Nós, a candidatura que serve para defender os intereses da veciñanza de Cabanas, os teus tamén

Nós, a candidatura que serve para defender os intereses da veciñanza de Cabanas, os teus tamén

iago varela carlos callon nos candidatura galega

 

Querida veciña. Querido veciño.

 

 

Durante os últimos 20 anos Galiza tivo voz de seu no Congreso dos Deputados a través do Bloque Nacionalista Galego. Foron as deputadas e deputados do BNG, e non os doutras forzas políticas, as que defenderon os nosos dereitos e intereses en Madrid, como tamén o fan no resto as institucións.

 

 

Hai ducias de exemplos: o BNG foi o único que defendeu os dereitos das persoas estafadas polas preferentes cando o goberno quería deixar que os bancos quedasen co roubado. O único que defende os dereitos da nosa frota pesqueira cando ante calquera nova regulación chegada de Bruxelas o Ministerio non fai nada máis que sacar axudas ao desguace. O único que loitou por un prezo digno para o noso leite mentres o goberno defendía as empresas dicindo que non podía facer nada. O único que quixo facer xustiza para as vítimas da traxedia do Alvia exixindo unha comisión de investigación que revelase a verdade e que PP e PSOE evitaron pois teñen demasiado que esconder.

 

 

O BNG tamén defendeu os nosos intereses no ámbito máis inmediato. Foi o BNG quen levou a problemática dos refugallos tóxicos que foron depositados ilegalmente preto de Vilar do Colo a todos os Parlamentos, desde o Galego até o Europeo. E no tocante ao naval, só o BNG mantivo a defensa dos estaleiros de Fene, Ferrol e Vigo ao longo de todas as lexislaturas e ámbitos. E aínda que efectivamente outras forzas teñen levado algunha iniciativa ou pregunta, cando houbo que votar polo levantamento do veto ou pola construción do dique flotante, tanto Esquerda Unida como o PSOE votaron en contra.

 

 

Como podedes ver, o BNG demostrou durante todos estes anos de traballo parlamentar ser unha forza política útil para as galegas e os galegos. Porén, nós non só cremos que é útil, pensamos que é indispensábel, e pensamos isto por dous motivos: Por unha banda, somos a única organización que é quen de levar a todos os niveis, desde o ámbito municipal até o Parlamento Galego, o Parlamento do Estado e mesmo o Parlamento Europeo, as nosas problemáticas, a defensa dos dereitos da nosa veciñanza. Pola outra, somos a única forza sen ataduras nin dependencias de ningún partido estatal que bloquee as iniciativas que xorden no noso país. Non temos medo a como se vexan as nosas posturas no resto do estado. Só respondemos polas nosas decisións ante vós, e só temos en conta os vosos intereses.

 

 

O BNG é, en definitiva, a única forza que, se tes un problema, vai estar aí para levalo ante calquera institución, e até as últimas consecuencias, como fixemos coas preferentes, coa pesca, co Alvia, co naval... e como faríamos co problema que che afectase a ti.

 

 

Mais para podermos seguir séndovos útiles precisamos continuar a ter presenza e, se é posíbel, máis peso nunha Cámara na que se toman importantes decisións para o noso futuro

 

 

Nestas eleccións o BNG preséntase formando parte da única coalición de esquerdas e clave galega, Nós Candidatura Galega. Nós Candidatura Galega é a suma de todas as persoas e organizacións que, desde a esquerda, cremos en Galiza e na nosa capacidade de decidirmos e organizármonos politicamente por nós mesmas. Nós Candidatura Galega continuará o traballo realizado polo nacionalismo galego nas Cortes durante todos estes anos, mais tamén será quen de afrontar os novos retos que se presentarán nun novo escenario sen maiorías claras, no que Galiza ten que ter voz de seu.

 

 

O 20 de decembro pido o teu voto para Nós Candidatura Galega. Para que Galiza exista e para que saiban que Galiza existe. Para que nos escoiten. Para que o noso país inflúa nas novas políticas do Estado, e así facer que decidindo sobre o noso, defendamos o de todo o mundo. E sobre todo, porque é preciso que no Congreso estea presente unha forza que se ten que defender os dereitos das galegas e galegos, os teus dereitos, non dependa de como se vaia ver esa defensa no resto do Estado.

 

 

O 20 de decembro, se Nós Candidatura Galega está, Galiza está.

 

 

Iago Varela Martínez

Concelleiro do BNG en Cabanas