Orzamentos 2019: a mesma receita errada, agora con electoralismo

Relación entre investimento en infraestrutura viaria e citas electorais
Relación entre investimento en infraestrutura viaria e citas electorais
Orzamentos 2019: a mesma receita errada, agora con electoralismo

O pasado día 31 foron aprobados os Orzamentos Municipais para o ano 2019 cos votos do goberno PP-AEC e o voto en contra de toda a oposición.

Foron novamente uns orzamentos preparados e presentados ás carreiras e sen consensuar. Novamente os grupos da oposición ficamos á marxe da súa elaboración, e novamente vímonos na obriga de estudalos nun tempo récord durante o Nadal: entre a recepción da primeira versión da documentación, o 24 de decembro, e a aprobación definitiva, pasou menos dunha semana. Desde o BNG volvemos lamentar que o goberno municipal siga a empregar, como leva facendo todo o mandato, esta estratexia coa que busca dificultar a fiscalización efectiva dos orzamentos por parte da oposición.

E tamén, foron uns orzamentos que continúan, coma todos os deste mandato, cunha serie de erros de deseño que desde o goberno municipal se negan a corrixir a pesar de que os advertimos xa en cada un dos anos anteriores.

Isto todo é consecuencia dunha forma de facer política na cal todo se está a facer tarde mal e a rastro, e que podemos ver neste orzamento, no que hai capítulos enteiros copiados literalmente do orzamento anterior. Prácticas que noutros concellos son habituais, como a de adaptar o diñeiro que ten cada partida de acordo co que se gastou en anos anteriores non se levan adiante en Cabanas.

O ORZAMENTO

No orzamento de 2019 volve verse como o gasto corrente está disparado en Cabanas. O goberno local non ten ningún plan para reducir este tipo de gasto, e vemos como este sube incluso en varias partidas importantes como a da iluminación. Tamén vemos como seguen aparecendo cotas de pagamentos pendentes ao equipo redactor do PXOM, unha partida na que o goberno leva incluídos máis de 200.000€ só neste mandato. Isto contrasta coa publicidade que aparece nos medios, segundo a cal o PXOM é xa un problema solucionado, o que contrasta cos informes dos funcionarios sobre os que chamamos a atención no pleno no que se aprobou, segundo os cales o PXOM pode ser botado atrás tanto pola Xunta como xudicialmente.

Son tamén uns orzamentos marcadamente electoralistas. Como xa avisabamos en anteriores orzamentos, o bipartito PP-AEC estaba a aforrar para gastar todo no período pre-electoral, e así o vemos neste orzamento. De feito, a partida que máis medra, un 373%, é a partida de obras de mantemento en infraestrutura viaria municipal, é dicir, os rebacheos. Aumenta en 80.879€, de 29.617€ en 2018 a 110.496€ en 2019. Como dixemos no pleno, parécenos moi curioso que as estradas de Cabanas xusto se deterioren todas xuntas cada catro anos, e o problema xa non é que o goberno presente un orzamento pensado en invertir en asfalto de cara ás municipais, o problema é que durante anos ese mesmo goberno deixou que os camiños se deteriorasen, nalgúns casos gravemente, sen facer absolutamente.

E mentres tanto, a política social segue a ser a grande esquecida destes orzamentos. Aínda que suba a partida de axudas ás familias (o que celebramos), esta non chega e ademais non se executa, como puidemos comprobar nas últimas contas xerais. Outras partidas, como a de axudas para pagar recibos da auga seguen conxeladas e sen gastarse, e a labor do goberno nas políticas que melloran a vida da poboación (emprego, comercio local, transporte, conciliación...) segue a ser nula.

En definitiva, son uns orzamentos que repiten o de sempre: Uns orzamentos mal deseñados, con problemas graves de orientación e buscando o electoralismo, mal tramitados, en menos dunha semana e sen participación, feitos tarde mal e a rastro e cun modelo caduco e esgotado, que non serven para este concello nin atenden as demandas e os retos de futuro da súa veciñanza.

Por sorte, os seus derradeiros orzamentos.