Iniciativa do BNG polo 8 de marzo
O BNG levou ao pleno de febreiro unha moción reivindicativa polo 8 de marzo - Día da Muller, que hoxe celebramos. Porén, esta iniciativa non foi adiante polo veto de Partido Popular (PP) e a Agrupación de Electores de Cabanas (AEC)
A continuación podedes ler o texto debatido en dito pleno.
O vindeiro 8 de marzo fanse 159 anos daquel 8 de marzo de 1857, no que un grupo de obreiras téxtiles saíu á rúa en New York para protestar polas súas condicións laborais. Hoxe en día, esta data reivindica e simboliza a loita incansábel das mulleres do mundo na defensa dos seus dereitos laborais e a defensa da igualdade.
Neste marzo de 2016, e en contra dos discursos falaces da igualdade xa conseguida, os estudos e datos socioeconómicos continúan a demostrar que son as mulleres as que sofren en maior medida situacións de precariedade laboral, que, ademais, se viron agravadas coa crise:
- A fenda salarial segue a ser unha realidade, pois o salario bruto medio das mulleres galegas é 4.470 (un 24%) inferior ao dos homes, con diferencias de entre un 9% e un 29% en postos de igual responsabilidade e cualificación dependendo do nivel.
- As mulleres lideran as estatísticas de emprego temporal e parcial. No noso concello, só un 1.26% dos contratos firmados por mulleres durante o 2015 foron indefinidos, e o 51.85% fórono a tempo parcial, fronte ao 37,44% dos homes.
- As mulleres continúan a ser as principais encargadas do traballo doméstico, non remunerado, e non só continúan a sufrir o desequilibrio no reparto de responsabilidades cos homes, senón que agora tamén teñen que asumir a redución do apoio ás necesidades de coidados de dependentes ou o desmantelamento das medidas de apoio á conciliación por parte da Xunta e o Goberno do Estado.
Fronte a esta realidade, as institucións non están a implantar ningún tipo de medidas. Ao contrario, as políticas de austeridade do Partido Popular frearon a posta en marcha dalgunhas destas medidas, tanto no referido á lexislación como á realización de programas concretos. Sirva como exemplo a paralización da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galiza. Con esta inacción o Goberno da Xunta incumpre o seu compromiso de integrar a dimensión de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres na súa acción de goberno, cumprindo co seguimento das políticas e accións sobre as que existen competencias en relación ao acceso ao emprego, desenvolvendo políticas de integración e apostando pola igualdade real no ámbito laboral.
Diante disto é obriga para os concellos, a institución máis achegada á veciñanza, comprometerse non só coa igualdade real no seu ámbito de acción, senón tamén coa presión a outras institucións, que son as directamente responsábeis de poñer en marcha políticas que revertan a desigualdade laboral das mulleres.
Por estas razóns, o Bloque Nacionalista Galego somete a debate e aprobación polo pleno do Concello de Cabanas esta moción propoñendo a adopción dos seguintes ACORDOS:
1.- Instar ao goberno da Xunta de Galiza a dar cumprimento ao artigo 37 da Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galiza e elaborar un Plan galego de emprego feminino que inclúa, entre outras medidas, axudas específicas para a creación de empresas femininas de mulleres con especial atención ás mulleres mozas e ás de máis de 45 anos e a creación dunha Renda de Inserción Laboral para mulleres desempregadas de máis de 50 anos, cunha vida laboral igual ou superior a 30 anos de cotización e que tivesen esgotado as prestacións.
2.- Instar ao goberno da Xunta a elaborar un Plan de co-responsabilidade que inclúa actuacións para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar conforme a lexislación vixente.
3.- Apoiar publicamente e chamar á participación das veciñas e veciños nos actos e reivindicacións das organizacións e colectivos feministas locais e comarcais con motivo desta data.
*A imaxe que acompaña o artigo é unha obra de Leandro Lamas.