A PROPOSTA DO BNG FOI BLOQUEADA CO VOTO EN CONTRA DO PP E A ABSTENCIÓN DE AEC

O goberno bipartito bloquea a exixencia de investimentos para Cabanas nos Orzamentos do Estado

Casa do Concello de Cabanas
Casa do Concello de Cabanas
O goberno bipartito bloquea a exixencia de investimentos para Cabanas nos Orzamentos do Estado

O goberno municipal de Cabanas bloqueou no pleno de onte, 26 de abril, unha moción que solicitaba unha serie de novos investimentos para Cabanas nos Orzamentos Xerais do Estado.

A moción, presentada polo BNG, denunciaba que nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2017 só se comprometen 1.300 euros para investimentos en Cabanas, correspondentes á partida “Actuacións para a reparación da Estrada N-651 P.K. 20+500 ao 26+900, no termo municipal de Cabanas (A Coruña)”. 

En palabras do voceiro municipal, Iago Varela: “Cabanas foi ignorada nestes Orzamentos do Estado. Os cartos previstos non chegan nin para comezar a resolver os problemas da N-651, e todos os outros problemas de Cabanas é coma se non existisen para o PP”.

A iniciativa  propuña que o pleno instase ao Goberno central a incluír financiamento para medidas como a mellora da seguridade viaria da N-651 ao seu paso por Cabanas ou a gratuidade da AP-9 nos tramos Fene-Cabanas e Cabanas-Miño; así como melloras nos servizos ferroviarios coma a modernización da liña Ferrol-A Coruña, a construción do by-pass de Infesta e a redacción dun Plan para establecer servizos de proximidade na comarca.

A moción tamén rexeitaba o “recortazo” en investimentos nos Orzamentos deste ano (442 millóns de € menos para o conxunto de Galiza), e lamentaba o esquecemento por parte do goberno do Estado dos sectores produtivos galegos, ao tempo que criticaba a discriminación dos Concellos galegos nos criterios de reparto dos fondos do Estado, nos que recibe 50€ menos por habitante (194,94€) que o conxunto do Estado (243,52€).
Porén, a moción foi rexeitada cos votos en contra do PP e abstención AEC. “Parécenos lamentable que o goberno municipal antepoña o seu partido aos intereses da veciñanza de Cabanas”, dixo Varela. “Se non veñen tentar conseguir o mellor para Cabanas, deberían reflexionar que fan gobernando, porque se o que van facer é defender o PP, que vaian deixando paso”, concluíu.