Pleno ordinario Xuño 28/06/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Xuño 28/06/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

Como cada último mércores de mes, o pasado 28 de xuño celebrouse a sesión ordinaria do pleno municipal correspondente a ese mes. A continuación podedes ver os temas tratados e as propostas do BNG.

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Someteuse a aprobación a acta correspondente á sesión ordinaria do 22 de febreiro de 2017.  Aprobouse por asentimento.

2.-Convenio de colaboración entre o Concello de Cabanas e o Club Juventud de Cabanas. (documento) Neste punto aprobábase este convenio de colaboración polo que o clube asume o mantemento da Área Deportiva da Veiga como parte dunha subvención. Tal e como fixemos no pleno anterior cos convenios de colaboración con Cabanas Rural e do patrocinio co Club KDM, votamos a favor, pois entendemos que o traballo de todos eles é positivo para a dinamización do deporte e a cultura do noso concello. >> APROBADO: 11 votos a favor (TODOS).

3.-Solicitude subvención Plan de mellora dos camiños municipais.

Neste punto apoiamos a petición da subvención, pois o estado de moitos camiños municipais é lamentábel e é preciso conseguir financiamento, mais lembrámoslle ao goberno municipal a necesidade de establecer un calendario de actuacións, de xeito que deixe de ir actuando sobre a marcha, facendo actuacións ao chou, que causan agravios comparativos entre diferentes zonas, con camiños nos que hai anos que non se actúa. >> APROBADO: 11 votos a favor (TODOS).

4.-Proposta concelleiro BNG sobre o Plan de Mellora dos Camiños Rurais. (documento) Neste punto trouxemos ao pleno unha proposta na que pediamos que se instase á Xunta a incrementar a dotación do “Plan de Mellora dos Camiños Rurais” para o período 2017 – 2018. Este plan conta cunha dotación de 15.998.673 euros para un período de dous anos, unha cantidade ridícula se temos en conta que no plano anterior, só para o 2016, para un período dun ano, había consignados 19.998.100 euros. Isto, en termos reais, equivale a un descenso do 60% no Orzamento.

Esta evolución negativa está inserida no desleixo que o Goberno da Xunta de Galiza amosa polo rural, relegando investimentos destinados a actuacións primarias, que inciden directamente na mellora dos equipamentos e infraestruturas no medio rural e que potencian directamente a base produtiva do agro galego.Esta mingua, ademais, obrigará en moitos casos a presentar proxectos despezados, obras menores e investimentos illados que non responden a unha estratexia real para desenvolver o medio rural galego nin contribúen a frear a actual tendencia de despoboación.

Durante o debate, o goberno municipal negou que a información que dabamos fose certa (poden consultar o DOG), e a concelleira de AEC, novamente, fixo unha abstención sen sentido "por tratarse dun tema supramunicipal". >> REXEITADO. 5 a favor (BNG, PSOE, SOMOS), 5 en contra (PP), 1 abstención (AEC).

5. Ratificación resolucións Alcaldía. Ratificouse por unanimidade unha resolución de alcaldía sobre Requerimento documento empresa proposta para execución sentenza recurso contencioso – administrativo 02/0004055/1993 do edificio O Penso 2º fase.

6. Informes de presidencia. Neste punto deuse conta das seguintes resolucións de alcaldía (Documento).

7. Moción de urxencia (PDDdG). Neste punto, o concelleiro de Somos trouxo novamente a moción do mes pasado sobre a RISGA. Produciuse un diálogo sen sentido onde, unha vez aprobada a urxencia da moción, o alcalde pretendeu que non se debatise a proposta, nunha (outra) mostra do seu carácter autoritario. A nosa postura foi, como non podería ser doutro xeito, a de defender o debate da proposta, e no tocante ao fondo da cuestión, tal e como fixemos no pleno anterior volvimos votar a favor. APROBADA. 6 votos a favor (BNG, PSOE, SOMOS, AEC), 5 en contra (PP).

8. Rogos e preguntas 

Neste punto realizamos tres preguntas orais, un rogo e dúas preguntas escritas.

Pregunta 1: Fixémonos eco das novas sobre o envío de notificacións para que as persoas propietarias procedesen á limpeza de fincas baixo ameaza de multa, e preguntámoslle ao alcalde se o goberno municipal tiña pensado autoaplicarse esas sancións, dado o estado de abandono de parques e camiños municipais. O alcalde díxonos que queriamos "enganar á veciñanza" e que o concello si limpaba parques e camiños. Podedes ver un video onde se amosa o limpos que ten os camiños o concello nesta ligazón.

Pregunta 2: Preguntamos polo estado de tramitación do PXOM e cando tiñan previsto aprobalo. O alcalde non nos respostou nin nos deu datas. Porén, seguindo o seu costume de non contestar no pleno e actuar pouco despois, o día 4 de xullo, só unha semana despois do pleno, os representantes dos grupos políticos fomos chamados a recoller a última versión do PXOM. Esta ten como data o 24 de maio.

Pregunta 3: Traemos de novo ao pleno as preguntas escritas do pleno anterior, preguntándolle ao alcalde se xa sabía cando estaba previsto colocar a sinalización da área de baño, cando estaba previsto que comezase o servizo de socorrismo, cando ían comezar as tarefas de limpeza... Tal e como fixera no pleno anterior, o alcalde volveu a non contestar as nosas preguntas. O servizo de socorrismo, que o 10 de xuño, após o tráxico suceso na praia, o alcalde asegurara á prensa que estaría traballando o 1 de xullo, aínda non se incorporou na data de publicación deste resumo.

Rogo 1: Fixémonos eco das denuncias veciñais sobre a ocupación das prazas reservadas a residentes no entorno da praia e rogamos que se extreme a vixilancia.

Preguntas escritas:

Pregunta 1 (praga da couza da pataca): Contéstannos que se rexistraron 126 persoas, e recolléronse 7160 kg de pataca, mais non nos contestaron se esta era a totalidade da pataca do concello, se habería novas recollidas nin valoraron a actuación municipal e da Xunta.

Pregunta 2 (Anduriño - barca das Fragas): Só nos contestan que a frecuencia das viaxes dependerá das mareas, e que o billete costará 5€ con descontos do 30% para veciñas. Non contestan o resto das preguntas.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Volvimos ter un pleno tenso, cun alcalde desquiciado que actúa dun xeito despótico, desprezando á oposición e pretendendo incluso pasar por riba da legalidade. O noso concelleiro foi advertido "por segunda vez" (non houbera unha primeira) por exercer o seu dereito a intervir, e a situación vivida durante o debate da moción de urxencia foi esperpéntica.

Neste pleno, novamente, o alcalde negouse a dar información ou contestar preguntas no pleno cando, como soubemos por acontecementos posteriores, xa coñecía esta información. Esta actitude está comezando a ser a norma ultimamente, e amosa como a actitude antidemocrática do alcalde, que nega ás membras da corporación o seu dereito de acceso á información e prefire gobernar sen ningún tipo de transparencia.