O BNG presenta a candidatura para darlle a Cabanas o goberno que merece

Cabanas, Iago Varela. Presentación candidatura - 2
Os catro primeiros postos da candidatura coa deputada Olalla Rodil
O BNG presenta a candidatura para darlle a Cabanas o goberno que merece

O BNG presentou onte, xoves 14 de marzo, a súa candidatura ao concello de Cabanas, encabezada polo seu actual voceiro municipal, Iago Varela. O local quedou pequeno para acoller a toda a xente que se achegou a coñecer o equipo e as liñas mestras coas que o BNG aspira a liderar un goberno “que devolva a actividade a Cabanas”.

No acto participou tamén a deputada Olalla Rodil, que lembrou como coñeceu ao candidato, cando ambos participan do movemento estudantil na Universidade de Vigo. “Iago é unha persoa comprometida e coherente, que leva pensando e defendendo aquilo no que cre desde hai moito tempo”, sinalou.

Pola súa banda, o candidato Iago Varela comezou a súa intervención lembrando o traballo dos catro anos desde a anterior presentación e como o BNG “está hoxe aquí con máis experiencia, máis capacidade, máis ideas, máis apoio e máis equipo, preparado para darlle a Cabanas o goberno que merece”.

“Cabanas está chea de potencialidades, mais nas conversas coa veciñanza que levamos tendo estes catro anos, repítese a idea de que Cabanas está desaproveitada. E iso é culpa do goberno municipal”, comentou Varela, que foi avanzando algúns dos eixos que centrarán o programa do BNG ao longo da súa intervención.

O fomento do emprego, o acceso á vivenda, un servizos sociais dignos, a protección do medio ou o fomento dun turismo de calidade foron algúns dos temas nos que o candidato do BNG puxo onte o foco, sinalando que “un goberno do BNG petará en todas as portas para que Cabanas reciba o que merece e precisa”.

Xosé Manuel Golpe (nº4 na candidatura) afirmou que “a candidatura combina seriedade, traballo e responsabilidade, e está preparada para gobernar”, mentres que Lidia Freire (nº3) se amosou “moi ilusionada de formar parte dun equipo con ganas de transformar Cabanas”. Por último, Paula González (nº2) sinalou que “é necesario rematar coa parálise á que o PP ten sometido ao concello para ofrecer alternativas á xente que quere facer a súa vida en Cabanas”.

Información dos candidatos

IAGO VARELA MARTÍNEZ, CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA DE CABANAS

Iago Varela Martínez (1986) é de Chao de Aldea na parroquia de San Martiño do Porto, aínda que na actualidade vive na zona urbana de Cabanas. Estudou enxeñaría de telecomunicacións na Universidade de Vigo, onde participou do activismo estudantil nos CAF, dos que foi responsábel de campus e cos que formou parte do Consello de Goberno da Universidade. Desde o ano 2011 a súa actividade laboral atópase vinculada ao mundo da comunicación sobre novas tecnoloxías, sendo editor dunha publicación tecnolóxica e colaborador en varios medios, así como á súa venda.

Iago comezou a militar no BNG no ano 2005 con 19 anos, formando parte da candidatura do BNG ao Parlamento en 2009 e 2016, así como das eleccións municipais en Cabanas en 2011. Na actualidade é voceiro do BNG no Concello de Cabanas tras encabezar a candidatura nas eleccións municipais de 2015, e nas eleccións deste ano preséntase por segunda vez para conseguir a alcaldía de Cabanas.

PAULA GONZÁLEZ GRUEIRO, Número 2

Paula González Grueiro (1973), é veciña de Regoela e técnica superior en Prevención de Riscos Laborais. Repite como número 2 da candidatura despois de ter participado nas candidaturas do BNG de Cabanas desde o 2011.

LIDIA FREIRE CUÍÑAS, Número 3

Lidia Freira Cuíñas (1980), é veciña de Porto. Traballa como protésico e hixienista dental, e aporta un punto de vista fresco ao participar por primeira vez dunha candidatura política, apostando polo proxecto do BNG de Cabanas.

XOSÉ MANUEL GOLPE ACUÑA, Número 4

Xosé Manuel Golpe Acuña (1972) é veciño de Laraxe e técnico especialista en enerxías renovábeis. Golpe aporta experiencia, pois foi concelleiro polo BNG no concello de Cabanas no período 2007-2011 e participou en varias candidaturas do BNG na localidade.
 

O BNG presenta a candidatura para darlle a Cabanas o goberno que merece