responderon que non están facendo nada, porque non depende directamente deles ¿?

Pregunta 2: Durante a precampaña electoral, o BNG dirixiuse ao concello para solicitar a Escola Laica como lugar onde levar a cabo a presentación da nosa candidatura, e a resposta que recibimos foi que non estaba en condicións de acoller un acto de ese tipo. En que situación de usabilidade está a Escola Laica actualmente e cales son as medidas que pensa tomar o Concello ao respecto? Respondeuse que "se está a facer o posible por mantela"

Pregunta 3: O vindeiro 20 de decembro comeza o inverno. A día de hoxe os ríos que atravesan o concello non están limpos, tendo os leitos cheos de pólas e refugallos de todo tipo, o que incrementa o risco de enchentes, que poden afectar vivendas e terras de labor. Somos conscientes que a limpeza de cauces fluviais é competencia de Augas de Galiza, mais, que labor se está a levar a cabo por parte do concello para lembrar a Augas a súa responsabilidade? Respondeuse que "os veciños poden pedir permiso para limpar se queren".

Rogo 1: Que se na estrada DP-1502, coñecida como estrada do Barreiro, á altura do lugar dos Anidos no límite entre as parroquias de San Martiño e Laraxe, se leven a cabo tarefas de control e limpeza da terra que arrastra a auga na curva, por resultar perigosos para a circulación dos vehículos. Resposta: "Farase".

Rogo 2: Que á hora de planteármonos facer minutos de silencio solidarios teñamos en conta tamén ás vítimas de todos os ataques terroristas, non só as occidentais, así como as vítimas colaterais do terrorismo de estado exercido durante as operacións militares.

Rogo 3: Que se nos comunique cantas alegacións se presentaron ao plan de actualización do rueiro. Resposta "Farase".

Ademais, tiñamos presentado esta pregunta escrita sobre os detritos depositados polo concello na parcela municipal situada en Vilar do Colo. A resposta foi que é os restos son asfálticos e que o uso desa parcela é deportivo.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Novamente temos unha sensación agridoce. Por unha banda ficamos moi contentos coa aprobación da moción de Andrés Do Barro. Consideramos que era de xustiza que un concello coma o noso, cunha forte vinculación co artista, tivese este xesto.

Porén, por outra banda lamentamos a actitude do PP e de AEC, que cos seus votos en contra e abstención, respectivamente, impediron que saíse adiante unha moción que tiña como obxectivo aumentar as canles de participación da veciñanza nos plenos. É obvio que ambas formacións consideran aos votantes como meros brazos que meten votos en urnas aos que van pedir o voto cada catro anos. Para o BNG a participación é moito máis.

A quenda de preguntas volveu a evidenciar un goberno que non se preocupa pola veciñanza, que emprega a excusa da falta de competencias para tratar de disfrazar a súa deixadez e que, o que aínda é peor, bordea coas súas actuacións os límites da legalidade.