Pleno ordinario Setembro 30/09/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Setembro 30/09/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

O mércores 30 de setembro tivo lugar a sesión ordinaria do Pleno da Corporación, correspondente ao mes de Setembro. Nel tratáronse os seguintes temas e asuntos:

1. Aprobación se procede da acta das actas das sesións anteriores: aprobáronse por asentemento as actas do pleno ordinario de xullo (29 de xullo) e do extraordinario celebrado o 4 de setembro.

2. Conta xeral do exercicio 2014: no BNG mantivemos no pleno a mesma postura ca na comisión de contas do 13 de agosto, na que se tratara o tema: as contas teñen unha previsión de ingresos irreal, propias de épocas de bonanza, e un exceso de modificativos. Ademais o Goberno anuncia inversións que despois non fai, cun claro afán autopublicitario >> APROBADO: 5 votos a favor (PP); 5 abstencións (BNG / PSOE / AEC); 1 voto en contra (Somos Cabanas).

3. Actualización do rueiro e rede cultural do Concello de Cabanas: no BNG manifestamos a necesidade de actualizar o rueiro, pois o caos actual non beneficia á veciñanza nin ao persoal de Correos, empresas de transporte ou servizos de emerxencia. Porén, criticamos a execución desta actualización (colocando os carteis antes de ter un acordo plenario), pedimos o respecto á toponimia tradicional e a ampliación do prazo de alegacións de 15 días a un mes, algo que foi desoído >> APROBADO: 5 votos a favor (PP); 6 abstencións (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas).

4.- Comparecencia Alcaldía para informar da situación das sentenzas sobre O Penso: desde o BNG trasladamos ao pleno a nosa postura sobre o tema do Penso, que se resume en dar unha solución definitiva ao problema, facendo cumprir a sentenza de xeito satisfactorio para a veciñanza, establecendo indemnizacións xustas e ofrecendo un lugar para que os afectados (directa e indirectamente) polas demolicións teñan un lugar para pasar as obras.

Así mesmo criticamos a ocultación de información por parte de Alcaldía, que non convocou a comisión de obras para tratar este asunto nin enviou toda a documentación aos concelleiros da oposición sobre o tema, tal e como se tiña acordado no pleno anterior.

O alcalde forzou a votación dun acordo indemnizatorio (pódese consultar aquí), sen estar previsto na orde do día do pleno, algo fóra de toda legalidade. Ademais, o acordo en si mesmo tamén carece de toda garantía legal, pois non ten informe favorábel do interventor, non pasou por unha comisión de contas e facendas, ningunea o que poida dicir o Consello Consultivo de Galiza e establece unhas cantidades económicas que non teñen xustificación. RESULTADO: 5 votos a favor (PP); 6 votos en contra (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas). Nota: en calquera caso, o resultado era irrelevante, pois o pleno non se ten que manifestar sobre o tema.

5.- Comparecencia Alcaldía para informar da situación do PXOM: desde o BNG amosamos neste punto a nosa oposición frontal a este PXOM, que nace con defectos de raíz e non é un documento suficientemente ambicioso, institucionalizando un modelo de desenvolvemento urbano co que discordamos.

6. Mocións grupos municipais sobre acollida refuxiados: presentáronse tres mocións sobre este tema: unha do BNG, unha do PP e unha do PSOE. O grupo de goberno propuxo o seu debate en conxunto, algo que no BNG rexeitamos, por unha cuestión de contidos. Deste xeito, votáronse por separado.

  • Moción do BNG: pretendía a declaración de Cabanas como concello aberto á recepción de refuxiados de guerra e solicitaba realizar o traballo previo necesario a nível municipal de cara a facer posíbel a acollida dos mesmos >> REXEITADA: 4 votos a favor (BNG / PSOE); 5 en contra (PP); 2 abstencións (AEC / Somos Cabanas).
  • Moción do PSOE: desde o BNG considerámola complementaria á nosa, desde o punto de vista que a do PSOE fixo fincapé no chamamento ao goberno a tomar medidas sobre esta cuestión e a do BNG centrouse no que podía facerse desde Cabanas >> APROBADA: 4 votos a favor (BNG / PSOE); 7 abstencións (PP / AEC / Somos Cabanas).
  • Moción do PP: no BNG considerámola hipócrita no seu contido e chea de incongruencias na exposición de motivos. Ademais, nos acordos a aprobar falábase de "seguir impulsando" (cando desde o Goberno non se impulsou nada) e de "colaborar e traballar xuntos pola paz" ao tempo que o Estado apoia militarmente a unha das partes >> APROBADA: 8 votos a favor (PP / PSOE); 1 en contra (BNG); 2 abstencións (AEC / Somos Cabanas).

