Pleno ordinario Setembro 27/09/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Setembro 27/09/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado mércores 27 de setembro tivo lugar a sesión ordinaria do pleno municipal correspondente a dito mes. A continuación podedes ver os temas tratados e as propostas do BNG.

1.- Aprobación se procede da acta anterior. Someteuse a aprobación a acta do pleno do 26/04/2017. Aprobouse por asentimento.

2.- Proposta de festas locais 2018 (documento) A proposta do goberno local propuña declarar feriados o martes de Entroido e o día de Santo André (30 de novembro) ao cadrar o San Martiño en domingo. >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

3.- Relación de bens e dereitos a expropiar afectados polas obras de “Conexión da rede de alcantarillado desde a Área recreativa de A Veiga a Batán 2ª fase”. Neste punto tróuxose a pleno a relación de bens expropiados para a 2ª fase da rede de saneamento no Batán. >> APROBADA: 9 votos a favor (PP, PSOE, AEC), 2 abstencións (BNG, SOMOS).

4.- Nomeamento representante da Corporación na “Asociación de Concellos do Camiño Inglés”. O goberno municipal propuxo ao pleno o nomeamento de Esperanza Gayoso como representante da corporación nesta asociación. Aproveitamos este punto para lembrarlle ao goberno local a necesidade de dar conta ao pleno do tratado nas reunións de todos estes organismos, algo que non fixo até o de agora.  >> APROBADA: 6 votos a favor (PP, AEC), 5 abstencións (BNG, PSOE, SOMOS).

5.- Seguridade vial na N-651 en Cabanas (PSOE). (documento) Nesta moción recollíanse varias medidas relacionadas coa seguridade viaria na N-651 que coinciden coas que incluímos no programa das pasadas eleccións e que vimos defendendo desde o comezo da lexislatura. Na nosa intervención denunciamos as partidas fantasma para a humanización da N-651 nos Orzamentos do Estado, que o PP local emprega para vender fume, e lembrámoslle a PP e AEC o seu nulo compromiso coa seguridade vial, como demostraron co seu voto contrario á nosa “Moción de actuacións urxentes para a mellora da seguridade na estrada do Barreiro DP-1502 e anexas” no pleno de novembro de 2016. >> APROBADA (con pequenas modificacións): 11 votos a favor (todos).

6.- Cubrición de parques infantís e espazos de ximnasia para maiores (PSOE). (documento). Neste punto, o PSOE solicitaba que o concello construíse cubertas para os parques infantís e biosaludábeis do Concello. Nós apoiamos o sentido xeral da moción, pero presentamos unha emenda ao punto 2 (que impuña ao Concello o compromiso de dotar partidas orzamentarias para cubrir "polo menos 2 parques" para 2018, e, no caso de que non se puidese, dedicar unha partida dentro do POS para cubrir parques), que tal e como estaba redactado convertía a cobertura de parques infantís na prioridade orzamentaria absoluta, dándolle máis protección a esa política que a calquera outra no orzamento. Por iso propuxemos un novo punto 2, que podedes ler aquí:

Unha vez elaborado o estudo referido no Punto 1, o goberno municipal
a)    Presentará perante o Pleno Municipal do Concello de Cabanas, no prazo de dous meses, unha periodización das actuacións de acordo co devandito estudo e dispoñibilidade orzamentaria, de xeito que se detalle o calendario de actuacións completo.
b)    Dotará as partidas orzamentarias específicas e necesarias para realizar as actuacións de acordo coa periodización.

Esta emenda relaxaba as condicións da moción orixinal e deixaba a periodización na mans dos técnicos, mais o PSOE non quixo aceptala, polo que decidimos votar en contra dese punto. >> APROBADA PARCIALMENTE. Puntos 1 e 3 APROBADOS: 11 votos a favor (todos). Punto 2 REXEITADO: 4 votos a favor (PSOE, SOMOS), 7 votos en contra (BNG, PP, AEC).

7.- Trazado do camiño inglés (Somos). (documento). Desde o BNG apoiamos a moción veciñal presentada no pleno por Somos na que se solicitaba a reversión do Camiño Inglés ao seu trazado previo. Durante o debate da mesma plantexamos a nosa proposta de que, se a iniciativa non prosperaba, se estudase a posibilidade de solicitar a implantación dese trazado como variante. Podes ler máis sobre a nosa postura na noticia que publicamos após o pleno. >> APROBADA: 5 votos a favor (BNG, PSOE, SOMOS) 6 abstencións (PP, AEC).

