Pleno ordinario Abril 27/04/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Abril 27/04/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado mércores 27 de abril celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de abril. A continuación podedes ler o noso resumo e as propostas do BNG.

1.- Aprobación se procede da acta da sesión anterior: someteuse a aprobación a acta correspondente ao pleno ordinario do 24.02.2016. Foi aprobada por asentemento.

2. Emenda proxecto PAS: Mellora zona recreativa do Areal. Someteuse a aprobación unha emenda ao proxecto do PAS necesaria para adaptarse á convocaria da Deputación da Coruña. APROBADO >> (por asentemento).

3. Dotación de desfibriladores nos espazos públicos municipais e formación primeiros auxilios (BNG). Desde o BNG presentamos esta moción sobre a instalación de desfibriladores nos lugares públicos na que solicitabamos a dotación destes aparellos no posto de socorrismo do Areal da Madalena, nos pavillóns de Lavandeira e do CEIP Eladia Mariño, así como nas instalacións deportivas de A Veiga, co obxectivo de reducir os tempos de atención ante situación de paradas cardiorrespiratorias (PCR). PP e AEC amosaron as súas reticencias sen fundamentos, alegando a non formación do persoal municipal (malia que a moción fai especial fincapé na necesidade da mesma e insta a que se leve a cabo) e que os concellos da volta tampouco teñen. Finalmente o Alcalde bloqueou a votación da emenda, facendo votar para deixar o tema sobre a mesa >> Quedar sobre a mesa: 6 votos a favor (PP, AEC), 5 votos en contra (BNG, PSOE, Somos Cabanas).

4. Modificación ordenanza IVTM. Presentouse esta moción sobre a modificación da ordenanza IVTM. Amosamos o noso acordo co fondo da cuestión e indicamos que, unha vez corrixidos os reparos postos polo secretario na comisión de asuntos de pleno, votaríamos a favor. Así mesmo, aproveitamos para pór de manifesto, tal e como expresáramos nunha pregunta escrita en setembro de 2015, a demanda da veciñanza de facilitar os trámites para a solicitude de dita exención e pedimos que, de aprobarse a moción e ter que modificar a ordenanza, tamén se aproveitase para facer máis fácil o proceso >> APROBADA. 11 votos a favor (BNG, PP, PSOE, AEC, Somos Cabanas)

5.Rehabilitación da casa de Xan Ares. Somos presentou esta moción sobre a rehabilitación da casa de Xan Ares. Amosamos estar de acordo co fondo da cuestión e denunciamos que, ademais da citada edificación, o Goberno municipal tamén ten descoidado outro patrimonio ao que cómpre prestar atención, caso das escolas unitarias, Escola Laica, étc. O PP propuxo deixalo sobre a mesa e foi o único que se votou >> Deixar sobre a mesa: 5 votos a favor (PP), 5 votos en contra (BNG, PSOE, Somos Cabanas), 1 abstención (AEC) (aprobado por voto de calidade do alcalde (PP)).

6. Reapertura do centro de día en Cabanas: O PSOE presentou esta moción sobre a reapertura do centro de día de Cabanas, situado en Laraxe. O PP propuxo unha lixeira modificación para facer referencia a que a Xunta deberá garantir o transporte á veciñanza para acudir a outros centros mentres non reabra. Desde o BNG amosamos o noso acordo coa proposta presentada e denunciamos o sistemático desmantelamento dos servizos sociais públicos por parte do PP para beneficiar ás concesionarias privadas >> APROBADA: 11 votos a favor (BNG, PP, PSOE, AEC, Somos Cabanas).

7. Xestión do PEL da Deputación da Coruña. O PSOE presentou esta moción sobre a xestión do PEL da Deputación da Coruña. Desde o BNG informamos que presentamos en rexistro unha batería de preguntas sobre esta cuestión, interesándonos por canta xente se vai contratar en base a este Plan, así como por que traballos se levarán a cabo e o proceso de selección en si >> APROBADA: 11 votos a favor (BNG, PP, PSOE, AEC, Somos Cabanas).

8. Informes da Presidencia: Deuse conta das seguintes resolucións de alcaldía.

9. Rogos e preguntas

Desde o BNG presentamos 8 preguntas escritas, 2 orais e 1 rogo.

Pregunta 1: preguntamos sobre esta cuestión aparecida na prensa, no que a veciñanza de Laraxe denunciaba o mal estado dunha pista, mais, curiosamente, o mesmo día do pleno foron amañala. O alcalde quixo xustificarse coa mala calidade do asfalto, e non deu explicacións sobre por que a obra non durou nin un mes.

