PP e AEC rexeitan a proposta de Orzamentos participativos do BNG

participacion
participacion

A moción incluía a creación dunha comisión non remunerada que elaboraría o regulamento para facer posíbel os orzamentos participativos, de maneira que a veciñanza podería decidir o destino dunha cantidade dos orzamentos do concello.

PP e AEC rexeitan a proposta de Orzamentos participativos do BNG


O pleno do concello de Cabanas celebrado onte 30 de xaneiro, rexeitou cos votos a favor de BNG, PSOE e Somos e os votos en contra de PP e AEC, a proposta do BNG de introducir un sistema de Orzamentos Participativos en Cabanas.

A proposta do BNG nace das importantes eivas no proceso de elaboración dos orzamentos do Concello de Cabanas durante este mandato, xa que os proxectos sempre foron presentados na segunda quincena de decembro, deixando sempre menos de 15 días para a súa tramitación, fiscalización e aprobación e sen ser en ningún caso dialogados ou negociados. "A celeridade do proceso foi tal que en dúas ocasións só se tivo o día de Noiteboa e Nadal para analizar os orzamentos", explicou Iago Varela, voceiro do BNG en Cabanas. 

Esta falta de transparencia chega tamén á veciñanza, cuxa participación no proceso de elaboración dos orzamentos até o de agora eran unha serie de reunións polas parroquias. "Nelas, segundo di o goberno, recollen ideas, mais estas ideas sobre investimentos nunca son trasladadas ao conxunto da corporación, e as reiteradas peticións por parte da oposición para que se identifiquen as partidas que responden á vontade veciñal sempre caeron en ouvidos xordos", indicou Varela. 

A moción do BNG incluía a creación dunha comisión non remunerada na cal se decidiría o regulamento do proceso de orzamentos participativos, establecendo o procedemento de suxestión e elección de investimentos por parte dos veciños, o método de reparto de fondos entre as diferentes propostas e os criterios correctores que se empreguen.

"A nosa idea era que desde o Concello só establecésemos un regulamento, e que o resto do proceso fose levado pola propia veciñanza coa colaboración do persoal municipal", explicou Iago Varela. "É só deste xeito que os orzamentos municipais poden ser merecedores do nome de participativos, en contraste co modelo que está a levar a cabo até o de agora o goberno municipal de Cabanas, que na práctica fai que os actos sexan meros eventos propagandísticos do Partido Popular". Así mesmo, a moción incluía a obriga por parte do goberno municipal de reservar unha cantidade fixa e suficiente na partida de investimentos para financiar as obras escollidas neste proceso, así como a competencia do persoal municipal, e non dos representantes electos, sobre o proceso.