A ESTRADA DO BARREIRO PRESENTA NUMEROSAS DEFICIENCIAS E FALTA DE SINALIZACIÓN BÁSICA

PP e AEC bloquean as propostas do BNG para dar unha solución definitiva aos problemas da estrada do Barreiro

Un dos últimos verquidos de fecais no Barreiro
Un dos últimos verquidos de fecais no Barreiro
PP e AEC bloquean as propostas do BNG para dar unha solución definitiva aos problemas da estrada do Barreiro

O BNG de Cabanas levou a pleno una amplo documento no que instaba á corporación municipal a adoptar un total de 23 acordos vencellados á mellora da seguridade na estrada provincial DP-1502 (estrada do Barreiro) e vías anexas, logo de máis dun ano de interpelacións que non foron atendidas polo goberno municipal. Porén, a iniciativa non foi adiante polo veto do bipartito PP – AEC, que suman 6 dos 11 edís da corporación.

A proposta que o BNG trasladou ao pleno é froito de máis dun ano de traballo da organización nacionalista, que mantivo neste tempo diversos encontros coa veciñanza do lugar para recoller as históricas demandas en materia de seguridade, así como para dar solución definitiva aos problemas de verquidos de fecais e riadas de lodo que se producen de maneira reiterada tras as obras realizadas pola Deputación da Coruña no anterior mandato, co Partido Popular e Diego Calvo á fronte.

“As presas do PP por querer inaugurar as obras antes das eleccións de 2015 fixeron que hoxe a veciñanza do Barreiro teña que sufrir as consecuencias”, sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG, quen admitiu non entender como o bipartito que goberna o concello pode oporse a solucionar “un problema evidente e que preocupa á veciñanza do lugar”.

Falta de sinalización básica

Nos 23 puntos do documento levado a pleno, o BNG pediu, entre outras, a instalación de sinalización en todos os cruces, o marcado de STOPs nas vías anexas que acceden ao Barreiro, espellos para mellorar a seguridade na saída de varios núcleos, un paso de peóns ou a redución da velocidade entre os núcleos do Val e os Anidos.

Sinalización específica para a zona escolar e o Camiño de Santiago

O BNG tamén solicitaba no documento rexeitado polo PP e AEC a instalación de sinalización específica para a zona escolar e o Camiño de Santiago.

No concreto, e atendendo a demanda de pais e nais do CEIP Eladia Mariño, o BNG pedía a instalación de bandas redutoras, un paso de peóns á altura do cruce co Camiño do Salgueiral e sinalización específica que alerte ás condutoras e condutores da proximidade do colexio.

Así mesmo, o Bloque tamén pediu o marcado do treito de aproximadamente 100 metros do Camiño Inglés que transcorre pola propia estrada do Barreiro. “O aumento do número de peregrinos que fan o Camiño e a ausencia de beirarrúas obríganos a ter que tomar medidas de seguridade adicionais para previr atropelos”, indicaron desde o BNG.

Unha mostra do desprezo do goberno de Cabanas pola veciñanza

O goberno municipal non aceptou ningunha destas peticións, negándose incluso a dar traslado das que non son da súa competencia a outras institucións. “Non entendemos como un goberno municipal pode desprezar solicitudes tan básicas como pintar un STOP, particularmente cando non só contan co respaldo da veciñanza, senón que emanan directamente dela”, apuntou Varela: “Se o alcalde, e o bipartito agora oficial, consideran que as preocupacións da veciñanza do Barreiro ou dos pais e nais do Colexio que recolle o BNG non son necesarias, ou, como nos dixeron no Pleno, que só facemos propostas negativas para o Concello, que veñan ao Barreiro e llo expliquen á veciñanza”, finalizou.