PROGRAMA

Ideas Claras: Emprego, Industria e Comercio

As nosas ideas programáticas nos ámbitos do emprego, a industria e o comercio.

Ideas Claras: Emprego, Industria e Comercio

Conscientes da situación na que se atopa o emprego na nosa comarca, dende o BNG defendemos unha política activa de creación e mantemento dos postos de traballo. Mais o goberno municipal pode ser tamén un factor de creación de riqueza mediante a promoción do tecido económico local, facendo especial fincapé no comercio de proximidade e nas medidas de formación para a mellora da inserción laboral, podemos ocasionar importantes beneficios.

Ademais, consideramos que desde o concello temos a responsabilidade de garantir o dereito ao traballo na propia terra, e evitar e emigración, particularmente da nosa mocidade. As nosas propostas neste eido son:

  • Crear unha Concellaría de Emprego e Formación, cun orzamento que permitirá unha maior capacidade de actuación e unha acción que vaia máis alá de paliar as consecuencias do desemprego, actuando nas súas causas e traballando por desenvolver novas oportunidades laborais mediante o impulso de áreas específicas (servizos a domicilio, atención á infancia, novas tecnoloxías da información e comunicación e axuda á mocidade con dificultades e persoas dependentes) como resultado da actuación municipal.
  • Crear un plano de emprego que fomente a diversificación sectorial do emprego, tendo en conta as zonas rurais, e o fomento á creación de emprego en novas actividades de acordo coas nosas políticas.
  • Reordenar as áreas industriais de Cabanas, reorganizando e concentrando a actividade industrial en áreas especializadas.
  • Crear un Plano de Emprego Xuvenil para facilitar que a mocidade atope emprego en Cabanas, e poida así quedarse no concello. Este plan incluirá medidas para que desde o concello se potencien as prácticas profesionais nas empresas de Cabanas.
  • Asinar convenios coas universidades para facer períodos de prácticas e traballos de fin de grao e master que teñan por obxecto o concello nos servizos municipais, e así contribuír á obtención de información valiosa para o desenvolvemento do Concello.
  • Poñer en marcha medidas para asesorar os proxectos empresarias e de autoemprego.
  • Poñer en funcionamento un viveiro de empresas, preferentemente vinculadas ás TICs e aos ámbitos de actividade xa existentes no concello, de xeito que os egresados universitarios e de Formación Profesional, pero tamén o resto da poboación, poidan levar adiante proxectos empresariais ligados ao territorio, con asesoramento do persoal do Concello e bonificacións, facilitando os trámites administrativos para poñer en marcha un proxecto empresarial, e mesmo habilitando espazo físico no que estas iniciativas teñan un lugar para arrincar a súa actividade.
  • Elaborar un plano específico para a inserción laboral feminina.
  • Potenciar o Polígono de Vilar do Colo e facilitar o establecemento nel, mellorando as súas condicións e o acceso á rede.

O Comercio en Cabanas leva anos sen ser unha prioridade dos diferentes gobernos municipais. Nós queremos potenciar o comercio de proximidade, e en especial o do Areal como zona comercial. E para iso é básico conseguir por fin a adaptación e a transferencia da Nacional 651, e faremos diso unha das nosas prioridades. Mais tamén crearemos campañas específicas de promoción do consumo local, entre outras propostas

  • Impulsar e promover do comercio local con campañas a prol dun consumo local “merca en Cabanas”. Estas incluirán tanto a promoción do consumo da produción local coma o fomento da compra no comercio local.
  • Establecer a compra preferente no comercio local por parte dos servizos dependentes do concello, coma o comedor escolar.
  • Regular os horarios de apertura e vetar a instalación de grandes centros comerciais no territorio municipal.
  • Establecer medidas fiscais que promovan a ocupación de baixos de cara a evitar a presenza de locais baleiros.
  • Promover a produción de alternativas autóctonas e ecolóxicas e crear un mercado do rural.
  • Recuperar e potenciar as feiras, e en particular a Feira do 21.