As propostas do BNG para as Fragas do Eume
O pasado venres, os candidatos do BNG da comarca do Eume, entre eles o candidato de Cabanas Iago Varela, e a deputada Ana Pontón reuníronse cos representantes das asociacións de propietarios das Fragas do Eume para compartiren as apreciacións sobre o novo Plano de Xestión proposto pola Xunta de Galicia para as Fragas do Eume.
O BNG considera que a Xunta de Galiza, ao longo dos últimos 17 anos en xeral e desde o comezo do proceso de creación do novo Plano de Xestión en particular, obrou unilateralmente, obviando a participación social e a implicación aos propietarios, e presentando un plano que non propón medidas nin de compesación directa aos propietarios/as das terras nin para a creación de emprego asociado á conservación das Fragas. Así, o que conseguiu finalmente foi a oposición xeral tanto dos directamente afectados como do conxunto da sociedade.
O BNG quere que a xestión do Parque Natural se faga coa participación dos propietarios e con dous obxectivos: a conservación das Fragas e a dinamización económica da zona
Neste senso, o Grupo Parlamentar do BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento Galego para reorientar a xestión do Parque Natural, buscando non só a súa conservación, senón tamén a dinamización económica da zona, comezando por contemplar compensacións económicas para os donos das terras e das Fragas.
Entre as medidas que formula o BNG na súa iniciativa parlamentaria cómpre destacar as seguintes:
1.- Favorecer un novo proceso de participación social para a elaboración do Plan reitor e de uso e xestión do Parque Natural, capaz de integar os obxectivos de protección e promoción dos valores do Parque coas propostas achegadas pola poboación local, nomeadamente propietarios e representación social implicada.
2.- Compromiso de negociación e acordo con todos os sectores implicados para que o resultado final sexa froito dun consenso.
3.- Estabelecer medidas de compensación directa aos propietarios/as.
4.- Fixar medidas concretas e cuantificábeis sobre a creación de emprego asociada aos labores de mellora, conservación e mantemento do Parque Natural e vinculadas co desenvolvemento sostíbel deste espazo.
O BNG está e estivo sempre a prol da defensa das Fragas do Eume, nos concellos, no Parlamento e na sociedade, mais defendendo sempre que o Parque Natural só poderá ser unha realidade se se fai coa participación activa dos propietarios e contemplando os seus intereses económicos. O PP fixo todo o posíbel por facer mal as cousas para ao final ter a contestación e a oposición da xente e dese xeito non ter que dedicar os investimentos necesarios á posta en marcha do Parque. E o resultado deste proceso está á vista: unhas Fragas cada vez máis abandonadas e os propietarios/as cada día con menos entusiasmo polo proxecto do Parque Natural.
[Anexo]: PNL Fragas do Eume (pdf)