O PP de Cabanas e AEC suben nun 10% a asignación ao Alcalde

O PP de Cabanas e AEC suben nun 10% a asignación ao Alcalde

 

cabanas praia

 

 

No Pleno ordinario de xullo de Cabanas, celebrado onte, o PP e a Agrupación de Electores de Cabanas (AEC) acordaron subir nun 10% a asignación que recibirá o alcalde, Germán Castrillón, que permanecía sen soldo desde o pleno de organización, onde fora rexeitada por toda a oposición a proposta do PP de 32.900 € por 35 horas semanais.

 

 

A proposta que o PP trasladou ao pleno desta semana (30.000 € por 29 horas semanais), aprobada cos votos a favor dos 5 concelleiros populares e a concelleira de AEC, supón na práctica unha suba do 10%, pois coa inicial a hora saía a 18,07 € e coa nova 19,89 € (isto é, 1,82 € máis por hora).

 

 

O concelleiro do BNG, Iago Varela, acusou aos populares de "querer facer parva á veciñanza de Cabanas cunha suba encuberta", e lamentou que Eva García (AEC) "apoiase sen fisuras" a proposta de Castrillón, cando no pleno de organización votou a favor da proposta do BNG (20.000 € por 35 horas semanais), que o concelleiro nacionalista mantivo no pleno ordinario desta semana.

 

 

Apoio ao sector lácteo e adaptación dos locais electorais a persoas con discapacidade

 

 

No pleno tamén se debateron dúas mocións do BNG, unha en defensa do sector lácteo galego, que foi aprobada cos votos a favor de toda a oposición (BNG, PSOE, AEC, Somos Cabanas), e outra para adaptar os locais electorais que adoita empregar o concello, para que as persoas con discapacidade poidan exercer o seu dereito ao voto con plenas garantías, e que foi aprobada cos votos a favor do BNG, PSOE e Somos Cabanas.

 

O PP de Cabanas e AEC suben nun 10% a asignación ao Alcalde