Iago Varela: “fronte o bipartidismo a catro, o BNG aposta por darlle voz ao noso país”

Iago Varela: “fronte o bipartidismo a catro, o BNG aposta por darlle voz ao noso país”

 

iago varela beatriz bascoy cabanas - 1O pasado sábado tivo lugar o acto central de campaña do BNG – Nós Candidatura Galega en Cabanas, celebrado ao carón do Piñeiral da Madalena, onde hai poucos meses o Partido Popular acometeu unha tala masiva de piñeiros sans pola que a día de hoxe seguen sen dar explicacións claras.

 

 

No acto, o voceiro municipal do BNG, Iago Varela, criticou que as forzas do “novo bipartidismo a catro” non fosen quen de poñerse de acordo durante estes meses, permitindo que Mariano Rajoy siga sendo presidente. “Fonte ás forzas políticas da propaganda propoñemos unha alternativa clara e coñecida, que ten como carta de presentación o traballo de 20 anos de representación de Galiza nas Cortes Xerais a través das deputadas e deputados do BNG”.

 

 

“No noso concello elimináronse os perigosos pasos a nivel sobre a vía do tren porque así o exixiron as deputadas e deputados do BNG no Congreso”, lembrou Varela, quen tamén lamentou que “nin os da vella nin os da nova política fosen a Madrid a traballar”, en referencia a que durante estes meses tan só 2 dos 23 deputados escollidos por Galiza presentaron máis dunha iniciativa política á semana.

 

 

iago varela beatriz bascoy cabanas - 2

 

 

Pola súa banda, a candidata ao Senado e alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, falou da candidatura do BNG, formada por “persoas que levan a terra no corazón, na cabeza e na palabra”, e lembrou que todos os concellos da comarca foron defendidos nas Cortes Xerais desde que o BNG conseguiu representación en 1996.

 

 

Bascoy instou ás presentes a revisar os programas do resto de formacións políticas para buscar palabras como leite, rías, naval... problemáticas básicas de Galiza que as alternativas ao BNG non teñen en conta. “O programa do BNG fala de nós, por iso, para defendernos, é imprescindíbel que Galiza recupere a voz en Madrid”, concluíu.