Pleno extraordinario 17/12/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno extraordinario 17/12/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

 

iago varela bng pleno extraordinario decembro 2015O 17 de decembro tivo lugar unha sesión extraordinaria do pleno municipal do Concello de Cabanas para tratar dous asuntos na orde do día: o expediente de responsabilidade patrimonial da sentenza O Penso (1ª fase) e o expediente sancionador a Viaqua. Eis o resumo do mesmo coas nosas propostas.

 

 

1. Expediente responsabilidade patrimonial execución sentenza O Penso 1ª fase

 

 

A contagotas a oposición foi recibindo documentación relativa a este punto (Conclusións do Consello Consultivo - Informe de Secretaría Intervención - Informe Servizos Técnicos - Nova proposta Instrutor acordo Indemnizacións).

 

 

Na nosa intervención lembramos o espectáculo vivido no pleno de setembro, no que o Alcalde obrigou a facer unha votación sen garantías legais, que non saiu adiante grazas ao voto en contra da oposición. Así mesmo, explicamos novamente a postura do BNG sobre o Penso: queremos dar unha solución definitiva a este problema, dar cumprimento á sentenza e facelo de xeito satisfactorio para a veciñanza do edificio, establecendo indemnizacións xustas e ofrecendo un lugar para que as afectadas - directa e indirectamente - polas demolicións teñan un lugar para pasar as obras.

 

 

Denunciamos que, ao igual que aconteceu en setembro, o Alcalde levou a pleno un acordo que non cumpre cos requisitos mínimos para ser aprobado: na proposta do instrutor fálase de deixar sen efecto un acordo que teoricamente non existe; na relación de afectados non figuran os herdeiros dunha persoa falecida que tiña o piso en réxime de gananciais; as superficies medidas polo técnico do Concello e a recollida na valoración non se corresponden coa reflectida na escritura notarial de compra... Todas estas eivas fan que sexa inaprobábel, porque lonxe de amañar a situación o único que fai é expór á veciñanza a posíbeis novos pleitos.

 

 

No transcurso do debate propúxose votar que quedase o tema adiado e se convocase un novo pleno nun prazo máximo de 10 días coas propostas elaboradas correctamentea >> APROBADO: 6 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas); 5 votos en contra (PP). *A día 30 de decembro o pleno segue sen estar convocado.

 

 

2. Expediente sancionador a Viaqua

 

 

No BNG amosamos estar de acordo en levar adiante este expediente sancionador ante os incumprimentos reiterados de Viaqua coas súas obrigas contractuais (reparacións da rede, solución a inundacións, problemas de bombeo...). Ademais, o concelleiro Iago Varela explicou como o modelo de concesións para a prestación de servizos básicos estase a demostrar como inadecuado, e puxo riba da mesa a necesidade de ir rescantándoas para a xestión pública.

 

 

Manifestamos a nosa intención de traballar para que no 2020 (ano no que finaliza a concesión da auga) o Concello asuma a xestión da auga, ben a través de medios propios ou mancomunados con outros concellos, mais tamén propuxemos estudar a posibilidade de retirar xa a concesión que ten Viaqua dada a gravidade das infraccións cometidas por esta empresa.

 

 

Esta última cuestión quedou no aire, e só se votou a expediente sancionador >> APROBADO: 10 votos a favor (BNG / PP / PSOE / Somos Cabanas); 1 abstención (AEC)