PLENOS MUNICIPAIS

Pleno ordinario Novembro 30/11/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas

Resumo do pleno ordinario correspondente ao mes de novembro de 2016

Pleno ordinario Novembro 30/11/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado mércores 30 de novembro celebrouse a sesión plenaria ordinaria mensual. Na mesma non estivo presente o concelleiro do PSOE Carlos Ladra por razóns de forza maior.

1.- Aprobación se procede de actas de sesións anteriores: Someteuse a aprobación a acta do pleno 30/08/2016. Aprobouse por asentemento.

2.- Expediente modificación de crédito 10/2016: (Documento). O grupo de goberno trae a pleno un novo modificativo de crédito do Orzamento Municipal. No BNG consideramos que as sucesivas modificacións do Orzamento veñen darnos a razón no que denunciamos no pleno no que se aprobaron: que estes orzamentos eran irreais e inaprobables.

Centrándonos no contido, consideramos escandalosos algúns dos incrementos de crédito propostos, como o incremento dun 600% do orzamentado para limpeza, os 1800 euros para o equipo redactor do PXOM por non ter adaptado a tempo o Plan Xeral á Lei do Solo ou o incremento de 10.000 euros sobre o previsto inicialmente por un campamento de verán de dous meses. Por outro lado, lamentamos que os cartos para este incremento saian das prazas de persoal que non sacaron a concurso e das xubilacións que non se cubriron, a pesar do déficit de persoal que temos no concello >> APROBADA: 6 votos a favor (PP / AEC), 2 votos en contra (BNG / Somos Cabanas), 2 abstencións (PSOE).

3.- Modificación ordenanza fiscal da taxa por expedición de documentación de tenza de animais: (Documento). As modificacións que se producen nesta ordenanza afectan unicamente ao artigo 6, no que se estipulan as cotas tributarias. No concreto, son os seguintes:

  • A licenza por cans potencialmente perigosos sube dos 15 aos 25 euros.
  • A ficha identificadora para cans de raza potencialmente perigosa sube dos 5 aos 10 euros
  • A renovación de licenzas pasa dos 9 aos 12 euros.

Tendo en conta que actualmente hai só 7 cans deste tipo censados en todo o concello, desde o BNG dubidamos que esta modificación sexa necesaria. >> APROBADA: 6 votos a favor (PP / AEC), 1 en contra (Somos Cabanas), 3 abstencións (BNG / PSOE).

4.- Escrito Dirección Xeral de Política Financieira e Tesouro sobre elaboración Plan Económico Financieiro: (Escrito - Proposta). Este escrito lembra ao goberno municipal a necesidade de elaboraren un Plano Económico Financieiro, ameazando con medidas coercitivas tras faceren caso omiso dun requerimento anterior. O Plan Económico Financierio é outra consecuencia da Lei Montoro, que como xa temos comentado noutros plenos, provoca unha perda de autonomía dos concellos en materia tributaria. Porén, consideramos ilóxico que o goberno municipal, que sabe da necesidade de elaborar este plan desde xuño, non o tivera feito até o de agora, cando recibe ameazas de medidas coercitivas. >> APROBADA: 6 votos a favor (PP / AEC), 2 en contra (BNG / Somos Cabanas), 2 abstencións (PSOE).

5.- Actuacións urxentes para mellora da seguridade estrada do Barreiro DP-1502 e anexas: (Documento). Desde o BNG presentamos esta moción logo de ter denunciado en reiteradas ocasións os problemas da Estrada do Barreiro, froito da obra chapuceira levada a cabo polo PP ao final da pasada lexislatura, así como para corrixir a histórica falta de sinalización da estrada DP-1502 e anexas. En 23 puntos, solicitamos a instalación de 

  • Sinalización de cruce en todos os cruces.
  • O marcado de STOPs en todos os lugares nos que non existe.
  • Un espello para a saída segura dunhas vivendas, 
  • Un paso de peóns á altura do Camiño do Salgueiral.
  • A redución da velocidade entre os núcleos de Val e os Anidos.
  • Bandas redutoras e sinalización específica para a zona escolar.
  • O marcado do tramo do Camiño Inglés.
  • A solución definitiva aos problemas de saneamento que causaron reiteradas inundacións.

