PROGRAMA

Ideas Claras: Servizos municipais e redes básicas

As nosas propostas programáticas no ámbito dos servizos municipais, as redes básicas, o acceso á rede e a xestión do lixo.

Ideas Claras: Servizos municipais e redes básicas

Os servizos municipais en Cabanas levan anos sufrindo pola falta de coidado do goberno municipal. No BNG defendemos un modelo de servizos públicos de calidade, priorizando o modelo de xestión directa e evitando os negocios das privatizacións, que lonxe de ser ningunha solución, empobrecen e encarecen o servizo. As nosas propostas neste eido son:

  • Estudar a remunicipalización de todas as concesións recuperábeis para a administración pública, sexa por parte do Concello de Cabanas en exclusiva ou en agrupación con outros concellos, e nomeadamente, as do subministro de auga, o saneamento e a recollida de lixo.
  • Rematar as redes de subministración básica en todo o territorio municipal.
  • Rebaixar o prezo da auga eliminando o lucro da concesionaria.
  • Establecer un método de control das subas de tensión e os apagóns no alumeado público.
  • Traballar para a separación total da rede de pluviais e fecais e o fin das fugas nos sumidoiros.
  • Crear puntos de recarga de vehículos eléctricos.
  • Reacondicionar, mellorar e manter en bo estado os parques infantís
  • Reservar fondos propios para cubrir un número mínimo de prazas de socorrismo polo menos durante os meses de xullo e agosto.
  • Aumentar a dotación en seguridade, dotando a segunda praza de Policía Local e mellorando as condicións e a dotación da Agrupación de Protección Civil.

En pleno 2019, o acceso á rede é un dereito básico da cidadanía, e un servizo público dunha importancia comparábel ao abastecemento ou o saneamento. Os usos da internet van moito máis alá da comunicación e o ocio, sendo unha ferramenta imprescindíbel para xestionar trámites, levar o control da actividade de empresas ou estudar e formarnos.

A calidade das conexións no noso concello non sempre está á altura, e ademais presenta importantes diferenzas entre zonas. Por exemplo, temos unhas poucas vivendas con acceso a conexións de calidade de 500 megas no núcleo do Areal, mais a poucos metros non se chega aos 3 megas, e en moitos núcleos do concello non se acada nin tan sequera un. Por outra banda, as operadoras non semellan ter interese no concello para os seus plans de expansión. Esta situación fai imposíbel a implantación no noso concello daquelas iniciativas para as cales a conexión é imprescindíbel.

O noso obxectivo é facer de Cabanas un concello conectado a unha rede de calidade, que servirá para mellorar a vida de todas as veciñas e veciños e pór en valor a economía do concello.

  • Elaborar un plan estratéxico para a mellora do acceso a Internet no municipio, coa finalidade de poñer data á fin da fenda dixital que sofre a veciñanza na actualidade.
  • Dotar de cobertura de Internet por fibra óptica neutra no 100% do territorio, coa alternativa do WiMAX ou satélite nos lugares onde isto non sexa posible.
  • Levar a cabo medidas para favorecer o acceso a Internet á cidadanía, mediante bonificacións a persoas sen emprego ou con menos recursos.
  • Establecer zonas wi-fi de balde no 100% das instalacións municipais, na contorna do paseo marítimo e noutros lugares de especial importancia para o concello, coma pavillóns, concello, Escola Laica, antigas escolas unitarias...
  • Impulsar a impartición de cursos de formación e, nomeadamente, de cursos de alfabetización dixital.

A xestión dos residuos sólidos urbanos é un problema cada vez maior para os concellos galegos. O modelo de incineración de Sogama, caro e contaminante, suma unha factura de máis de 280.000 € cada ano só en Cabanas e é rexeitado cada vez por máis concellos, que buscan alternativas.

Tamén é importante o problema da compostaxe, xa que aínda que son numerosos os fogares de Cabanas que fabrican o seu propio compost a partir de restos orgánicos, existe unha porcentaxe moi alta de veciñanza que se atopa con problemas á hora de desfacerse dos restos orgánicos de podas e sega. A miúdo estes restos van parar ao contedor verde, incrementando de xeito significativo a factura que o concello ten que pagar a Sogama pola xestión dos refugallos, pero noutras ocasións estes restos acaban sendo abandonados, causando impacto nos camiños e na paisaxe e ocasionando outros problemas como sedimentación ou escorrentías.

Por último, en Cabanas os problemas de xestión de outros residuos a nivel local son aínda maiores ao non terse aberto aínda o Punto Limpo, que permitirá a reciclaxe de refugallos non eliminables no circuíto habitual.

  • Estudar novas formas de recollida de lixo, de xeito que permitan o abaratamento: Mellora da eficiencia da recollida, estudo do sistema de recollida porta a porta...
  • Remunicipalizar a recollida de lixo, aforrando cando menos 15.000€ ao ano.
  • Ampliar e promover os programas de recollida selectiva de lixo, estudando a introdución de bonificacións na facturación por alta eficiencia de reciclaxe.
  • Abrir á maior brevidade o Punto Limpo compartido co Concello de Fene.
  • Aumentar os puntos de recollida de residuos especiais coma o aceite doméstico.
  • Promover a compostaxe doméstica, mediante campañas específicas e a instalación de pequenas centrais de compostaxe comunal seladas, de xeito que non haxa contacto cos residuos desde o exterior, evitando o acceso de animais, e a emisión de gases e lixiviados, así coma o cheiro.
  • Levar a cabo campañas específicas entre a poboación escolarizada no concello.