Reclamamos a retirada inmediata dos áridos de Manmer do polígono de Vilar do Colo

Após ter coñecemento da sentencia que condena Fermín Duarte por un delito contra o medioambiente, reclamamos a retirada inmediata dos áridos contaminantes, ao tempo que lamentamos a lenidade do auto e a falta de responsabilidades políticas por un atentado medioambiental.

Reclamamos a retirada inmediata dos áridos de Manmer do polígono de Vilar do Colo

Esta semana tivemos coñecemento da sentencia no caso dos áridos contaminantes de Manmer, pola que Fermín Duarte foi condenado por delito ambiental a 6 meses de prisión e á retirada dos áridos contaminantes que a empresa Manmer S.L. ten depositados en Vilar do Colo.

Ao fío desta sentencia, desde o BNG de Cabanas exiximos novamente a retirada inmediata dos áridos contaminantes do polígono de Vilar do Colo, de xeito que se cumpra a resolución da APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) de 30 de xaneiro de 2014.

"A APLU recoñeceu a existencia dun problema ambiental e de saúde pública pola inadecuación da parcela na que están depositados estes refugallos, e urxiu á retirada para devolver os terreos ao estado orixinal", explicou Iago Varela, voceiro municipal do BNG en Cabanas.

Porén, desde a Xunta e desde a propia APLU nada se fixo para levar a cabo esta resolución, a pesar de que na mesma se establecese que "se procederá á execución subsidiaria ou forzosa no caso de non facela os responsábeis nos tres primeiros meses", un prazo que rematou o 30 de abril do 2014.

"A Xunta negouse a facer a retirada de forma subsidiaria unha e outra vez, o que sempre nos pareceu unha irresponsabilidade e un desrespecto para coa veciñanza de Cabanas dada a perigosidade dos refugallos", indicou Varela. Esta inacción extendeuse ao goberno municipal, do Partido Popular, que tampouco realizou acción algunha. "Sendo que agora xa hai unha sentencia que indica quen ten que realizar a retirada, desde o BNG exiximos que esta sexa o máis rápida posíbel", indicou o portavoz do BNG en Cabanas.

Porén, desde o BNG lamentamos a suavidade da sentencia, só 6 meses de cárcere por un delito contra o medio ambiente a saúde pública. Ademais, tampouco entendemos a inexistencia de responsabilidades políticas pola permanencia duns áridos contaminantes nun terreo non preparado por case 10 anos.

 DENUNCIAS PREVIAS:

O BNG leva varios anos denunciando as graves consecuencias ambientais da importación por parte da empresa Manmer S.L. dunhas 800.000 toneladas de materiais asfálticos potencialmente contaminantes, actualmente depositados en diversos puntos do país.

No caso de Cabanas, este material está depositado ao carón do río Baa, en terreos lindantes co Polígono Industrial de Vilar do Colo, na parroquia de Laraxe. Este material pode ter graves repercusións sobre o medio ambiente e a saúde das persoas, tal e como advertiu nun informe o Instituto Nacional de Toxicoloxía xa no 2011.

Así, en 2015 o BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza instando á Xunta a cumprir coa resolución da APLU, levando tamén esta reivindicación ao Parlamento Europeo da man de Ana Miranda.

Reclamamos a retirada inmediata dos áridos de Manmer do polígono de Vilar do Colo