Tanto AEC como o PP negaronse a aprobar a moción, e durante o debate da proposta dedicáronse a menospreciar o traballo do BNG, negando a necesidade das propostas e dicindo que era necesario presentar informes técnicos coas mocións (sería se decidise levar a cabo a moción cando o goberno debería solicitalo). Ignoran estas formacións que levamos máis dun ano en contacto coa veciñanza da zona para dar resposta aos problemas desta estrada, e que esta moción está formulada en colaboración con ela. O voto en contra destas dúas formacións á proposta do BNG, non só é inxustificábel, senón que, ademais, é un desprezo á veciñanza; e só se entende como un esforzo por agochar a súa inacción desde o inicio da lexislatura. >> REXEITADA: 4 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 6 en contra (PP / AEC).

6.- Instalación de puntos de carga para vehículos eléctricos: (Documento). Ante a chegada dos primeiros vehículos eléctricos e híbridos enchufábeis, esta proposta do BNG tiña como obxectivo iniciar os estudos para a instalación de puntos de carga nas inmediacións dos edificios municipais e prever a súa instalación nos edificios de nova construción.

Novamente, o debate evidenciou que un dos puntos de acordo do bipartito PP - AEC (nese momento aínda non oficial) era boicotear por sistema todas as propostas do BNG con argumentos falsos e, até certo punto, cómicos polo absurdo do seu contido. >> REXEITADA: 3 votos a favor (BNG / PSOE), 6 en contra (PP / AEC), 1 abstención (Somos Cabanas). 

7.- Comparecencia en Pleno sobre a actuación de cara a celebración do “Ano Andrés do Barro”. (Documento). Desde o BNG solicitamos a comparencencia en pleno para que a responsábel da área de Cultura comparecese para explicar o grao de cumprimento da “Moción de Apoio á Solicitude de Medalla de Galiza para Andrés do Barro”, aprobada no pleno de novembro de 2015, que entre outros acordos estableceu o 2017 como "Ano Andrés do Barro".

A portavoz da área dixo ter pendente unha reunión coas asociacións do concello para programar a actividade cultural do ano 2017, na que abordarían o asunto, e que "calquera podía facer achegas de ideas" para a mesma. Desde o BNG consideramos que isto evidencia que, tamén nesta área, o PP actúa segundo van xurdindo as cousas, sen ningún tipo de planificación, o que evidencia un método de traballo pouco profesional.

8.- Orzamentos participativos: (Documento). Apoiamos a proposta, xa que as reunións veciñais que organiza o goberno municipal non son máis que un paripé partidista do Partido Popular, que non ten sentido xa que non hai proxecto de Orzamentos, e que emprega o logo do Concello para dar lexitimidade a un acto de partido que non é un auténtico proceso participativo, confundindo Concello e partido como xa é costume. Indicamos que o BNG xa estaba a dar cumprimento a parte da proposta antes de esta existir, posto que organizamos asembleas veciñais sobre os orzamentos moi concurridas nas que recollimos ideas da veciñanza nas que basearemos as nosas emendas aos Orzamentos. >> REXEITADA: 4 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 6 en contra (PP / AEC).

9.- Implantación de medidas contra a pobreza enerxética: (Documento). Indicamos o noso acordo co espíruto da moción, mais para que non quedase nalgo abstracto propuxemos unha emenda engadindo dous puntos adicionais, que foron enviados a todos os grupos dous días antes do pleno.

4.- Solicitar do Goberno do Estado español que permita a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas. 
5.- Traballar coa Fundación Axencia Provincial da Coruña (FAEPAC) e establecer unha liña de colaboración cos servizos sociais do Concello que permita elaborar auditorías enerxéticas para a elaboración de propostas de aforro que permitan reducir o consumo mantendo o nível de confort no fogar na loita contra a pobreza enerxética.

O promotor da moción negouse a que os puntos propostos polo BNG fosen incluídos no corpo da moción e pediu que se votasen por separado. Tras un longo debate e modificados os puntos da moción inicial para conseguir o voto favorábel do bipartito PP-AEC nalgún deles, o promotor pediu o voto de todos os puntos por separado, cos seguinte resultados.

