Unha nova forma de gobernar

Unha nova forma de gobernar

 

 

iago-varela-bng-municipais-2015-732x412Xa basta. Nos últimos 30 anos Cabanas tivo gobernos que, lonxe de facer do noso concello un lugar mellor para todas e todas, fixeron do cemento e da especulación bandeira. Disto deriva un concello con grandes diferenzas entre as zonas urbana e rural e unha administración opaca. O BNG quere gobernar doutro xeito, e por iso nas vindeiras xornadas iremos dando a coñecer as nosas propostas para mudar Cabanas de raíz.

 

 

Coidamos que é fundamental termos un concello profesional e eficaz, onde haxa tolerancia cero coa corrupción e se eliminen actitudes clientelares e caciquís, de xeito que toda a veciñanza teña os mesmos dereitos e o acceso aos mesmos estea garantido, sen depender de prevendas ou deber favores.

 

 

É imprescindíbel que os métodos de traballo sexan estritamente profesionais e avanzarmos cara a e-administración, para podermos realizar todas as xestións municipais pola rede, co establecemento dun rexistro virtual e a renovación da páxina web. Mais tamén é preciso que as actuación rutineiras ou de mantemento das infraestruturas do Concello estean planificadas, de xeito que, en vez de ir arranxar despois de se teren producido queixas, haxa un plano de actuacións que permitirá aforrar, ao non deixar que as infraestruturas se estraguen.

 

 

Queremos un concello transparente, no que as traballadoras municipais estan ao servizo da veciñanza e non do goberno de turno, e no que se cumpra Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información e bo goberno, establecendo un mecanismo de publicidade e rendición de contas de carácter público e accesíbel.

 

 

É fundamental que toda a información municipal estea accesíbel á veciñanza con facilidade e rigor, que as comunicacións do Concello sexan plurais e apartidarias e que os resultados dos concursos públicos de calquera índole sexan difundidos inmediatamente tras a súa resolución. Tamén cremos que é básico retransmitirmos os plenos en directo por Internet e habilitar un mecanismo para que estes queden a disposición das usuarias, que poderán revisalas en calquera momento.

 

 

Aspiramos a termos un concello participativo, onde a veciñanza teña parte na xestión do Concello, coa posibilidade de levar propostas aos plenos municipais ou de escoller o destino de parte dos investimentos municipais mediante a posta en funcionamento de orzamentos participativos. Un concello no que todas as entidades sociais non só terán voz, senón que terán parte na xestión dos seus ámbitos, e no que se porán en marcha órganos parroquiais de participación para que haxa unha democracia participativa real.

 

 

Cremos que coa nosa acción no goberno podemos facer cambiar a relealidade. Queremos que a nosa acción de goberno sexa útil par a cidadanía, que haxa resultados reais que fagan mellorar a vida das persoas. Facelo posíbel, depende de nós.