Pleno extraordinario 12/10/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

concello de cabanas
concello de cabanas
Pleno extraordinario 12/10/2017: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado día 12 de outubro tivo lugar unha sesión extraordinaria do pleno municipal. A continuación podedes ver os temas tratados e as propostas do BNG.

1.- Conta xeral orzamento 2016 (documento)

O goberno local trouxo ao pleno a Conta Xeral correspondente ao Orzamento de 2016.

Esta Conta Xeral, como as dúas anteriores que aprobamos neste mandato, adoece de importantes defectos que amosan que o goberno local carece dunha política de Facenda real, ademais, o importante grao de incumplimento dos orzamentos (39,24% do Orzamento sufriu modificativos, 29,63% quedou sen executar) amosa que o goberno non toma en serio a elaboración dos Orzamentos. Semella que o único que queren é sacar notas de prensa publicitando o que van facer para despois non facelo e improvisar.

No tocante ao gasto, a Conta Xeral amosa como segue a priorizarse o gasto corrente sobre a inversión, como xa é habitual en Cabanas. Este gasto corrente está descontrolado, poderíase aforrar nos gastos en electricidade, contenciosos, ou indemnizacións (soldos encubertos). Ademais, hai partidas de contías moi elevadas dentro do gasto corrente que non se explican, e que semellan unha forma de eludir o control do pleno á hora de facer os gastos.

A inversión real é ridícula (o 25.02% do gasto total, que equivalen a 239,69€ por habitante), e dentro dela as políticas realmente transformadoras son deixadas a un lado, como demostran os 0 € gastados en industria e enerxía ou a política de fomento do emprego, que non consiste en promover a busca de emprego, senón en repartilo, e de paso tentar obter beneficio. 

No tocante á política social, esta é inexistente e está deixada de lado. As axudas directas repártense en tres partidas, e nas tres o executado quedou moi por debaixo do orzamentado:

- Partida 48100 Axudas para os estudos, orzamentado 2000€, gasto 450€.
- Partida 48000 Axudas de emerxencia social, orzamentado 3500€, gasto 1849,26€.
- Partida 47200 Axudas para reducir o prezo a pagar polos consumidores da auga, orzamentado 100€, gastáronse 0€.

Isto non amosa que a veciñanza de Cabanas non necesite axudas sociais, como di o alcalde. Todo o mundo sabe que non é verdade. Se non se executa a xa moi escasa cantidade que se orzamenta en axudas sociais é porque non hai vontade política á fronte do departamento.

No tocante ao Penso volveuse gastar menos do orzamentado, orzamentáronse 1.026.454,50€, dos que só se gastaron 432.292,44€. O goberno fixo unha chapuza na que nin as obras nin as vivendas resultantes cumpren cos mínimos que merece a veciñanza. Por último, a Conta xeral amosa que as externalizacións neste concello están descontroladas, subindo outro 7% no ano 2016. Cada servizo externalizado é un servizo que non está baixo o control nin da corporación nin dos funcionarios do Concello, e no que polo tanto o goberno pode "influír" con maior facilidade.

No tocante aos ingresos, a previsión novamente resultou desproporcionada. 

Os ingresos previstos son propios doutras épocas de bonanza económica, o que levou a que se recadasen 45.000€ menos en imposto de construcións, e 17.000€ menos en licencias de obras. Ademais, calculáronse mal as transferencias tanto do estado como da Xunta, e de feito, un capítulo enteiro de ingresos, o 7, ten en todas as partidas uns ingresos menores aos previstos. 

Porén, noutras partidas, e nomeadamente nos impostos directos e nas multas, recadaron moito máis do orzamentado, como xa denunciamos na aprobación dos Orzamentos de 2017. O goberno municipal ten un modelo de ingresos que carga o peso dos ingresos do concello sobre a veciñanza, pero non quere recoñecelo, nin incluílo no orzamento. Prefire que despois lle cheguen eses cartos como se non esperara telos e así poder aprobar gastos extras mediante modificativos, que teñen un menor control.

Por último, esta Conta Xeral amosa que o concello de Cabanas ten máis de medio millón de Euros de débeda, o que contrasta coa hiper-publicitada frase “Cabanas, concello sen débeda!” que o alcalde publicitou antes das últimas municipais. Como xa dixemos na altura, sabendo que había que pagar o Préstamo do Penso (agora xa parcialmente incluído), dicir que Cabanas era irresponsable e un fraude á cidadanía, e así se ve agora. 

Con este panorama, está claro que nunca poderíamos apoiar unhas contas así. >> APROBADA: 6 votos a favor (PP, AEC), 3 abstencións (PSOE) 2 votos en contra (BNG, SOMOS).

2.- Expediente modificación de créditos 7/2017. (documento)

O goberno trouxo tamén un modificativo de crédito do Orzamento do presente ano 2017. Os modificativos de crédito son unha ferramenta que permite aos gobernos unha certa liberdade para adaptar os Orzamentos do concello a circunstancias sobrevidas. Pero o que presentaron non é iso, senón unha chapuza que tiveron que facer como resultado da falta de previsión e traballo durante a elaboración dos Orzamentos.

Inclúe a liberación de 11.000€ dunha partida de persoal que son o resultado de que o goberno non cubriu todos os postos de traballo da área de obras e servizos e a liberación de outros 14.500€ para unha rede de abastecemento de auga creada especificamente durante o proceso de confección do Orzamento, nesa carreira para gastar un orzamento “libre” para o que, segundo o goberno, desde a oposición tiñamos que mandar as modificacións os días 24 e 25 de decembro.

Ademais, o modificativo é sobre a base dun orzamento que segue sen solucionar os problemas de Cabanas, cun gasto corrente desproporcionado, que mantén as indemnizacións ao goberno de cuxa legalidade temos serias dúbidas, que entende o fomento do emprego como unha oportunidade de avanzar posicións políticas mediante o intercambio de favores e non como unha política de integración social, que nin dota nin ten plans para dotar dos SERVIZOS PÚBLICOS BÁSICOS ao 100% da poboación de Cabanas, e que consigna cantidades irrisorias en Servizos Sociais, cantidades que aínda por riba non gasta. 

É un orzamento que é un reflexo do goberno que o elabora: falto de ideas, cheo de imprevisión e de improvisación, cun sentido das prioridades moi desviado e prexudicial para a veciñanza de Cabanas. Non queremos que isto siga así. E por iso votamos en contra. >> APROBADA: 6 votos a favor (PP, AEC), 3 abstencións (PSOE) 2 votos en contra (BNG, SOMOS).