PLENOS MUNICIPAIS

Pleno ordinario Xuño 29/06/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Xuño 29/06/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

O mércores 29 de xuño tivo lugar o pleno ordinario do mes de xuño, no que se trataron os seguintes asuntos:

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores. Sometéronse a aprobación as actas das sesións do 27/04/2016, do 30/05/2016 e do 03/06/2016. Aprobáronse por asentemento.

2.- Proxecto de mellora de camiños municipais en A Costa, Chamoso, As Modias e Vial de servizo en Fontenova. Amosamos o noso acordo cos investimentos nestes viais, dado que en moitos casos eran actuacións moi urxentes. Así mesmo, aproveitamos para solicitar o arranxo, en canto haxa novas axudas, de outros viais en mala situación, como por exemplo o camiño do Pereiro en Laraxe >> APROBADA: 11 votos a favor (todos)

3.- Proposta Plan Provincial de Medio Ambiente 2016 (PMA 2016). Trátase dunha proposta de proxecto para dar saída a unha fonte de auga na zona da Praia da Madalena que será aproveitada para dar auga ás duchas a partir do ano que vén >> APROBADA: 11 votos a favor (todos)

4.- Comparecencia sobre as actuacións en materia de instalación de desfibriladores (BNG). No pleno do pasado mes de abril solicitamos a instalación de desfibriladores en varias zonas do concello. Desde entón, tivemos coñecemento de que a Mancomunidade de Ferrolterra tiña previsto instalar desfibriladores en Cabanas e pedimos a comparecencia en pleno do concelleiro responsábel nesta materia. Este non aclarou case nada, só que un dos dispositivos será colocado na zona da Área Recreativa da Veiga e outro no CEIP Eladia Mariño.

5.- Seguimento mocións aprobadas (BNG). Desde o BNG presentamos esta moción que ten como obxectivo facer un seguimento das mocións aprobadas polo pleno, evitando que queden nun caixón da alcaldía e non se volva saber máis delas.

Froito da deliberación na comisión de asuntos de pleno propuxemos unha modificación no punto 2 do acordo, que quedaría como segue: “O Concello de Cabanas publicará o texto das mocións aprobadas polo pleno municipal na súa páxina web no prazo máximo de 7 días despois de ser aprobada a acta na que figuran, para o coñecemento da poboación”.

O voceiro do PSOE propuxo no pleno realizar algún cambio nas conclusións (eliminar puntos 1.d e 1.e), e tras o debate en pleno propuxemos modificar o punto 1.b, que quedaría como segue: "1.b- En cada comparecencia trataranse as mocións aprobadas que se consideren na comisión de asuntos de pleno previa".

Con estes cambios, sométese a votación. REXEITADA: 5 votos a favor (BNG/PSOE/Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP) e 1 abstención (AEC).

6. Informes de presidencia: a) Resolucións alcaldía. Deuse conta das seguintes resolucións de alcaldía. 

7. Rogos e preguntas

Neste pleno realizamos 1 pregunta oral, 1 rogo oral, e 5 preguntas escritas.

Pregunta 1: preguntamos por que no apartado da axenda de alcaldía non se amosa ningunha cita, e se tiña pensado facela pública. Dixo que si que estaba, pero é mentira, como se pode ver na web do concello. [Despois do pleno comezaron a aparecer citas na axenda de alcaldía. Como se pode ver, estas só se remontan ao 8 de xuño. Se a pesar de ter que soportar outra mentira ante o pleno, con esta pregunta conseguimos que a axenda da alcaldía sexa pública, aledámonos].

Rogo 1: pedimos que o Partido Popular e a Agrupación de Electores tiveran a ben facer públicos os termos do seu acordo de goberno encuberto para coñecemento do resto de concelleiros e da veciñanza en xeral.

Preguntas escritas

Pregunta escrita 1 (PRUX). Respondeu que se está traballando, que houbo cambios na Consellaría... pero non respondeu ás preguntas.

Pregunta escrita 2 (Delimitación liña de costa). O alcalde informou que se faría na propia semana. Puidemos comprobar como o servizo de socorrismo tardou máis do anunciado.

Pregunta escrita 3 (Naves Vilar do Colo). Asegurou non ter coñecemento, e que o tempo habitual de concesión de licenzas non supera os 15 días.

Pregunta escrita 4 (Rueiro). O alcalde dixo que se trataría axiña, que non consideraba tapar os sinais e que o Concello tratará de facilitar os trámites á veciñanza.

Pregunta escrita 5 (Limpeza de camiños). O alcalde excusou o seu non facer con que hai estradas que non dependen do Concello e non dixo se tiña pensado instar ao resto de Administracións implicadas para que acometeran as limpezas necesarias.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Malia que outras forzas políticas presentaran propostas en tempo e forma para incluír na orde do día do pleno, o alcalde impediu na comisión de asuntos de pleno que fosen pola vía ordinaria. Desde o BNG cremos que este é un atentado á democracia e anunciamos o noso rexeitamento ante estas actitudes. O BNG sempre vai votar a favor de que todas as iniciativas políticas vaian a pleno porque consideramos que é o lugar onde teñen que ser debatidas, para o coñecemento da veciñanza.

Polo demais, vivimos unha vez máis as consecuencias do bipartito encuberto entre PP e AEC, que con man de ferro bloquen a meirande parte das iniciativas da oposición. Resulta curiosa a actitude da concelleira de AEC, que ademais de non facer (só presentou unha iniciativa política no ano e pico que levamos de lexislatura) impide que saian adiante as propostas do resto de forzas políticas.

Lamentamos especialmente que non saíse adiante a proposta do BNG para a creación dun mecanismo de control das mocións aprobadas, posto que moitas das que saíron do pleno aínda non se levaron a cabo polo bloqueo ao que as somete o goberno de Germán Castrillón, incluso cando contan con prazos específicos para o seu desenvolvemento.