O BNG solicita a mellora das liñas de transporte colectivo no Concello de Cabanas

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas

O BNG presenta unha moción na que se inclúe a mellora das liñas actuais existentes e a creación dunha nova liña circular 

O BNG solicita a mellora das liñas de transporte colectivo no Concello de Cabanas

O BNG vén de presentar unha moción no Concello de Cabanas para a mellora do transporte colectivo por estrada no concello eumés.

Na actualidade, o concello de Cabanas está cuberto unicamente por tres liñas de autobús, que deixan moitos lugares inatendidos, particularmente as fins de semana, cando se reducen notabelmente as frecuencias.

"É inconcebíbel que unha veciña da parroquia de Regoela que queira ir ao centro médico de Cardeita ou á casa do Concello en transporte público teña que ir por Fene, máis é o que pasa agora mesmo", declarou o voceiro do BNG Iago Varela. "Porén, a situación empeora as fins de semana, cando hai parroquias enteiras sen máis alternativa para desprazarse que o vehículo particular"

Aproveitando a primeira fase de exposición pública do Plan de Transporte Público de Galicia, o BNG presentou unha moción para a súa aprobación no próximo pleno (mércores 30 de maio), na que solicitan dar solución a estes problemas, coa posta en marcha de dúas medidas: o aumento e mellora das frecuencias nas liñas actualmente existentes, e a creación dunha nova liña de interese municipal en sentido circular que dese servizo a todas as parroquias do concello.

"Deste xeito, toda a veciñanza do concello terá acceso aos servizos que están establecidos no concello, que se atopan fundamentalmente na zona urbana", insistiu Varela, "e ao tempo, poderán empregar tamén as conexións para viaxar á Coruña ou a Ferrol, mediante o uso de transbordos".

A moción inclúe tamén a demanda á Consellaría de Infraestruturas para que apoie tecnica e economicamente as solicitudes.

O BNG solicita a mellora das liñas de transporte colectivo no Concello de Cabanas