7. Moción concelleiro do BNG sobre o dominio .gal, páxina web e retransmisión plenos: presentamos esta moción instando a establecer o dominio cabanas.gal como enderezo oficial do Concello na Internet, a actualizar a páxina web para facilitar a transparencia e o acceso á información e para gravar e retransmitir os plenos por Internet. O posicionamento de AEC, quen criticou o gasto da medida (curiosamente logo de ter apoiado a suba do 10% no soldo do alcalde no pleno anterior), argumento que foi desartellado polo concelleiro do BNG, impediu que a moción saíra adiante >> REXEITADA: 5 a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas); 5 en contra (PP); 1 abstención (AEC). Resolveu o empate o voto de calidade do Alcalde.

8. Moción concelleiro do BNG sobre protección animais salvaxes en catividade: presentamos unha moción solicitando a prohibición de circos con animais salvaxes en catividade, que se pode consultar aquí >> APROBADA: 2 votos a favor (BNG / Somos Cabanas); 9 abstencións (PP / PSOE / AEC).

9. Moción Grupo Popular sobre a promoción do leite galego: o PP presentou esta moción sobre a promoción do leite galego. Desde o BNG, na nosa intervención, lembramos que o pleno aprobou en xullo unha moción do BNG en apoio ao sector leiteiro, polo que propuxemos unha emenda á totalidade que sustituíse o texto presentado polo Grupo Popular polo texto da moción aprobada en xullo >> APROBADA: 9 votos a favor (PP / PSOE / AEC); 2 abstencións (BNG / Somos Cabanas).

10. Moción Grupo Popular para a defensa do Estado de dereito e a cohesión de España: o PP presentou esta moción pola defensa da unidade de España. No BNG criticamos a hipocresía do texto proposto polo partido do goberno, que malia ter aplicado os maiores recortes á clase traballadora fala de que "todos somos iguais". Así mesmo, o concelleiro do BNG lembrou a definición de Nación, e que Galiza, Catalunya e Euskadi tamén o son >> REXEITADA: 5 votos a favor (PP); 6 votos en contra (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas).

11. Moción concelleiro de PDDdG sobre transparencia: debateuse unha moción de PDDdG sobre transparencia, tratada ao tempo que o punto 7. Desde o BNG manifestamos o noso apoio por ser unha cuestión incluída no noso programa electoral e servir de primeiro chanzo para que o Concello de Cabanas sexa transparente >> APROBADA: 6 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas); 5 en contra (PP).

12. Moción concelleiro de PDDdG sobre o proxecto de humanización da N-651: Somos Cabanas presentou esta moción sobre o proxecto de humanización da N-651 ao seu paso por Cabanas. No BNG lembramos que os cartos para este proxecto xa estaban dispostos nos PGE do 2015 e non se executaron, e que novamente aparecían no borrador dos PGE do 2016; así mesmo, o concelleiro nacionalista comentou que a actuación é necesaria, polo que é preciso que o Concello teña un posicionamento firmo e exixa o cumprimento dos orzamentos >> APROBADA: 6 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas); 5 abstencións (PP).

13. Manifesto Grupo Socialista sobre o Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, nenos e nenas: o PSOE deu lectura a este manifesto polo Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, nenos e nenas.

14. Moción do Grupo Socialista sobre suba do IVE actividades e bens culturais: o PSOE presentou esta moción sobre o IVE en actividades culturais. No BNG manifestamos o noso apoio >> REXEITADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas); 5 votos en contra (PP); 1 abstención (AEC). Resolveu empate voto de calidade do Alcalde.

15. Informes da Presidencia: Resolucións da Alcaldía: déronse conta destas resolucións de Alcaldía.

*Mocións de urxencia: desde o BNG trasladamos ao pleno dúas mocións de urxencia. No momento do debate da primeira, para a realización dunha ordenanza de uso de locais, o Alcalde suspendeu o pleno. Queda pendente para o seguinte pleno.

16. Rogos e preguntas: ao terse suspendido o pleno, non se levou a cabo este punto, nin se deu conta das preguntas escritas previamente rexistradas polo BNG.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

A nosa opinión sobre este pleno é que foi unha nova mostra das actitudes antidemocráticas do Alcalde; podes ler máis no artigo de reacción rápida que fixemos ao día seguinte do pleno.