PROGRAMA

Ideas Claras: A nosa lingua, o Galego

As nosas propostas programáticas no ámbito lingüístico

Ideas Claras: A nosa lingua, o Galego

Os concellos teñen un largo abano de posibilidades de actuación práctica no impulso ao uso social da lingua galega en ámbitos diversos. O actual contexto socio-lingüístico, de perda de falantes e estancamento cando non retroceso en ámbitos decisivos, así como o non respecto dos dereitos das persoas galegofalantes, etc. fai que o papel en prol da normalización que cómpre desenvolver desde os concellos se torne crucial.

As nosas propostas resúmense nunha idea básica: O BNG comprométese a promover a Lingua Galega e o seu uso normalizado e garantir os dereitos lingüísticos da veciñanza. En máis detalle, as nosas propostas son:

  • Crear un servizo de normalización lingüística estábel, dotado de recursos humanos e dotación orzamentaria suficientes, que xestionará e executará as accións e as medidas necesarias para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais.
  • Promover unha revisión e actualización dos acordos e normas municipais en materia de uso da lingua guiada polo criterio da transversalidade da normalización lingüística en todos os ámbitos da acción municipal.
  • Apoiar o asociacionismo a prol da lingua como unha garantía de avance nas políticas lingüísticas que xulgan prioritaria a defensa do galego e a aposta pola diversidade lingüística.
  • Considerar a infancia e a mocidade sectores estratéxicos a que irán orientadas boa parte das medidas que se desenvolverán. Por tanto, será un labor continuado deseñar medidas e ofrecer actividades para a socialización en galego, tanto en colaboración con centros de ensino de todos os niveis, como con outras entidades ou ámbitos de especial relevancia para a socialización da infancia e da mocidade.
  • Comprometerse a aplicar as medidas incluídas no Plan xeral de normalización da lingua galega.
  • Aproveitar o potencial normalizador que presta o carácter internacional da nosa lingua co obxectivo de incrementar a autoestima lingüística da cidadanía e de enfatizar a proxección do galego. Realizar todas as presións necesarias para facilitar e facer realidade a recepción das televisións de Portugal na Galiza.
  • Garantir que todas as accións do concello procuren unha maior valoración, calidade e uso do galego, como por exemplo a comunicación municipal, as contratacións de empresas, as intervencións dos cargos públicos, os actos xurídicos, a contratación de persoal, a concesión de subvencións, os programas de formación etc.
  • Recuperar a microtoponimia e incorporar as denominacións do rueiro.
  • Solicitar dos medios de comunicación que respecten a lingua das noticias xeradas en galego.
  • Traballar a prol da diversidade lingüística e cultural desde o orgullo do noso.