As razóns do non ao PXOM de Castrillón e os seus amigos

PXOM de Cabanas
PXOM de Cabanas
As razóns do non ao PXOM de Castrillón e os seus amigos

O pasado mércores, 31 de outubro celebrouse o pleno ordinario, unha sesión que tivo como principal punto na orde do día a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O documento recibiu tan só os votos a favor do goberno (PP + AEC), algo inevitable dada a nula vontade de Castrillón e o seu equipo de dialogar para conseguir un PXOM de todas, como pensamos que debería ser.

 

As razóns do BNG para votar en contra do PXOM

O PXOM naceu con defectos de raíz. Se ben é certo que o documento que presentou o goberno inicialmente mellorou coas alegacións veciñais, o Plan segue adoecendo de erros básicos, de modelo, que impoñen que Cabanas sexa un concello de turismo estacional, con áreas case desertas fóra de tempada. Ese non é o modelo do BNG: nós avogamos por un PXOM que deixase de lado desenvolvementos fantasiosos e que se centrase en coidar o que hai, mellorando e extendendo os servizos básicos que, a día de hoxe, aínda non disfruta toda a veciñanza.

Doutro lado, o PXOM que se aprobou contiña varios erros e omisións graves, como falla de documentación, alegacións non respondidas, erros materiais e previsións pouco realistas no tocante á sustentabilidade económica do plan, hipotecando aspectos básicos para o futuro de Cabanas e deixando a moitas veciñas nunha total incertidume. Ademais, varios destes erros fan que o PXOM aprobado estea en risco de ser botado para atrás pola Xustiza, condenando a futuros gobernos municipais a leas xudiciais, cuxos custos teremos que pagar entre todas, pola imprudencia do goberno de Germán Castrillón e a súa socia de AEC, Eva García Amor.

Por último, cabe sinalar que a tramitación deste plan deixou ver múltiples mostras do secretismo e autoritarismo co que gobernan PP e AEC. Por exemplo, en xuño de 2017, o BNG tivo que preguntar en pleno polo PXOM para que o goberno municipal compartise a última versión naquel momento, que xa tiñan no seu poder desde había máis de mes e medio. Porén, o caso máis palmario foi o ocorrido na Comisión de Obras que ditaminou o PXOM para traelo a este pleno, na que a concelleira de AEC (socia do goberno) abstívose, xa que descoñecía que o PP pretendía aprobalo inminentemente, amosando o secretismo incluso entre socios de goberno, malia ser un dos puntos polos que selaron o seu acordo.

Segunda exposición imprescindíbel

O PXOM de Cabanas non foi consultado con ninguén, e desde o BNG de Cabanas consideramos inadmisíbel que o PXOM se tivese aprobado con importantes modificacións sen que a veciñanza puidera consultalo para ver como estes lle afectan. Pedimos en reiteradas ocasións unha segunda exposición pública para que todo o mundo puidera ver os cambios, mais desde o goberno negáronse sistematicamente.

O PXOM de Germán Castrillón e os seus amigos

Este PXOM, non é o PXOM da veciñanza, senón o da alcaldía e os seus amigos. UN PXOM que está mal feito, mal tramitado, mal negociado, que se presenta ás presas pola urxencia de Castrillón de marchar para Narón e que impón un modelo que non é o que queremos. Cabanas merece algo mellor.