PROGRAMA

Ideas Claras: Cultura

As nosas propostas programáticas no ámbito da cultura, o patrimonio e a memoria histórica

Ideas Claras: Cultura

Cabanas é un concello rico en patrimonio cultural, e é preciso poñelo en valor, dalo a coñecer e organizar o xeito de visitalo e de desfrutalo. Petroglifos, castros, igrexas... mais tamén as casas dos indianos ou os refuxios dos escapados nas Fragas, son vestixios dun pasado cargado de historia.

Mais esta riqueza cultural non se ve correspondida coa promoción e a actividade cultural que leva a cabo o Concello de Cabanas, e que son máis ben escasas para un concello do noso peso poboacional. Desde o BNG cremos que temos que levar a cabo unha política cultural na que as entidades culturais teñan o papel protagonista, mais no que o concello sexa tamén un foco de promoción cultural.

Ademais, consideramos que é necesario entender a política cultural como unha actividade inserida na nosa realidade social e lingüística e que a política cultural do concello estea verdadeiramente enraizada no país.

As nosas propostas neste eido son:

  • Crear ou recuperar infraestruturas, como a Escola Laica ou a Casa de Xan Ares, entre outras, para o seu uso polivalente e de promoción cultural.
  • Diversificar a actividade cultural, de cara a achegala a todos os grupos sociais e a diversos ámbitos de interese.
  • Promover a participación das entidades e asociacións culturais na xestión cultural do noso concello.
  • Promover os grupos locais de música, facilitando espazos como locais de ensaio e incentivando a creación musical popular, tradicional e contemporánea
  • Impulsar o apoio ao teatro aficionado.
  • Crear unha biblioteca municipal con áreas de actividades (estudo e traballo, actividades infantís, etc) e reforzando a súa profesionalización. Para fomentar o uso desta nova instalación, así como para incrementar o hábito da lectura, crearemos un concurso literario que recollerá varios xéneros e categorías.
  • Poñer en valor o noso patrimonio cultural, ambiental e arqueolóxico, de cara ao seu desfrute por parte da veciñanza e á mellora da atracción turística, e integrándoo na estratexia educativa, cultural e turística do Concello, creando paquetes de actividades que o poñan en valor e o dean a coñecer.
  • Dignificar a lingua galega e apoiar a creación e difusión cultural en calquera das súas manifestacións.
  • Converter a romaría de Santa Marta nunha gran festa na que a cultura sexa protagonista.

Nun concello coma o noso, especialmente reprimido na Guerra Civil e na Posguerra, o goberno municipal esqueceu a memoria histórica como política municipal. Por iso propomos:

  • Expresar a condena como concello do golpe de estado militar de 1936 e á Ditadura franquista
  • Promover o desenvolvemento dun programa de actividades (en colaboración con entidades da memoria e outros concellos) arredor da memoria histórica, a represión e a resistencia contra o fascismo.
  • Organizar unha homenaxe pública aos cargos políticos e aos traballadores e traballadoras de Cabanas que foron vítimas da represión franquista.
  • Eliminar, suprimir ou anular os acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración do concello coa Ditadura
  • Promover o coñecemento e honrar a memoria das persoas que se viron obrigadas a fuxir ás Fragas do Eume, así como da veciñanza colaboradora.
  • Fomentar a investigación da historia local.