PROGRAMA

Ideas Claras: Democratización, participación, transparencia e bo goberno

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas

As nosas propostas programáticas sobre o noso modelo de goberno.

Ideas Claras: Democratización, participación, transparencia e bo goberno

O goberno en Cabanas durante os últimos doce anos leva arrastrando unha serie de deixes caciquís, unha forma de traballar no que é máis importante controlar e manter o poder que traballar para mellorar o concello e a vida de toda a veciñanza.

Aínda que se poderían seleccionar moitos exemplos disto, quizais o mellor e máis claro sexa o proceso de elaboración do PXOM, no que o goberno municipal deu mostra de todo o seu catálogo de prácticas de mal goberno: primeiro traballando con ocultismo durante a súa redacción, evitando que as propostas chegasen á veciñanza e aos membros da corporación; mais tarde amosando grande falta de apertura ao diálogo ao non aceptar ningunha das propostas da oposición ao respecto; despois actuando cunha total falta de transparencia ao negarse a unha segunda exposición pública; e, por último, amosando unha concepción controladora do goberno, ao facer que a veciñanza que quería saber como lle afectaban as repercusións das alegacións do PXOM tivesen que pasar polo despacho do alcalde.

Nós queremos rematar con estes deixes antidemocráticos, coas inauguracións de última hora, cos xogos cos orzamentos nos que nunca hai cartos e aparecen, co traballar a base de chapuzas, o improvisar... que ao final acaban costando cartos aos veciños, como vimos por exemplo co caso do Penso.

Queremos gobernar doutro xeito.

Queremos ser un goberno aberto e democrático, sen actitudes clientelares e caciquís. Un goberno que sempre teña a porta aberta. Un goberno co que toda a veciñanza teña os mesmos dereitos, e no que exercer estes dereitos estea garantido, sen depender de prevendas nin deber favores.

Queremos ter un goberno profesional e eficaz, que saiba o que fai, no que as actuacións rutineiras e de mantemento estean planificadas e non esperen a que haxa desperfectos para actuar, no que a transparencia estea garantida en todos os sentidos.

Queremos traballar convosco e que formedes parte da xestión do goberno mediante mecanismos de participación e control.

Pretendemos garantir uns mínimos que a día de hoxe non se cumpren en Cabanas e que consideramos que calquera concello debería cumprir:

  • Realizar plenos abertos, nos que participe a totalidade da corporación, en todas as parroquias de xeito periódico.
  • Poñer en marcha un programa de orzamentos participativos, con criterios correctores xeográficos e temáticos, para que a veciñanza poida decidir parte dos investimentos do concello, e reservar unha porcentaxe do capítulo de investimentos do orzamento municipal para as propostas aprobadas mediante este programa.
  • Establecer un mecanismo para que a veciñanza poida participar nos plenos municipais, presentando iniciativas, intervindo ante o pleno e formulando preguntas, dúbidas ou rogos.
  • Establecer consellos sectoriais para que todas as entidades sociais teñan voz e sexan parte da xestión dos seus ámbitos de actuación, e apoiar os proxectos e iniciativas destas entidades.
  • Poñer en marcha órganos parroquiais de participación para que haxa unha democracia participativa real.
  • Avanzar cara á e-administración ampliando as xestións municipais que se poden realizar pola rede.
  • Crear un regulamento de uso de locais municipais, para poñelos a disposición da veciñanza, de forma que sexan outorgados con criterios obxectivos e non con criterios políticos.
  • Poñer toda a información municipal e sobre concursos públicos a disposición da veciñanza, e difundir os seus resultados inmediatamente despois da súa resolución.
  • Cumprir coa Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, establecendo un mecanismo de publicidade e rendición de contas de carácter público e accesíbel.
  • Dar acceso a toda a información municipal de xeito fácil a toda a veciñanza, evitando o control político do acceso á información.
  • Levar a cabo unha comunicación municipal plural e apartidaria.
  • Renovar a web municipal atendendo a criterios de accesibilidade desde calquera dispositivo.
  • Gravar e retransmitir os plenos por internet, e crear algún sistema de arquivo para que poidan ser consultados con posterioridade.
  • Poñer en marcha un sistema de control dos agasallos que poidan recibir os cargos políticos.

Porén, non só queremos cambiar a forma de gobernar no tocante á democracia e á participación.

Queremos tamén ser un goberno que defenda a veciñanza e os seus dereitos, que se mova ante todas as administracións. Nos últimos anos, os diferentes gobernos municipais puxeron sempre o afán de non molestar aos seus compañeiros de filas noutras administración antes que a defensa dos intereses da nosa veciñanza. Que mellor exemplo que esas cantidades simbólicas nunca executadas para a adaptación da Nacional 651 que levan anos e anos aparecendo nos orzamentos do estado, sen que nunca desde o Concello de Cabanas se reclamase a súa dotación con cantidades reais, nin a súa execución.

Un goberno do BNG en Cabanas moverase pola veciñanza ante todas as administracións, petaremos en todas as portas e non nos cansaremos de traballar para conseguir o que Cabanas merece e necesita.

  • Solicitarlle ao Estado a adecuación completa da N-651 ao seu paso por Cabanas.
  • Solicitarlle ao Estado a transferencia da AP9 e a gratuidade dos tramos Fene-Cabanas e Cabanas-Miño.
  • Solicitarlle ao Estado a implantación dos servizos ferroviarios de proximidade no tramo Ferrol-A Coruña, coa construción do by-pass de Infesta e o investimento nas melloras necesarias.
  • Solicitarlle ao Estado a realización das obras necesarias para mellorar os accesos á zona da praia da Madalena e evitar as inundacións.
  • Solicitarlle ao Estado a realización de obras de protección do literal contra a erosión, particularmente en Chamoso.
  • Solicitarlle á Xunta a ampliación do comedor do CEIP Eladia Mariño.
  • Solicitarlle á Xunta a inclusión de Cabanas nos Plans de Extensión de Banda Larga.