Cabanas declara o 2017 como “Ano Andrés Do Barro” a instancias do BNG

Cabanas declara o 2017 como “Ano Andrés Do Barro” a instancias do BNG

andres do barro

O Pleno do Concello de Cabanas acordou onte por unanimidade unha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego pola cal o Concello de Cabanas súmase aos movementos que están a pular pola concesión para Andrés Do Barro da Medalla de Galiza, máxima distinción de honra que concede a Xunta ás persoas ou institucións que, polos seus méritos ao servizo de Galiza en calquera da súa realidade social, cultural ou económica, sexan digas de obter o recoñecemento do pobo galego.

Andrés Do barro, un dos artistas galegos máis universais da década dos 70, tivo unha forte vinculación con concello de Cabanas, onde pasou longas tempadas. As súas obras vense inspiradas pola localidade, que aparece tanto referenciada nas letras das súas cancións como usada de escenario na gravación de videoclips como o de “Corpiño xeitoso”.

“O éxito de Do barro ten aínda un maior mérito, pois en plena ditadura decidiu empregar o galego para expresar a súa música, contribuíndo a dignificar o idioma materno, caído durante moitos anos no máis cruel menosprezo”, sinalou Iago Varela, concelleiro do BNG.

O 2017 será o Ano Andrés Do Barro

O acordo tamén establece a declaración do ano 2017 (70 aniversario do nacemento de Do Barro) como “Ano Andrés Do Barro”, comprometéndose o Concello a desenvolver unha axenda cultural con diversos actos e actividades orientadas a pór en valor a figura do artista, a súa aposta polo emprego do galego como idioma vehicular da súa música e a súa vinculación coa localidade.

Cabanas convértese así na primeira institución en realizar unha homenaxe desta magnitude ao artista de éxitos como “O Tren” ou “Teño saudade”. Varela amosou a súa satisfacción porque o resto de grupos políticos “soubesen estar á altura” nesta cuestión.

Cabanas declara o 2017 como “Ano Andrés Do Barro” a instancias do BNG