PROGRAMA

Ideas Claras: Urbanismo e Vivenda

As nosas propostas programáticas no ámbito do urbanismo e a vivenda.

Ideas Claras: Urbanismo e Vivenda

O urbanismo de Cabanas vén arrastrando unha serie de defectos de raíz, nacidos da aposta hai varias décadas por converter Cabanas nun polo de atracción do turismo de sol e praia e o foco na construción de segundas residencias.

Este modelo causa problemas: o aumento de poboación estacional satura os servizos municipais, moi especialmente o subministro de auga, que deben funcionar cun nivel de capacidade que non se corresponde coa poboación que achega impostos para sufragalos. Ademais, as segundas residencias crean áreas case desertas fóra de tempada.

O PXOM aprobado neste mandato, lonxe de solucionar estes problemas, institucionalizounos, impulsando definitivamente este modelo de turismo estacional, incluíndo previsións de sustentabilidade económica pouco realistas, hipotecando aspectos básicos para o futuro de Cabanas e contendo, ademais, erros materiais e omisións graves. O resultado do PXOM deixou á maioría da veciñanza nunha total incerteza, pois foi aprobado con modificacións importantes desde a súa primeira exposición pública sen que ninguén puidera consultalo para ver como estas lle afectan. Pedimos en reiteradas ocasións unha segunda exposición pública para que todo o mundo puidera ver os cambios, mais desde o goberno negáronse sistematicamente.

O modelo do BNG non é este. Nós defendemos un modelo urbanístico SUSTENTABLE e HUMANIZADO, que deixe de lado desenvolvementos fantasiosos e se centre en coidar o que hai, priorizando completar a malla urbana e a rehabilitación, tanto de inmobles coma de espazos degradados.

Nós queremos un concello para a súa veciñanza, un concello para vivir e para vivir ben. O urbanismo é unha ferramenta que debe estar supeditada ao benestar social da veciñanza. Mellorar as condicións de vida de toda a veciñanza é posíbel mellorando e estendendo os servizos básicos que, a día de hoxe, aínda non se desfrutan en todo o territorio, eliminando barreiras arquitectónicas ou creando novos espazos públicos e tendo en conta particularmente as especificidades da zona rural. Por iso propomos:

  • Expoñer publicamente o PXOM por segunda vez, para que toda a veciñanza teña coñecemento de como lle afectan as modificacións efectuadas. Facer o posíbel por atender as propostas da veciñanza e incorporar medidas correctoras en todos os ámbitos posíbeis, buscando outro modelo de desenvolvemento urbano e centrándose no benestar da veciñanza.
  • Rematar as redes de servizos básicos municipais (abastecemento, saneamento, electricidade, internet).
  • Potenciar a construción de equipamentos públicos, nomeadamente no rural.
  • Potenciar a rehabilitación de inmobles e espazos abandonados.
  • Crear áreas de rehabilitación integral (ARI) nas zonas con edificacións de máis de 25 anos. Isto permitirá actuacións de conservación dos edificios, así como accesibilidade e eficiencia enerxética tanto nas edificacións coma no entorno.
  • Promover o coñecemento entre a veciñanza da ARI do Camiño de Santiago e as súas posibilidades para a rehabilitación de inmobles nas zonas incluídas.
  • Poñer en marcha medidas encamiñadas a eliminar os solares abandonados e completar a malla urbana.
  • Buscar unha solución ao aillamento da zona da Madalena en colaboración co ADIF, para poder realizar unha saída secundaria á area.
  • Impulsar un plano de eliminación de barreiras arquitectónicas de cara a facer Cabanas un concello 100% accesíbel, incluíndo a creación de parques infantís de nivel 3.

O modelo de turismo de verán e segunda residencia que se impulsou desde o goberno municipal ten un segundo efecto: o prezo da vivenda en Cabanas é desorbitado, e a especulación do mercado inmobiliario está a facer que a mocidade que dá os primeiros pasos cara á emancipación se vexa expulsada de Cabanas. É vital non expulsarmos poboación, e particularmente á mocidade, xa que queremos que constrúan aquí as súas vidas e que non se vexan obrigados a facelo en Madrid, na Coruña ou en Narón. As nosas propostas neste eido son:

  • Promover a creación de vivenda protexida de promoción autonómica.
  • Promover a construción de vivenda protexida en réxime de aluguer especificamente para menores de 35 anos, para así apoiar un primeiro paso cara á emancipación.
  • Promover axudas para a rehabilitación de vivendas abandonadas, mediante a creación dunha oficina de rehabilitación, en colaboración con outros concellos da contorna.
  • Actuar desde a área de servizos sociais para evitar desafiuzamentos.
  • Creación dun banco de vivendas para facilitar os trámites de alugueiros entre propietarios e arrendadores.