PROGRAMA

Ideas Claras: Potenciar o noso rural

56730715_152183662485481_4685953952087100096_n
Vaca en Regoela

As nosas propostas programáticas para o medio rural de Cabanas.

Ideas Claras: Potenciar o noso rural

Para o BNG é un obxectivo básico potenciar a nosa zona rural e que as nosas parroquias rurais sexan un entorno onde se poida vivir coas mesmas comodidades que na zona urbana, de xeito que a xente que viva no rural non marche a outras zonas.

Non é aceptábel que en 2019 haxa diferencias tan notables entre a zona rural e a zona urbana de Cabanas no acceso a servizos que consideramos básicos. Toda a veciñanza debería ter os mesmos dereitos, e por iso propomos:

  • Rematar as redes básicas (auga, saneamento, electricidade, internet) no 100% do Concello.
  • Rematar cos problemas das redes básicas, coma os de bombeo de auga, subas de tensión, apagóns e fallos no alumeado público.
  • Solucionar definitivamente as zonas de sombra de cobertura de telecomunicacións e mellorar a rede de conexión a internet, pois é imprescindíbel para moitos empregos.
  • Impulsar medidas específicas nas redes básicas no noso rural, como os sistemas de saneamento especiais, que o BNG impulsou en concellos como San Sadurniño e que o goberno local decidiu instalar tamén nas obras da rede de Lavandeira a instancia nosa.


Porén, dar ao Rural os mesmos servizos que as zonas urbanas non inclúe unicamente as redes de subministro, senón que vai moito máis alá. É necesario dar alternativas de emprego, transporte e cultura, e dinamizar economicamente toda a zona, na que, como é obvio, as actividades agrícolas e gandeiras terán unha ampla importancia: 

  • Dotar ás zonas rurais de equipamentos públicos que permitan actividades culturais, lugares de encontro... de xeito que cada parroquia teña equipamentos acaídos ás súas necesidades.
  • Lanzar un plano de dinamización económico-laboral da zona rural, con medidas de incentivación do autoemprego e do cultivo da terra, como explotacións agro-gandeiras, proxectos de transformación e valorización, ou proxectos turísticos, en especial os relacionados co entorno.
  • Poñer en marcha medidas de incentivación fiscal para a erradicación das propiedades a monte ou para actividades de emprendimento orientadas cara ao sector primario.
  • Fomentar a diversificación dos aproveitamentos do monte a través do desenvolvemento de actividade complementarias: produción apícola, plantación de cogomelos, silvo-pastoreo... de entre estas, prestarase especial atención ao cultivo da froita do Eume, noutrora o primeiro produto exportado dende o noso concello.
  • Crear un banco voluntario de alugueiro de terras.
  • Dotar ás parroquias rurais dun transporte público digno, que as conecte entre si e coa zona urbana.
  • Deseñar un plan para o afastamento de corzos e xabaríns das terras en explotación.
Ideas Claras: Potenciar o noso rural