PROGRAMA
Ideas Claras: Educación e Deporte
As nosas ideas programáticas nos ámbitos da educación e o deporte.
Cabanas leva anos sufrindo a falta de planificación de goberno local e autonómico no eido educativo, que nos levou a unha situación de déficit de infraestruturas que só agora comezamos a superar. Nós queremos apostar pola educación, e cremos que é preciso traballar conxuntamente por ter unha mocidade formada, pois supón unha riqueza inmaterial para unha sociedade máis xusta e comprometida co entorno. As nosas propostas neste eido son:
- Estreitar os lazos de colaboración entre escola e Concello, promovendo por parte do Concello os recursos culturais e educativos municipais de cara á promoción e o coñecemento da realidade social e ambiental máis próxima entre as nenas e nenos.
- Poñer en valor a escola infantil, coa ampliación do horario de apertura, e unha mellor dotación.
- Crear, sinalar e protexer camiños seguros para os desprazamentos a pé aos centros escolares.
- Redactar e poñer en marcha un proxecto de loita contra o fracaso escolar en colaboración cos centros educativos.
- Crear bolsas para estudantado en risco de fracaso escolar de familias con baixos recursos, de cara a sufragaren o prezo de clases particulares ou reforzos.
- Crear unha bolsa para axudar no sufragamento dos desprazamentos en transporte público á Universidade do estudantado de Cabanas.
- Promover o aproveitamento das instalacións dos centros educativos para o seu uso por parte da cidadanía fóra do horario escolar.
- Ampliar o catálogo de actividades extraescolares dos máis pequenos, e incluír outras multi-idade, como a recuperación de cantigas tradicionais, ou o teatro inter-xeneracional
- Promover convenios coas universidades do Sistema Universitario Galego que inclúan, entre outros aspectos, a realización de prácticas formativas en dependencias municipais e empresas do concello.
No BNG entendemos o deporte como unha práctica que xera saúde e boa veciñanza, e defendemos un modelo deportivo que defenda todos os deportes e o feito deportivo, sen primacías. As nosas propostas neste eido son:
- Dar apoio por parte do concello aos equipos de base de todas as disciplinas deportivas, nomeadamente, mediante a cesión de instalacións, a subvención das viaxes e a colaboración na xestión das escolas deportivas municipais.
- Apoiar os deportes minoritarios e de base.
- Relaxar a inversión en instalacións, centrándose no mantemento e uso das xa existentes, buscando darlles novos usos cando sexa posíbel.
- Buscar a posibilidade da instalación dun ximnasio municipal en dependencias municipais.
- Estudar o uso de instalacións deportivas de xeito mancomunado entre diferentes concellos.
- Facilitar o acceso da poboación ás instalacións deportivas, rebaixando o seu prezo.
- Colaborar coas entidades de promoción do deporte en todos os eidos, aproveitando as súas actividades para a posíbel posta en marcha de escolas municipais co apoio do concello.
- Promover as probas deportivas, organizadas tanto desde o propio concello como por parte de asociacións ou grupos.
- Buscar unha solución á xestión do Circuíto de Vilar do Colo que sexa satisfactoria para todas as partes implicadas e solucione os problemas ocasionados polo convenio asinado coa Xunta.