TRANSPARENCIA

Só o BNG apoia a creación dun rexistro público de agasallos a concelleiros en Cabanas

Só o BNG apoia a creación dun rexistro público de agasallos a concelleiros en Cabanas

 

concello cabanasO pleno de Cabanas rexeitou a iniciativa do BNG de crear un rexistro público de agasallos, obsequios e doazóns a concelleiros, cos votos en contra de PP e AEC e a abstención de PSOE e Somos Cabanas.

 

 

O BNG presentou esta moción co obxectivo de obter un maior control sobre os agasallos que reciben os cargos públicos do Concello de Cabanas, así como regular e dar a coñecer aqueles que polas súas características pasen a formar parte do patrimonio do Concello. De acordo coa mesma, redactaríase un Regulamento de Agasallos e crearíase un rexistro público accesíbel a través da páxina web do Concello.

 

 

Esta medida forma parte do conxunto de propostas para a mellora da calidade democrática e a transparencia que o BNG vén presentando ante o Pleno de Cabanas. Estas incluíron a solicitude da creación dun regulamento de locais, a instauración dun mecanismo de seguemento das mocións aprobadas e o regulamento da participación veciñal nos plenos.

 

 

En palabras do concelleiro do BNG, Iago Varela, “esta moción recollía a fonda preocupación que existe polo absoluto descontrol dos agasallos a representantes públicos”. Durante os últimos anos, veñen producíndose críticas constantes á calidade democrática do noso sistema político en xeral e deste concello en particular. “Só coa toma de decisións que reforcen a calidade democrática e a transparencia das institucións podemos loitar contra o descrédito do exercicio da política”, insistiu. Iago Varela lamentou tamén o rexeitamento do resto de forzas políticas á moción presentada: “Parécenos incríbel que quedásemos sós na defensa desta necesidade”.

 

Só o BNG apoia a creación dun rexistro público de agasallos a concelleiros en Cabanas