Orzamentos municipais 2020

Orzamentos municipais 2020

O pasado sábado aprobamos os Orzamentos municipais para o ano 2020, os primeiros desde que o BNG está no goberno de Cabanas. Son uns orzamentos nos que se fixo un especial esforzo por facer unha adaptación a realidade e, tamén, por convertelos nun instrumento para mellorar a vida da veciñanza de Cabanas no próximo exercicio.

Adaptación á realidade

Durante anos o PP estivo a presentarnos uns Orzamentos irreais, cunhas previsións que nada tiñan que ver coa execución que logo se facía dos mesmos, polo que o noso primeiro esforzo foi por adaptar estes orzamentos á realidade. Para iso omáronse como referencias a execución e a previsión do 2019 que hoxe remata e a liquidación do orzamento de 2018, así como o censo actualizado para o cobro de impostos e taxas.

Tamén se regularizou o cobro das taxas, xa que nestes meses de goberno atopámonos cun importante desaxuste nos cobros das mesmas. Así mesmo, os Orzamentos contemblan os gastos correntes financiados polo POS 2020, e as obras dos plans POS 2020 e POS Complementario, cos que se executará a reparación de varios camiños municipais (Barreiras, Travesía Barrosa e Lavandeira a Xicos).

Aposta polo social

No apartado dos gastos, e na liña da nosa actuación nos catro anos anteriores desde a oposición, apostamos por potenciar o investimento no social, fronte ás políticas do cemento. Aquí algúns exemplos:

  • Emerxencia social: + 6.000 € (de 4.000 a 10.000 €).
  • Axudas a estudos: + 8.000 € (de 2.000 a 10.000 €)
  • Igualdade, Muller, LGTBI e Conciliación Familiar: + 15.000 € (de 20.000 a 35.000 €)
  • Dependencia: + 10.000 € (de 190.000 a 200.000 €)

Máis aló da parte estritamente social, tamén melloramos outras partidas que serán de importancia durante o exercicio 2020:

  • Loita contra pragas: + 1.400 € (de 600 a 2.000 €)
  • Mellora enerxética: + 6.000 € (de 1.000 a 7.000 €)
  • Mellora en parques infantís: + 6.000 € (de 1.000 a 7.000 €)
  • Equipamento informático: + 4.000 €
  • Eventos deportivos: + 10.000 € (de 40.000 a 50.000 €)
  • Asociacionismo: + 5.000 €

Como pode verse, os incrementos son considerábeis en partidas críticas para facer do noso concello un lugar mellor para todas e todos.

Próximo reto: a participación real

Durante estes meses de goberno creamos un regulamento de participación veciñal, que tras o período de exposición pública deberá aprobarse en pleno, previsibelmente na sesión ordinaria de xaneiro. Este documento é a base para poder desenvolver o regulamento para uns orzamentos participativos, no que se estableza o modo de participación da veciñanza nas actuacións a desenvolver dentro do marco dos Orzamentos para anos futuros.

Orzamentos municipais 2020