PROGRAMA

Ideas Claras: Un novo modelo turístico

IMG-20171119-WA0001
Solpor en Chamoso

As nosas propostas programáticas no ámbito do turismo.

Ideas Claras: Un novo modelo turístico

Cabanas é un concello con grandes capacidades turísticas, xa que está situada nun entorno único. Os sucesivos gobernos que tivo Cabanas nos últimos 30 anos, na súa concepción marbellí, explotaron un turismo de sol e praia, ligado á construción e á burbulla inmobiliaria, mais deixando de lado o noso rico patrimonio histórico, cultural e natural.

O modelo de turismo no noso concello ten que estar orientado a conseguirmos que sexa de calidade, sustentábel, diversificado tanto temática como xeograficamente, e concienciado medioambientalmente, poñendo en valor o potencial turístico da nosa zona rural, respectando a contorna e favorecendo o coñecemento.

Ao tempo, é necesario aproveitar aínda mellor as potencialidades económicas da actividade turística, xa que, na actualidade, e fóra da hostalería e os aloxamentos na primeira liña de costa, o turismo que recibe Cabanas non reporta retorno económico ao concello. Deste xeito, conseguiremos tamén aumentar as oportunidades de emprego no noso concello.

As nosas propostas neste eido son:

  • Poñer en valor a totalidade do territorio de Cabanas, e especialmente da zona rural, como destino turístico.
  • Impulsar o turismo de natureza e a promoción das Fragas do Eume como destino turístico tamén desde Cabanas, con medidas específicas para atraer o turismo de natureza.
  • Crear infraestrutura específica no Portal das Fragas en Irís.
  • Promocionar e poñer en valor os elementos patrimoniais e históricos de Cabanas, como as zonas castrexas, megalíticas, edificios eclesiásticos e civís, muiños, o Camiño de Santiago...
  • Manter, cando menos como variante, o trazado do Camiño Ingles a carón do Polígono de Vilar do Colo, potenciando os elementos naturais e patrimoniais polos que pasa (río Baa, Marco de San Lorenzo, Castro de Prismos…).
  • Crear roteiros e sinaléctica específica para os elementos patrimoniais e históricos de Cabanas.
  • Fomentar o turismo activo e deportivo, e os proxectos empresariais vinculados ao mesmo.
  • Apoiar desde o concello a creación de nova infraestrutura turística, como aloxamentos, particularmente no medio rural.
  • Crear un sistema de roteiros sendeiristas, tanto para o paseo como para a práctica deportiva, mediante a recuperación de camiños tradicionais.
  • Recuperar, marcar e promover a ruta da costa e crear dunha ruta peonil fluvial que una esta co Portal das Fragas en Irís.
  • Promover a gastronomía como factor atraínte de turismo en colaboración coa hostelería local.
  • Aumentar o horario de atendemento e a dotación persoal e material da oficina de turismo, e extender o seu funcionamento durante todo o ano, de xeito que se poida atopar asesoramento profesional e servizos que axuden a coñecer o noso concello e a súa contorna, tanto a locais coma a visitantes.
  • Participar nas feiras turísticas máis destacadas para promover Cabanas como destino turístico e diversificar o perfil de visitantes.
  • Reservar fondos propios para cubrir un número mínimo de prazas de socorrismo polo menos durante os meses de xullo e agosto.
  • Impulsar unha zona de aparcadoiro para caravanas, con servizos específicos.
  • Pór en funcionamento unha praia canina dentro do concello.
  • Racionalizar o aparcadoiro, dando prioridade ás persoas residentes, especialmente en zonas coma o areal da Madalena, centro de saúde...
Ideas Claras: Un novo modelo turístico