O BNG REITERA O APOIO ÁS REIVINDICACIÓNS DAS AFECTADAS

O grupo parlamentar do BNG reúnese coas persoas afectadas polo peche de Motorkar

Xuntanza do BNG coa plataforma de afectadas de Motorkar
Xuntanza do BNG coa plataforma de afectadas de Motorkar
O grupo parlamentar do BNG reúnese coas persoas afectadas polo peche de Motorkar

O grupo parlamentar do BNG recibiu esta mañá no Parlamento Galego a unha representación das persoas afectadas polo peche de Motorkar, concesionario oficial de Opel para a zona de Ferrolterra, Eume e Ortegal, con instalacións nos concellos de Cabanas e Ferrol.

As máis de corenta persoas afectadas adiantaron cartos (chegando até os 28.000 €) para a compra de automóbiles e viron como Motorkar foi dilatando ben a entrega ben a matriculación dos automóbiles, nalgúns casos durante máis dun ano. Agora, co anuncio do peche, a compañía négase a entregar os vehículos e tampouco quere devolver os cartos. Durante a reunión, as usuarias explicaron a súa situación e, ante o risco  de que desde a Opel retiren os seus automóbiles das instalacións de Motorkar para cobrar os créditos pendentes desta, chamaron tamén á Opel a corresponsabilizarse do ocorrido e darlles unha solución.

As afectadas foron recibidas pola voceira de industria do BNG, a deputada Noa Presas, que lles explicou os puntos da proposición non de lei presentada ante o Parlamento, aínda pendente de data para o seu debate, na que o BNG “solicita ao goberno galego que tome as medidas necesarias para que o persoal cobre os salarios adebedados na súa totalidade, insta a iniciar unha investigación ao Servizo Galego de Consumo e chama á compañía Opel a corresponsabilizarse ao respecto da situación xerada”, explicou Presas.

Tamén acudiron á reunión a responsábel comarcal do BNG, Mercedes Tobío, e o vicerresponsábel e voceiro municipal en Cabanas, Iago Varela. Varela lembrou que ademais das clientas afectadas, “Motorkar adebédalle varios meses de salario ás 22 persoas despedidas”, e explicou as medidas tomadas a nível local, coa presentación de iniciativas ante os plenos de varios concellos da comarca, “e nomeadamente o de Cabanas, como principal base da compañía” para pedir a solución ao conflito.

Todas as partes coincidiron en sinalar a temeridade da xestión de Motorkar, pois “as dificultades económicas da empresa eran coñecidas polos seus xestores desde hai máis dun ano, e mentres tanto non fixeron nada por evitalo, senón que continuaron a súa actividade deixando de pagar aos traballadores e aumentando o número de persoas afectadas, ao vender automóbiles sabendo que nunca os podería entregar”, engadiu Noa Presas.

Desde o BNG, Iago Varela reiterou “a total posta a disposición do BNG das afectadas, o apoio a todas as mobilizacións e o compromiso de proseguir coa ofensiva institucional para lograr unha solución satisfactoria ao conflito de Motorkar”.