  • Pto 1. >> APROBADO: 10 votos a favor (todos). 
  • Pto 2. >> REXEITADO: 5 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas), 5 en contra (PP). 
  • Pto 3. >> REXEITADO: 4 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 en contra (PP), 1 abstención (AEC). 
  • Pto 4 (proposta BNG). >> REXEITADA: 4 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 en contra (PP), 1 abstención (AEC). 
  • Pto 5 (proposta BNG). >> REXEITADA: 3 votos a favor (BNG / PSOE), 5 en contra (PP), 2 abstención (AEC / Somos Cabanas). 

10.- Intolerancia ao glute. (Documento). Apoiamos a proposta, que consideramos interesante e que non supón grandes esforzos ao Concello, senón máis ben a consideración das persoas que sofren esta doenza nas actividades gastronómicas que realiza. Tras un intenso debate, someteuse a votación con varios cambios. >> APROBADA: 10 votos a favor (todos).

11.- Declaración institucional contra a violencia de xénero: Procedeuse á lectura dunha declaración institucional polo 25-N, Día contra a Violencia de Xénero. Desde o BNG queremos pór de manifesto que o Concello de Cabanas xa o ano pasado aprobou unha das mocións máis avanzadas do país, solicitando a creación da figura legal do feminicidio, a instancias do BNG.

12.- Informes de presidencia
    a) Resolucións de Alcaldía (documento)
    b) Informe sobre a execución trimestral 3ºT/2016
    c) Informe trimestral sobre PMP 3ºT/2016

Neste punto deuse conta da entrada no goberno da concelleira de AEC, Eva García Amor, con responsabilidades en Servizos. Deste modo, o bipartito PP-AEC pasa a ser definitivamente oficial, tendo o goberno municipal maioría absoluta no pleno.

13.- Rogos e preguntas

Neste punto fixemos 1 rogo, 2 preguntas orais e 2 preguntas escritas

Rogo 1: pedimos que, tal e como xa denunciáramos nun pleno anterior, o Concello tivera a ben darlle a volta á bandeira de Galiza tras levar meses do revés. O alcalde indicou que non se cambiou porque "estaban esperando bandeiras novas". ¿?

Pregunta 1: interesámonos polo "“Teléfono do Veciño”, idea que o goberno municipal copiou do BNG. Preguntamos pola persoa responsábel da súa atención, negándose o alcalde a dar tal información, e pola partida da que saíron os cartos para a súa posta en marcha, ao que respondeu que "forma parte do contrato de comunicacións". O BNG solicitou máis información sobre este tema, sen resposta algunha.

Pregunta 2: tras a denuncia veciñal polo estado do patrimonio histórico do Concello, nomeadamente do Coto do Castro e o Castro de Salto (este último afectado por unha plantación de eucalipto), preguntamos se o Concello leva a cabo algún tipo de control sobre o seu patrimonio. Non se nos deu unha resposta clara.

Preguntas escritas

Pregunta 1 (estado da Escola Laica na exposición itinerante dos traballos presentados ao IX Premio de Banda Deseñada Castelao). O alcalde asegurou que estaba en condicións, a pesar das fotografías que evidencian o contrario, e acusou ao voceiro do BNG de "ir vela o último día". Como pode ser que teñamos miopía, deixamos as fotos que documentan o estado da Escola Laica, para que xulguén as persoas que lean este texto...

 

 


Pregunta 2 (tubaxe aparecida na praia da Madalena). O alcalde dixo non saber nada e tampouco adquiriu o compromiso de informar en próximas sesións, aínda que trasladará o asunto a Viaqua.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

O pleno rematou coa nova da oficialización do bipartito PP - AEC. A nós non nos sorprendeu tal anuncio, ao fin e ao cabo a concelleira de AEC non só foi a que permitiu que Germán Castrillón seguise sendo alcalde de Cabanas, senón que ademais apoiou a súa suba de soldo por menos horas de traballo. O BNG leva denunciando desde o comezo da lexislatura  a existencia dun bipartito encuberto, mais coa súa oficialización exiximos coñecer os termos do acordo entre ambas formacións.

Lamentamos que PP - AEC decidisen bloquear sistematicamente as propostas do BNG, e o peor de todo: con argumentos absurdos que demostran un total descoñecemento das necesidades do Concello que mal-gobernan. No BNG non nos imos amedrentar e seguiremos traballando arreo para conseguir desterrar o seu caciquismo e facer que, a partir de 2019, teñamos un concello mellor co goberno que merece e merecemos.