Pregunta 2: preguntamos polos criterios seguidos para detectar árbores en mal estado, xa que despois da corta masiva do piñeiral (pola que preguntamos no pasado pleno, e que o alcalde xustificou como necesaria para eliminar árbores en mal estado) seguen caendo piñeiros (caso do 17 de abril). O alcalde dixo que "xa viramos os informes", e negouse a dar resposta á nosa pregunta.

Rogo 1: rogamos que o concello investigase unha corta de castiñeiros e carballos no Camiño das Cádivas denunciada por un veciño. O alcalde ignorou a petición de investigación feita por este veciño e que nós trasladamos, dicindo que "non se pode investigar se non se sabe que tipo de parcela é", no que consideramos unha clara deixación das súas funcións.

Preguntas escritas:

Pregunta escrita 1 (limpeza de ríos). O alcalde dixo que se "facía o que se tiña que facer" e non deu resposta á nosa pregunta.

Pregunta escrita 2 (PEL). O alcalde remitiuse ao punto do pleno, dicindo que probablemente se contratarían 4 peóns e un capataz durante seis meses para realizar labores de mantemento básicas, pero non aclarou nin cando se faría a selección nin como sería o proceso.

Pregunta escrita 3 (Penso). O alcalde dixo que tiña coñecemento da denuncia, pero non deu explicacións sobre o resto das preguntas, remitíndose aos informes municipais.

Pregunta escrita 4 (Derribo do muro da Igrexa de Soaserra). O alcalde negou que fose o camión do lixo quen causase o destrozo, así como que o muro servise de asento ás persoas que alí se concentran. Non quixo dar información sobre se o arranxo tería lugar.

Pregunta escrita 5 (Desperfectos estrada do Barreiro). O alcalde, de novo, refuxiuse na titularidade da estrada por parte da Deputación, e asegurou que os desperfectos estaban ben sinalizados. Cando puxemos en dúbida esa boa sinalización, o alcalde perdeu os papeis, un pleno máis, acusándonos de "insultar aos traballadores municipais" (!?!), negándose a responder ás preguntas. Nun rogo posterior exiximos ao alcalde que retirase as súas falsas acusacións contra o Concelleiro do BNG.

Pregunta escrita 6 (Alumeado de Chamoso). Preguntamos ao alcalde polo servizo público de alumeado en Chamoso, que estivo apagado durante varias semanas ignorando as peticións da veciñanza, e que, casualmente, volveu a funcionar unha vez presentada a pregunta no rexistro.

Pregunta escrita 7 (Sinal tirada na rotonda do Areal). O alcalde refuxiuse, novamente, na titularidade allea da estrada (neste caso, de Fomento), e ignorou as nosas preguntas de se desde o Concello avisaran a Fomento dese desperfecto.

Pregunta escrita 8 (Nova Instalación de Gas). O alcalde dixo que o proxecto non estaba aprobado e non quixo dar máis información, a pesar de que xa hai unha resolución de sometemento a información pública no BOP que nos levou a facer a pregunta.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

No BNG saímos deste pleno moi decepcionados coa posición do goberno municipal, que deu novamente mostra do seu talante antidemocrático. Presentamos unha moción que consideramos moi necesaria, xa que xa hai antecedentes de mortes por parada cardiorrespiratoria nas instalacións deportivas municipais e na praia que se poderían evitar coa dotación de desfibriladores, pero o goberno decidiu novamente non telo en conta, votando "deixalo sobre a mesa" coa inestimábel axuda da concelleira de AEC. Isto xa se está a convertir nunha práctica habitual, na que as mocións que non interesan son sistematicamente ignoradas, non chegando a votarse o fondo da cuestión baixo excusas peregrinas da necesidade de máis información. Consideramos que a actitude da alcaldía é unha "oposición á oposición" coa que se está a furtar á veciñanza de Cabanas da información que merece.

Esta actitude alcanzou novas alturas, descoñecidas até o de agora neste pleno, durante o turno de preguntas. Ao final do pleno, tres veciñas decidiron realizar preguntas directamente (nun exercicio que de se ter aprobado a nosa proposta de participación no pleno de novembro poderían realizar de forma oficial). Tras facelas, o alcalde negouse sistematicamente a dar información, refuxiándose en excusas peregrinas ("cal é a liña eléctrica?" "en que número de casa está esa farola?") e volvendo a adoptar o ton chulesco e burlón que xa vén sendo habitual na súa relación coas outras concelleiras da corporación, máis neste caso con veciñas. Seguimos pensando que a situación deste goberno é insostíbel, e que cada vez é máis necesario desaloxar a Germán Castrillón da alcaldía.

 

Pleno ordinario Abril 27/04/2016: resumo da sesión e propostas do BNG