Pleno ordinario Maio 25/05/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Maio 25/05/2016: resumo da sesión e propostas do BNG

O mércores, 25 de maio, celebrouse a sesión plenaria ordinaria do mes de maio. A continuación podedes ler o noso resumo e valoracións.

1.- Aprobación se procede da acta da sesión anterior: Someteuse a aprobación a acta correspondente á sesión do 30 de marzo de 2016, que foi aprobada por asentimento.

2.- Solicitude subvención equipamento e mellora de instalacións culturais: informouse da existencia dunha liña de subvencións que, de ser aceptadas, deberan ser financiadas nun 26% polo concello (aproximadamente 7000 € dun total de 29.000 €). Falouse de dirixilas á supresión de barreiras arquitectónicas, á compra dun novo piano para a escola de música e ao equipamento dunha aula de novas tecnoloxías >> APROBADA: 9 votos a favor (BNG, PP, PSOE, AEC), 1 abstención (Somos Cabanas)

3. Recuperación servizo de noitebús (BNG): Presentamos esta moción na que solicitamos a recuperación do Noitebús, o servizo de transporte nocturno durante as fins de semana especialmente orientado a que a mocidade non teña que coller o coche para os seus desprazamentos ás zonas de ocio, un programa que impulsou o bipartito da Xunta e que o PP eliminou como medida de aforro. Argumentamos que é un programa rentable, xa que un só accidente grave equivale a varias miles de xornadas de Noitebús, polo que eliminalo é moito máis caro para as arcas públicas. O Partido Popular amosouse contrario alegando motivos de falta de demanda, algo que contradín os datos. Porén, a nosa maior sorpresa foi a posición da Agrupación de Electores, que se opuxo dicindo que "fomenta o beber". Esta afirmación cae polo seu propio pé: o consumo de alcohol xa existe, con Noitebús ou sen el, e o Noitebús evita unha das consecuencias negativas dese consumo: que persoas intoxicadas poñan en risco as súas vidas e a dos demais. REXEITADA: 4 votos a favor (BNG, PSOE, Somos Cabanas), 6 votos en contra (PP, AEC).

4. Dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais (BNG). Presentamos esta moción, acompañada dunha proposta de declaración institucional. Por moito que teñan aumentado os seus dereitos na lexislación durante os últimos anos, as persoas LGTBI seguen a ser obxecto de discriminación nos máis distintos ámbitos e consideramos que é necesario que todas nos impliquemos nas defensas dos dereitos LGTBI, incluídos os concellos. O PP opúxose alegando que o concello non ten competencias. Este é un argumento falso, xa que, como se pode ver no texto da moción, as medidas que propuñamos podíanse levar a cabo desde os concellos. A Concelleira de AEC dixo que amosaba o seu apoio, mais desde a abstención (!!??) >> REXEITADA: 4 votos a favor (BNG, PSOE, Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC).

*Acordouse aceptar a declaración institucional por unanimidade.

5. Informes de presidencia: deuse conta das diversas resolucións de alcaldía [non nos enviaron o documento, de conseguilo subirémolo como vén sendo habitual].

6. Rogos e preguntas: Neste pleno puidemos realizar dúas preguntas orais, 4 escritas e 2 rogos.

Pregunta 1: preguntamos se o alcalde consideraba que esta publicación do perfil oficial do Concello de Cabanas nas redes sociais era acaída para a neutralidade que se lle presupón, e se non tería máis cabida no perfil do PP de Cabanas. O alcalde respondeu que "el consideraba que estaba ben".

Pregunta 2: A raíz desta nova, preguntamos a canto podería ascender o total de multas sobre este tema. Contestou que "xa se iría sabendo segundo fosen chegando".

Rogo 1: Rogamos que o alcalde informase sobre o estado das negociacións cos propietarios da casa de Xan Ares, tema que se debateu na sesión plenaria anterior. Respondeu que "de momento só había unha oferta de 1.000.000 €" e que estaban agardando a ter máis información.

Rogo 2: Logo de que durante a celebración do Día das Letras Galegas a Concelleira de Cultura fixese boa parte da súa intervención en castelán (algo que contradí a propia celebración) e en cumprimento  do artigo 6.3 da Lei de Normalización Lingüística, rogamos que no exercicio das súas funcións as concelleiras tivesen a ben empregar o galego.

Preguntas escritas

Pregunta escrita 1 (participación veciñal nos plenos). O alcalde dixo que non había necesidade de regular a participación veciñal nos plenos, a pesar de que as preguntas que a veciñanza fai ao final do pleno non aparecen nas actas nin teñen carácter oficial ao non estar regulado.

Pregunta escrita 2 (reposición semáforo Areal e sinal). Responderon que estimaban que o semáforo fose colocado nunha semana, sobre o sinal non dixeron nada.

Pregunta escrita 3 (iluminación Areal). Eludiu dar resposta a estas cuestións.

Pregunta escrita 4 (acceso a Internet no polígono). Asegurou que o polígono xa conta con redes de alta velocidade, ignorando a realidade, xa que o polígono carece de conexión de fibra óptica.

Fóra de Acta

Producíronse catro intervencións da veciñanza sobre os problemas das obras do Penso, ás que o alcalde deu a súa habitual "non-resposta" demostrando unha vez máis a falta de respeto cara á veciñanza, e interesándose sobre por que o concello non deixou unha carpa para a celebración do Corpus na parroquia de Cabanas (que se celebra esta fin de semana). Asegurou este veciño que o alcalde afirmara que era a oposición quen non deixaba, feitos que Germán Castrillón non negou. Desde o BNG negamos rotundamente que a oposición teña algo que ver con esta decisión, tomada única e exclusivamente polo goberno do PP. Nós consideramos que o concello debe facilitar, na medida das súas posibilidades, a celebración das festas parroquiais ou outros eventos que saian da veciñanza e NUNCA votariamos en contra dunha medida similar. Porén, como vén sendo habitual na labor de goberno de Castrillón, en ningún momento fomos consultados sobre esta cuestión e non houbo ningunha votación ao respecto.

 CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

O de maio foi un pleno no que o BNG foi a única forza política que levou contido, con dúas propostas (Noitebús e dereitos das persoas LGTBI) cuxo obxectivo é avanzar cara un concello con máis servizos e respectuoso coa veciñanza. Porén, máis unha vez, PP e AEC embarcaron xuntos bloqueando que saísen adiante. Seguimos abraiados coa actitude da concelleira de AEC, que un ano despois de ser escollida segue sen saber que non se apoian as iniciativas con abstencións e preguntámonos que fai no concello ademais de servir de soporte desde fóra ao goberno do PP.

Por outra banda, evidenciouse unha vez máis o interese da poboación por participar nos plenos, aínda que a actitude do PP segue a ser que o fagan fóra de acta para que non poida haber compromiso algún. No BNG cremos, e así o fixemos constar, que esta participación debe estar regulada (non limitada, nin impedida) para que quede constancia das aportacións, queixas e suxesións da veciñanza, e nesa liña seguiremos traballando.

Por último, desde o BNG queremos lamentar a actitude do alcalde na pregunta da veciñanza sobre a carpa para a celebración do Corpus na parroquia de Cabanas. O alcalde, aínda sabendo que NUNCA consulta as súas decisións coa oposición, non negou no pleno o rumor extendido entre a poboación (probablemente por membros do seu partido) de que foi a oposición quen negou esa carpa. A Castrillón non lle chega con gobernar de forma autoritaria e sen ter en conta á oposición, senón que agora tamén minte dunha forma totalmente descarada.