8.- Ocupación ilegal de inmobles. (PP). (documento). Neste punto o PP trouxo ao pleno unha moción demandando unha serie de medidas sobre okupación. Desde o BNG denunciamos a hipocresía do PP, sempre disposto a criticar que se leven ao pleno aspectos que non estean inmediatamente relacionados co concello, e desmontamos varios dos argumentos presentados na moción: Os casos de okupación non están aumentando (permanecen estábeis), e non afectan a un sector crecente da poboación (a grande maioría de inmobles okupados pertencen á banca). Por último, deixamos claro que non apoiaríamos unha moción que simplemente é un paso máis dentro da campaña mediática para crear unha alarma social co tema da okupación que está levando a cabo ultimamente o PP. Durante o debate o PSOE propuxo unha serie de emendas que cambiaban totalmente o sentido da proposta. Fíxose unha votación por puntos co seguinte resultado: 

  • Punto 1 >> APROBADO: 9 votos a favor (PP, PSOE, AEC), 1 voto en contra (BNG), 1 abstención (Somos Cabanas)
  • Punto 2 >> APROBADO: 9 votos a favor (PP, PSOE, AEC), 2 votos en contra (BNG, Somos Cabanas)
  • Punto 3 >> APROBADO: 11 votos a favor (todos)

9.- Informes de Presidencia (documentos)

a) Resolucións de Alcaldía

10.- Rogos e preguntas

Neste pleno realizamos unha pregunta oral, un rogo, e catro baterías de preguntas escritas.

Pregunta 1: Perante a reunión do proxecto turístico “A Fraga Feita Mar” cos hosteleiros de Cabanas, sobre a que tivemos coñecemento de que non todos os locais de hostelaría do concello foron convidados, preguntámoslle ao alcalde cal foi o criterio para convidar uns ou outros locais e se estaban a ser parciais: O alcalde dixo "que non tiña datos de contactos de algún deles".

Rogo 1: Pedímoslle ao goberno que proceda ao desbroce da beirarrúa de Cardeita, pois en varios tramos a maleza dificulta o paso dos peóns, que teñen que invadir a estrada para poder pasar, co consecuente perigo.

Preguntas escritas:

Pregunta 1: (Redución de persoal no PAC de Pontedeume). O alcalde considera que se mantiveron os equipos necesarios para cubrir as necesidades da poboación da comarca, a pesar de que se o persoal de garda tiña que atender unha urxencia a domicilio, o PAC quedaba desatendido. Esta resposta amosa a desconexión total do goberno municipal da realidade.

Pregunta 2: (Mobilidade). O alcalde respondeunos xeralidades, sen contestar a ningún pregunta concreta das que lle formulabamos e caendo no desrespecto en varias ocasións. As súas respostas volvéronnos amosar que en Cabanas non hai nada semellante a un plano de mobilidade e que o Concello non fai o seu traballo.

Pregunta 3: (Sancións en espazos reservados a residentes). Respondéronnos que puxeran 216 sancións, o que nos parece unha cantidade insignificante ante a magnitude do problema.

Preguntas 4: (Pintadas Nazis). O goberno municipal limpou as pintadas, pero non denunciou, o que nos parece unha irresponsabilidade.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Nesta sesión vimos novamente a un alcalde maleducado, contestando ás preguntas con displicencia, botando balóns fóra e totalmente desconectado da realidade. Así mesmo, alcalzamos un novo nível de hipocresía, ao traer o goberno ao pleno un problema que non afecta en absoluto a Cabanas despois de meses de queixarse de que a oposición traia ao pleno asuntos xerais que si afectan á poboación de Cabanas aínda que non sexan competencia inmediata do pleno.

A raíz do pleno, o PSOE saíu nos medios dicindo que pola nosa culpa (co goberno municipal), non se cubrirían os parques durante o 2018. Xa explicamos a nosa postura no noso Facebook, mais volvemos incidir: O BNG votou en contra do punto 2 da moción do PSOE porque consideramos que non é de recibo, nun concello onde por exemplo só se dedican 3.000€ a Servizos Sociais, reservar partidas a calquera política en setembro, antes de poder ver que vai no resto do Orzamento e se outras políticas máis prioritarias están o suficientemente cubertas. Ademais, o contido do publicado é mentira, posto que aínda sen aprobar a moción, os Orzamentos de 2018 poden levar este gasto se así o aprobamos no Pleno Municipal. 

Esta foi a primeira vez que votamos en contra de parte dunha proposta do PSOE no que vai de mandato, e a resposta mediática, ignorando a verdade e os nosos argumentos razonados, silenciando a existencia da nosa emenda, e buscando o desgaste político, parécenos lamentábel. Como xa dixemos, que se aproximen as municipais non é razón suficiente para deixar de comportarse co respeto á verdade que merece a nosa veciñanza e entrar no clube da política-lixo do que xa temos sobrados representantes no noso concello. Gustaríanos, e esperamos, que quedase nunha anécdota desafortunada.