Un novo proxecto de mobilidade para Cabanas

Un novo proxecto de mobilidade para Cabanas

apeadoiro-cabanas-areal

Cabanas sofre as molestias derivadas da presenza de varias vías de comunicación sobre o noso territorio, sen moitas veces poder disfrutar das vantaxes da súa presenza por un mal deseño da política de transporte. É por iso que desde o BNG - Asembleas Abertas propomos un novo modelo de transporte, onde primen os peóns e as bicicletas sobre os vehículos, e o transporte público sobre o particular, e onde se busquen solucións ás molestias de mobilidade do noso concello.

Algunhas das principais propostas concretas son as seguintes:

Potenciar o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo, coa creación de carrís bici, aparcadoiros específicos en lugares de especial importancia e o establecemento dun servizo de préstamo / alugueiro das mesmas.

Reordear e mellorar as liñas de autobuses, de forma que os horarios se adecúen ás necesidades da veciñanza e non ás da empresa, aumentando as frecuencias. Tamén revisaremos a situación das marquesiñas e mellora da seguridade de acceso ás mesmas.

Recuperar, marcar e promocionar os camiños tradicionais como rutas de transporte á pé, e integralos con outros sendeiros peonís de xeito que se cree un sistema de camiños que permitiría atravesar o concello camiñando por rutas seguras para os peóns.

Mellorar a ordenación do tráfico, co fin de reducir a siniestralidade nas pistas, estradas e rúas do concello e mellorar a seguridade de vehículos e peóns na N-651 ao seu paso por Cabanas, coa creación de espazos para a circulación de peóns e pasos elevados de cruce.

Mellorar a seguridade de peóns nas pistas e estradas secundarias do concello habilitando, entre outros, pasos de cebra.

Establecer un sistema de plataforma única para a convivencia de vehículos e peóns nas pistas do concello.

Agora ben, un plan de mobilidade debe ir máis aló do ámbito local, polo que tamén impulsaremos a redacción e posta en práctica dun plano comarcal de mobilidade, que aproveite os recursos xa existentes e dote dun mellor transporte público a Cabanas en colaboración cos concellos da contorna. Así mesmo, traballaremos para o establecemento dun servizo de proximidade entre Ferrol e A Coruña, con maior frecuencia e menor prezo para recuperar o uso do Apeadoiro do Areal.

Podermos mellorar a mobilidade de Cabanas, depende do teu voto. Depende de nós.

Crédito imaxe: José Luis Cernadas en Wikipedia