Pleno ordinario Maio 31/05/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Maio 31/05/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado 31 de maio celebrouse a sesión ordinaria do pleno municipal correspondente a ese mes, no que estivo ausente o voceiro do PSOE. A continuación podedes ver os temas tratados e as propostas do BNG.

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Someteuse a aprobación a acta correspondente á sesión extraordinaria do 25 de xaneiro de 2017. Aprobouse por asentimento.

2.-Recoñecemento extraxudicial de créditos. (documento). Neste punto someteuse a votación a aceptación do pago de facturas que o Concello de Cabanas debía a diferentes empresas que realizaron traballos para o Concello. Desde o BNG abstivémonos, dado que non concordamos coa falta de previsión do Goberno municipal e a súa maneira de facer as cousas (que obriga a este tipo de situacións), mais as empresas e autónomos que levaran a cabo os traballos deberían cobrar por eles >> APROBADO: 8 votos a favor (PP/PSOE/AEC), 1 voto en contra (SOMOS), 1 abstención (BNG)

3.-Contrato patrocinio Club KDM. Someteuse a votación o contrato de patrocinio entre o Concello de Cabanas e o Club KDM, polo cal se estreita a colaboración entre o Concello e o Club >> APROBADO: 9 votos a favor (BNG / PP / PSOE / AEC), 1 abstención (SOMOS).

4.-Convenio subvención Cabanas Rural, Asociación de Mulleres. Na mesma liña que o punto anterior, asinouse un convenio de subvención con Cabanas Rural, cuxa actividade consideramos positiva dentro e fóra do noso concello >> APROBADO: 10 votos a favor (todos)

5.-Financiamento proxecto ampliación refuxio de Mougá. (documento). Amosamos o noso voto favorábel, xa que se trata dun ben mancomunado que presta servizo ao noso concello e é preciso que os animais que se recollen poidan estar en boas condicións. Do mesmo modo, tamén amosamos o noso acordo co resto de puntos (6, 7, 8) da orde do día relacionados con proxectos da Mancomunidade de Concellos >> APROBADO: 10 votos a favor (todos)

6.-Financiamento convenio Mancomunidade coa Axencia de Turismo de Galicia do ano 2017. (documento). >> APROBADO: 10 votos a favor (todos)

7.-Solicitude subvención Mancomunidade á Axencia de Turismo de Galicia para o apoio investimentos fomento da accesibilidade e sinalización de recursos turísticos no medio rural. (documento) >> APROBADO: 10 votos a favor (todos)

8.-Solicitude subvención Mancomunidade para o fomento do cooperativismo. (documento) >> APROBADO: 10 votos a favor (todos)

9.-Plan especial protección e conservación dos espazos litorais (PDDdG). (documento) (voto particular). Neste punto amosamos o noso voto favorábel, pois a proposta de Somos non fixo máis que afondar nunha situación que foi denunciando o BNG desde o inicio da lexislatura, resultado da inacción do goberno municipal e o desleixo de outras administracións implicadas. Como exemplos, Chamoso e o talude que con cada temporal vai deixando novas árbores en situación de risco ou as cortas indiscriminadas no Piñeiral da Madalena. Ao ser rexeitada en comisión, o voceiro de Somos presentou de cara o pleno un voto particular

VOTO PARTICULAR: REXEITADO: 4 votos a favor (BNG / PSOE / SOMOS), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC)

DITAME COMISIÓN: APROBADO: 5 votos a favor (PP), 2 votos en contra (BNG / SOMOS), 3 abstencións (PSOE / AEC).

10.-Renda de Inclusión Social de Galicia (PDDdG). (documento). Amosamos o noso acordo coa proposta e rexeitamos as actitudes de quen, en cada pleno que se propón algo que afecta a outras administracións, fai deixadez das súas funcións como concelleira de Cabanas >> REXEITADA: 4 votos a favor (BNG / PSOE / SOMOS), 5 en contra (PP), 1 abstención (AEC)

11.-Comparecencia sobre actuacións no piñeiral da Madalena (BNG). (documento). Desde o BNG pedimos esta comparecencia para que o goberno municipal explicase as actuacións no Piñeiral da Madalena logo das árbores deitadas polo temporal e os posteriores labores de limpeza (contratacións, medidas de seguridade, propostas de actuación futuras...). A intervención do Partido Popular non aclarou ningunha cuestión nin deu resposta ás preguntas formuladas polo BNG.

12. Ratificación resolucións Alcaldía. Ratificáronse por unanimidade as seguintes resolucións de alcaldía: (Documentos 1, 2)

13. Informes de presidencia. Neste punto deuse conta das seguintes resolucións de alcaldía (Documento

14. Rogos e preguntas 

Neste punto realizamos dúas preguntas orais, un rogo e unha escrita.

Pregunta 1: Preguntamos por unhas declaracións do alcalde no xornal no que informaba dun emisario da rede de saneamento con problemas de verquidos, cuestión que xa fora plantexada polo BNG e outros grupos en anteriores plenos. O alcalde afirmou que "se arreglará".

Pregunta 2: A raíz dos cambios de enderezo á poboación, preguntamos se (cumprindo a promesa do goberno) estaba previsto solicitar unha oficina móbil de renovación do DNI para facilitar os traballos á veciñanza. O alcalde negouse a comprometerse.

Rogo 1: Solicitamos que o alcalde tivese a ben informar aos grupos sobre as negociacións do Plan de Transporte da Xunta logo dos contactos entre a Consellaría de Infraestruturas e os Concellos. O alcalde non deu información sobre o tema.

Pregunta escrita:

Nesta cuestión o alcalde simplemente deu información sobre as preguntas máis "doadas":

- Chamoso praia sen fume: contestou que este recoñecemento non implica ningunha obriga ao concello nin supón unha prohibición de fumar no areal, o cal nos parece bastante sorprendente.

- Árbores sobre Chamoso: o goberno municipal segue sen facer nada sobre este tema.

- Praia da Madalena: rexeitaron responder ás preguntas formuladas.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Nun pleno con moitos asuntos de trámite, o goberno municipal exerceu de rodillo para bloquear as propostas da oposición. No que afecta á solicitude de información do BNG sobre as actuacións no Piñeiral, asistimos a un discurso con cero autocrítica sobre unha cuestión que a veciñanza puido ver que se fixo mal: árbores que botaron preto dun mes tiradas, labores de retirada sen as medidas de seguridade básica para as traballadoras da empresa e as usuarias do piñeiral, talas masivas nos últimos meses...

Na quenda de preguntas o resultado foi o habitual: o goberno négase por sistema a dar resposta ás preguntas formuladas.